Aseguran que a falta de médicas e enfermeiros, que provocou en 2019 que unha anciá agonizase durante oito horas sen asisencia, é habitual e pon en perigo a saúde e a vida dos residentes.
A Coruña.- Medio centenar de usuarios, traballadores e familiares de residentes da residencia de maiores Concepción Arenal da Coruña, na que se investiga a morte dunha muller que faleceu en decembro de 2019 sen recibir asistencia médica tras oito horas de agonía, manifestáronse de novo o pasado xoves ás portas do centro para reclamar máis medios materiais, sanitarios e humanos á empresa que a administra.
A residencia é de titularidade pública, pero a Xunta privatizouna deixando a súa xestión en mans privadas. Desde o pasado xuño, a contratista é Clece Vitam, a empresa multiservicios do conglomerado societario do construtor Florentino Pérez, presidente do Real Madrid e da multinacional ACS.
As traballadoras do centro presentaron unha denuncia na Fiscalía alertando de que a falta de persoal, especialmente sanitario, ademais de obrigalas a estender as súas xornadas e asumir unha enorme carga de traballo suplementario, pon en perigo a capacidade para atender e coidar adecuadamente aos internos, 150 persoas na actualidade.
En decembro de 2019, unha muller de 85 anos morreu por broncoaspiración tras atragoarse, despois de agonizar durante oito horas sen que ningún médico nin enfermeira puidese atendela porque a dirección da residencia non destinara ningún de garda esa noite.
Nas horas previas, a muller mostrara síntomas evidentes de estar enferma, como febre, palidez, taquicardia e respiración alterada, segundo describiron as auxiliares que si traballaron esa noite.
«Segue habendo persoas que se atragoan e segue sendo habitual que en moitas quendas de traballo non haxa médicas nin enfermeiros na residencia», aseguraba ás portas do centro unha delegada sindical, que preferiu non dar o seu nome para non sufrir represalias da empresa.
O caso da interna falecida en 2019 está en mans do xulgado de Instrución Número 6 da Coruña, tras unha querela criminal presentada por unha médico e unha enfermeira contra a dirección do centro, á que acusan de homicidio por imprudencia profesional ao deixar sen persoal sanitario un centro de cinco plantas con 150 internos, aos que aquela noite só podían atender tres auxiliares de enfermería.
A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia está imputada nese caso como responsable civil subsidiaria, e a acusación asegura que non cumpriu a súa deber de emendar as deficiencias materiais, humanas e laborais do centro e garantir a seguridade dos seus usuarios, a pesar de que se trata dunha residencia pública e a pesar das reiteradas denuncias de traballadoras, usuarias e familiares.
Á concentración, vixiada por unha patrulla do Corpo Nacional de Policía, asistiron a concelleira de Podemos no Concello da Coruña, Isabel Faraldo, quen brindou o seu apoio ás reclamacións de traballadoras, usuarias e familiares, e Marina Ortega, portavoz de sanidade do grupo socialista no Parlamento de Galicia.
«Resulta inaudito que suceda algo así nunha residencia pública«», dixo a deputada, quen advertiu de que Galicia é a comunidade autónoma española con menor índice de inspectores de servizos sociais a pesar de que é a que conta con maior número relativo de usuarios de residencias de maiores.
«Coas persoas residentes non se mercadea, non poden ser moeda de cambio para beneficio duns poucos».
Na concentración tamén estaban numerosas representantes da CIG, central que enviou un comunicado recollendo declaracións doutra delegada: «Non queremos ser cómplices deste abuso e da precariedade do servizo. Coas persoas residentes non se mercadea, non poden ser moeda de cambio para beneficio duns poucos».
A CIG demanda que sexa a Xunta quen xestione directamente as residencias públicas, así como un incremento das prazas e do gasto público por praza «para garantir unha atención digna e unhas condicións laborais decentes».
Luzes-Público tentou obter a versión da dirección da residencia e de Clece Vitam, pero non obtivo resposta. O grupo ACS, núcleo do conglomerado empresarial de Florentino Pérez, obtivo o ano pasado 3.045 millóns de euros de beneficio neto atribuíble. Ese ano, o soldo de Pérez -sen contar os seus beneficios como principal accionista do grupo- foi de 6 millóns de euros.