Díaz Ayuso e Moreno Bonilla multiplicaron as adxudicacións á empresa onde é directiva a irmá de Feijóo

A Coruña.- Isabel Díaz Ayuso e Juan Manuel Moreno Bonilla multiplicaron as contratacións da Comunidade Autónoma de Madrid e da Junta de Andalucía co Grupo Eulen, a empresa da que é directiva Micaela Núñez Feijóo, irmá do presidente do PP, desde que en 2019 ambos chegaron á presidencia das súas respectivas comunidades. O seu compañeiro de partido Fernando López Miras procedeu da mesma maneira en Murcia tras facerse co poder en 2017.

A irmá menor do líder do PP é a directora para o noroeste de España do Grupo Eulen, unha empresa con orixe en Bilbao que se converteu nunha das principais provedoras de servizos a empresas e administracións, especialmente nos sectores de limpeza e seguridade, con máis de 75.000 empregados en España e outra decena de países.

Eulen tamén viu multiplicadas as adxudicacións da Xunta en Galicia desde que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao mando da Administración autonómica en 2009. Os seus gobernos asignaron á firma da súa irmá máis de 34 millóns de euros en 13 anos de mandato, e os do seu sucesor, Alfonso Rueda, levan máis de 17 millóns nos dous últimos exercicios.

Ayuso e Feijóo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Comunidade de Madrid

En total son máis de 54 millóns de euros, é dicir unha media de 3,6 millóns ao ano. Coa Xunta anterior, gobernada por PSOE e BNG, os contratos de Eulen co Goberno de Galicia non chegaban aos 800.000 euros anuais.

Incremento do negocio cos gobernos do PP

Esa tendencia ao incremento do negocio da compañía de Micaela Núñez Feijóo coas administracións autonómicas rexístrase tamén noutras comunidades gobernadas polo PP como Madrid, Andalucía e tamén Murcia, onde Eulen viu aumentar sensiblemente o seu volume de concursos gañados desde que Moreno Bonilla, Díaz Ayuso e López Miras accederon ao poder.

Segundo os datos que figuran na plataforma de contratación pública da Junta de Andalucía, os gabinetes de Susana Díaz (PSOE) adxudicaran ás sociedades de Eulen 49,28 millóns de euros en seis anos e medio entre 2013 e xaneiro de 2019, cando Moreno Bonilla a sucedeu. Desde entón ata hoxe, é dicir, nun período de cinco anos e medio, a cifra elévase a 73,97 millóns de euros, un incremento bruto superior ao 50%.

Feijóo e Moreno Bonilla presumen dunha sólida amizade desde antes de que o primeiro presidise o PP e o segundo, Andalucía. Déixanse ver con frecuencia en contornas distendidas coas súas respectivas parellas. De feito, o 24 de agosto de 2022 acudiron xuntos a un concerto de C. Tangana en Vigo, convidados á zona VIP por Alfonso Rueda. A Xunta aínda non explicou quen pagou aquelas entradas.

Se cos predecesores de Díaz Ayuso Eulen obtiña do Goberno madrileño unha media de menos de 150.000 euros por exercicio, con ela son uns 3,11 millóns anuais. É dicir, 20 veces máis.

En Madrid a subida das contratacións de Eulen é aínda máis rechamante. Nos catro anos que van desde mediados de 2015 e o verán de 2019, baixo os gobernos sucesivos de Ángel Garrido, Pedro Rollán e Cristina Cifuentes, Madrid adxudicou ás sociedades do grupo contratos por valor de menos de 600.000 euros, segundo figura na web de transparencia da Comunidade. Desde a chegada de Díaz Ayuso, que foi investida o 14 de agosto de 2019, ata hoxe, xa van máis de 15 millóns de euros en cinco anos.

Se cos seus predecesores Eulen obtiña do Goberno madrileño unha media de menos de 150.000 euros por exercicio, con Díaz Ayuso son uns 3,11 millóns anuais. É dicir, 20 veces máis.

Na Región de Murcia, desde a chegada á presidencia de Fernando López Miras en maio de 2017, as filiais do Grupo Eulen contrataron co seu Goberno por valor de máis de cinco millóns de euros; máis de 715.000 euros ao ano. Entre 2014 e 2017, os seus predecesores —Ramón Luis Valcárcel, Alberto Garre e Pedro Antonio Sánchez— non chegaron conxuntamente aos 1,24 millóns en total. Uns 413.000 euros por exercicio. Un 73% menos que con López Miras.

507 contratos en Andalucía desde 2019

Durante o mandato de Moreno Bonilla en Andalucía, o Grupo Eulen recibiu ata o de agora 507 adxudicacións, a maioría delas, 308, obtidas pola sociedade cabeceira do grupo, Eulen SA, que levou máis de 57 millóns en contratos ordinarios e outros 1,5 millóns en contratos menores —os de valor inferior a 40.000 euros se se trata de adxudicacións de obras ou de menos de 15.000 euros se son para a prestación de servizos—.

No últimos cinco anos e medio, Eulen SA aumentou en case un 90% as licitacións gañadas cos gobernos do actual presidente andaluz en relación ás que recibía cos executivos socialistas. A firma principal do grupo rexistra máis do 77% de todas as adxudicacións que obtivo con Moreno Bonilla. Séguena Eulen Seguridad SA, con 11,62 millóns; Eulen Servicios Sociosanitarios SA, con 2,87 millóns, e a unión temporal de empresas entre Eulen SA e Ferroser, que gañou contratos por valor doutros 2,4 millóns.

Rueda e Feijóo, nun mitin / Foto: PP

O maior contrato que Eulen recibiu ata a data en Andalucía elévase a 26,3 millóns de euros, imposto sobre o valor engadido (IVE) incluído, e foi adxudicado polo Servicio Andaluz de Saúde (SAS) á citada empresa en cinco lotes asignados entre maio e xuño de 2022. O seu obxecto é o servizo de limpeza, xestión de residuos e subministración de material aos centros sanitarios adscritos á plataforma do SAS na provincia de Córdoba.

Se en Andalucía a fonte prinicipal de negocio da sociedade para a que traballa a irmá do presidente do PP é Eulen SA, en Madrid a listaxe lidéraa Eulen Seguridad, que recibiu cos gobernos de Isabel Díaz Ayuso máis do 80% de todas as adxudicacións que obtivo o grupo durante o mandato da presidenta madrileña.

Eulen Seguridade en Madrid: 70 veces máis adxudicacións

Fronte aos pouco máis de 176.000 euros que obtivo cos executivos anteriores a agosto de 2019, desde entón ata a actualidade a Comunidade contratou con Eulen Seguridade por un valor superior aos 12,5 millóns, é dicir 70 veces máis.

O maior contrato que esa compañía recibiu con Ayuso, asinado o pasado 31 de maio, son 10,3 millóns da Consellería de Medio Ambiente a través da Canle de Isabel II para servizos auxiliares e de seguridade nas institucións do organismo, que se licitaron en cinco lotes por un prezo base de máis de 106 millóns. En xuño do ano pasado, o mesmo departamento entregou a Eulen Seguridade outro lote de 2,11 millóns para a subministración e a instalación de sistemas electrónicos de seguridade na Canle de Isabel II.

Feijóo, Ayuso e Casado, con outros cargos do PP durante a última convención do partido / Foto: PP

Ademais da filial de seguridade, Eulen Servicios Sociosanitarios multiplicou por 18 a súa cifra de negocio coa Administración madrileña, ao pasar de 156.000 euros no período 2015-2019 a preto de 2,8 millóns desde entón. Pola súa banda, Eulen SA creceu apenas un 2,6%, pasando de 231.916 euros a 237.872 euros en cada período.

Na Región de Murcia, os dous maiores contratos con empresas do grupo Eulen asináronse baixo o mandato de Fernando López Miras: 2.976.532 euros do Servicio Murciano de Saúde (SMS) para limpeza, desinfección e xardinería en varios centros sanitarios, e outros 1.886.504,76 euros do mesmo organismo para o mesmo obxectivo na central de esterilización do Hospital General Universitario Reina Sofía.

Entre ambos suman máis de 4,86 millóns de euros, preto do 78% de todas as adxudicacións que a empresa onde é directiva a irmá de Feijóo recibiu da Administración murciana desde 2014.

Sen resposta

Luzes-Público tentou obter unha valoración da información recollida neste texto das tres administracións implicadas. Nin a Comunidad de Madrid nin a Junta de Andalucía nin o Goberno da Región de Murcia responderan ao ofrecemento ao peche deste artigo.

A dirección do grupo Eulen tamén declinou ofrecer a súa versión.

Con respecto á Xunta de Galicia, a presidencia de Alfonso Rueda si que contestou que cumpre estritamente a lexislación en materia de contratación pública e que a empresa onde é directiva a irmá de Alberto Núñez Feijóo é unha multinacional cunha facturación anual superior aos 1.700 millóns de euros que obtén adxudicacións de administracións de todas as cores políticas.

O PSOE reclama os contratos

Tras as informacións relevadas por Luzes-Público, o PSOE reclamou que se fagan públicos todos os contratos da Xunta coa empresa da irmá de Feijóo. O grupo socialista no Congreso tamén pediu os contratos da Administración autonómica de Galicia coa sociedade Universal Support, cuxo director comercial é o cuñado de Feijóo, Ignacio Cárdenas, irmán da parella do presidente do PP, Eva Cárdenas.

O pasado 2 de abril, Luzes-Público publicou que Universal Support facturara 15,2 millóns de euros de fondos destinados á loita contra o covid entre 2021 e 2022, cando o actual presidente do PP aínda o era da Xunta.

Ao día seguinte, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) desvelou que a sociedade vinculada ao cuñado de Feijóo gañara coa oferta máis cara outro concurso da Xunta sufragado con máis de catro millóns de euros de fondos covid.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail