Megan Fox ou como aprendín a amar o «terror para chicas»

Advertencia: spoilers para a película Jennifer’s Body (2009).

Needy: Sabes que? Nunca fuches unha boa amiga. Xa cando eramos pequenas, roubabas os meus xoguetes e tirabas limonada na miña cama.

Jennifer: E agora estou comendo o teu mozo. Ves? Polo menos son consistente.

Unha das razóns polas que nunca me gustou o xénero de terror é porque, honestamente, a ansiedade non é unha sensación que busque sentir a propósito. Eu son máis de comedias románticas, películas para adolescentes e musicais; non teño un espíritu preparado para a angustia de ver a unha rapaza escapar dun señor cunha macheta durante unha hora e media. Porén, cando vin por primeira vez a película de 2009 Jennifer’s Body, escrita por Diablo Cody (Juno, Young Adult) e dirixida por Karyn Kusama (AEON FLUX), tiven unha experiencia extracorporal.

Jennifer’s Body é unha comedia de terror estadounidense que vai sobre amizades tóxicas entre rapazas, violencia contra as mulleres e os seus corpos e vinganza. Jeniffer (Megan Fox), unha adolescente extremadamente atractiva e moi en control da súa sexualidade, é asasinada por un grupo de música indie cutre como sacrificio ao demo para alcanzar a fama. O caso é que para que o sacrificio funcione a rapaza ten que ser virxe, e Jennifer non é nada diso, polo que en lugar de morrer traxicamente, transfórmase nun súcubo (un ser demónico así moi sexi que seduce a homes para matalos e así absorber a súa enerxía vital). E claro, Jennifer empeza a alimentarse dos seus compañeiros de instituto. Cando ten fame, está cansa e demacrada. Cando está satisfeita, está resplandecente. E quen se decata desta transformación? A súa mellor amiga Needy (Amanda Seyfried), que está claramente namorada dela e ca que ten unha conexión familiarmente tóxica para moitas rapazas que pasaron os seus anos de educación secundaria no armario.

Antes de continuar, quero expoñer un par de convencións do xénero de terror coas que teño unha relación complicada:

  1. Rapaza final (Final Girl): Rapaza nova, xeralmente de pelo escuro, que queda como única supervivente nunha película de cine slasher (subxénero do cine de terror). Esta rapaza, segundo as convencións do xénero, non pode ter relacións sexuais, consumir drogas ou exhibir un comportamento demasiado feminino (exemplos: Friday the 13th, The Texas Chainsaw Masacre).
  2. Morte por sexo (Death by Sex): Se nunha película de terror unha parella nova ten relacións sexuais, é que van morrer. E se unha muller, particularmente unha muller loira, ten relacións sexuais, vai morrer dunha forma explícita e morbosa (exemplos: Friday the 13th, Nightmare in Elm Street).
Megan Fox en Jennifer’s body.

Hai moitas formas nas que Jennifer’s Body lles dá a volta a estes tópicos; sen ir máis lonxe, algo tan superficial como que a morena Jennifer é a que está en control da súa sexualidade, en contraste coa loira Needy, que se ben si ten relacións sexuais co seu mozo, parece que o seu enfoque co sexo é máis parecido a unha tarefa que se sinte obrigada a levar a cabo que a algo que lle apeteza facer. Pero supoño que a forma na que máis claramente se lle dá a volta ás convencións do xénero é no momento no que o feito de que Jennifer non sexa virxe é o que a salva de morrer en mans duns homes que queren instrumentalizar o seu corpo para o seu propio beneficio. É a súa sexualidade o que lle salva a vida. Para ben ou para mal.

Sen querer dar eu máis spoilers, Jennifer’s Body é unha película divertida, ben feita, revolucionara para o xénero (sobre todo tendo en conta que ten xa máis de 10 anos) e plagada de momentos icónicos, interpretacións brillantes e frases que viven na consciencia colectiva daqueles que souberon apreciar a película. «Estás matando xente!», berra unha escandalizada Needy. «Non», contesta Jennifer, «estou matando rapaces».

A pesar de que Jennifer’s Body acadou (merecidamente) o nivel de película de culto, non foi ata anos máis tarde, despois do #MeToo e de que colectivamente comezaramos a entender a extensión da violencia cara ás mulleres na sociedade actual. Inicialmente a película foi un fracaso comercial que afectou profundamente as carreiras de Megan Fox e Diablo Cody en particular. A razón do fracaso parece ata demasiado obvia a día de hoxe; a propia Cody di que ela era consciente da película que estaba facendo era para rapazas adolescentes, e nas palabras de Megan Fox: «A xente esperaba que Jennifer’s Body tivera moitísimo éxito. Pero tiña dúbidas. A película é sobre unha animadora lesbiana comehomes caníbal, e iso xa elimina ao americano medio. É obviamente unha película sobre o poder das rapazas, pero tamén o é sobre o medo que poden dar. As rapazas poden ser un pesadelo».

O estudio, 2oth Century Fox, estableceu de forma inamobible que a película ía ter un marketing pensado en atraer a un público de homes de entre 18 e 30 anos, capitalizado na hipersexualización do corpo de Megan Fox na cultura popular. Intentaron usar o corpo de Megan, Megan’s Body, para atraer a o público equivocado a ver unha película complicada, rara e oscura pensada para rapazas adolescentes. A película foi un fracaso pola decisión do estudio de non confiar en Diablo Cody, que sabía para quen escribira o guión, e por non ver o reclamo de Megan máis aló do seu corpo, da súa sexualización.

Afortunadamente, a película atopou o seu público (que son eu, entre outras moitas persoas). E Jennifer’s Body creou un espazo no xénero para outras películas de terror «para chicas». Películas que exploran os medos e ansiedades das mulleres, das rapazas adolescentes. Películas nas que o reclamo deixa de ser un corpo. Películas como The Witch (2015), Raw (2016), The Invisible Man (2020) e ata a aclamada e controvertida Promising Young Woman (2020), clara herdeira do clásico de culto de Diablo Cody.

Carey Mulligan en Promising Young Woman (2020).

Igual si que me interesa ver unha película que me axude a explorar as miñas propias ansiedades. Igual o terror non me disgusta tanto. E mira, o múndo débelle unha desculpa a Megan Fox. Igual precisamos máis películas de animadoras lesbianas caníbales. Igual precisamos máis Megan Fox.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail