A Xunta suma dúas décadas de incumprimento da normativa europea de espazos protexidos

Galicia é a comunidade española con menos territorio Rede Natura e a Comisión Europea advirte que nin sequera eses espazos contan con instrumentos adecuados de protección

A Coruña- A Xunta leva máis de dúas décadas incumprindo a lexislación europea en materia de espazos protexidos e a Comisión Europea cre que o plan director elaborado polo goberno que agora preside Alfonso Rueda é insuficiente para garantir a correcta xestión e a protección dos espazos e ecosistemas naturais protexidos da Rede Natura 2000 na comunidade.

A Comisión, que hai sete anos abriu expediente a España pola falta de aplicación da directiva europea para a conservación dos hábitats e a fauna e flora, aprobada en 1992 e trasposta á lexislación a partir do 1997, anunciou que seguirá adiante co procedemento de infracción polos incumprimentos observados en varias comunidades autónomas, entre elas Galicia.

A Comisión Europea considera que o Plan Director presentado pola Xunta para a xestión e protección de espazos Natura 2000 incumpre «os requisitos da directiva de hábitats con respecto ás sesenta e cinco zonas especiais de conservación de Galicia».

Así figura na resposta escrita ofrecida o mes pasado polo comisario de Medio Ambiente, o lituano Virginijus Sinkevicius, a unha pregunta do eurodeputado socialista Nicolás Casares, quen se dirixiu ao executivo comunitario tras o incendio que o verán pasado arrasou máis de 11.000 hectáreas da serra do Courel.

Fragas do Eume.

Tratouse, lembraba o deputado, do incendio con maior superficie queimada desde que existen rexistros en Galicia, e que durante catorce días calcinou unha área de incalculable valor ecolóxico que forma parte da zona de especial protección (ZEC) Ancares-Courel, unha das 65 sobre as que a Xunta incumpriu a normativa comunitaria.

«O procedemento de infracción contra España vén motivado pola falta de fixación de obxectivos de conservación suficientemente detallados para cada lugar e de medidas de conservación cuantificadas para zonas especiais de conservación en varias rexións, incluída Galicia», lembra Sinkevicius.

Bruxelas abriu expediente a España en 2015, e hai dous anos enviou a España unha segunda carta de emprazamento –o segundo paso no procedemento de infracción–. «A Comisión non dubidará en seguir adiante con este procedemento de infracción no caso de que sexa necesario», asegura na súa resposta o comisario, cuxo gabinete indicou a Luzes-Público que non pode ofrecer información máis detallada sobre a situación do expediente.

«Despois de trinta anos de que se aprobase a directiva, Galicia só ten un 12% do seu territorio baixo a protección de Rede Natura 2000», advirte Nicolás Casares. Iso representa menos da metade da porcentaxe de superficie protexida en España, e case catro veces menos dos índices que presentan outras comunidades como Canarias (42,4%) e Madrid (39,9%), ás que seguen A Rioxa (33,2%) e Estremadura (30,2%).

O Invernadoiro.

De feito, Galicia é a autonomía con menos superficie protexida do Estado. «Non só é que apenas teñamos zonas incluídas en Rede Natura, senón que, tal e como advertiu a Comisión, nin sequera as que están nela contan cos instrumentos adecuados para a súa xestión», engade o eurodeputado socialista.

A Rede Natura 2000 é o principal instrumento para a conservación da natureza na UE, ten por obxecto deter a perda de biodiversidade e garantir a supervivencia a longo prazo de especies e hábitats.

A inclusión dunha área determinada na rede europea de espazos protexidos debe garantir a súa protección con normas moito máis ríxidas fronte a agresións como as urbanísticas e industriais, o que en Galicia afectaría moi notablemente a proxectos impulsados ou apoiados pola Xunta.

Especialmente os megaparques eólicos das grandes empresas eléctricas; a xestión forestal destinada á proliferación de eucaliptais en favor da celulosa Ence –en cuxo consello de administración sentan dous altos cargos do PP, a primeira ministra de Medio Ambiente de Aznar, Isabel Tocino, e o primeiro conselleiro de Medio Ambiente de Manuel Fraga, Carlos del Álamo–, e os proxectos de macrogranxas industriais que impulsan empresas como Coren, aliada do PP de Manuel Baltar en Ourense.

Luzes-Público pediu á Xunta unha valoración sobre o tema, pero a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que dirixe Ángeles Vázquez, non respondeu as preguntas deste medio.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail