O mércores pasado o BOE traía novidades en materia de substancias psicotrópicas. Publicábase a orde ministerial do 14 de agosto que incorporaba novas «drogas» ao anexo 1 do Real Decreto 2829/1977. Referímonos ao decreto que, ao tempo que regula substancias e preparados psicotrópicos, establece a base legal para fiscalizar e inspeccionar a súa fabricación, distribución, prescrición e dispensación. Noutras palabras: o cerne da política de drogas e do réxime de poder que leva implícito.
Porén, a orde do 14 de agosto non foi máis que un pequeno paso nunha longa historia que comezou en 1971 e que nos últimos anos está a pasar por un momento crítico. Aquel ano, por efecto das políticas de Nixon contra os movementos de liberación, fora aprobado o convenio de Nacións Unidas no que se asentaría a «Guerra contra as Drogas». A España franquista non tardaría en subscribir o 20 de xullo de 1973 e logo da súa entrada en vigor, o 16 de agosto de 1976, pasou a formar parte dos consensos constitucionais do 78 sen maior problema.
Durante todos estes anos foron ben poucas as voces discrepantes, sempre situadas ou desprazadas ás marxes dos centros de decisión política. E non será que as políticas punitivas non causaron inmensos danos e dor a milleiros. Mais a idea absurda, sempre verificada, dunha guerra que se podería gañar pola vía punitiva, perdurou e aínda perdura no tempo; bastante máis xa que a Lei Seca, non menos fracasada no seu obxectivo.
Desde principios dos setenta ata hoxe, a Guerra contra as Drogas non só non evitou os efectos negativos dos consumos. Pola contra, provocou un verdadeiro desastre que só en tempos máis recentes comezou a ser posto en cuestión polos responsábeis das políticas públicas. Non deixa de ser sintomático, por isto mesmo, que sexa o Presidente de Colombia, Gustavo Petro, quen lidere hoxe con maior coraxe a fin do paradigma nixoniano.
Mais é que os propios EEUU legalizaron cannabis, psilocibina e outros compostos considerados como perigosos e clasificados como tales nas listas. Nesta liña avanzan moitos países; algúns realmente decisivos na nosa contorna como é Alemaña, que acaba de sacar adiante unha ambiciosa lei para o cannabis. Vai de seu que non todo é unha evolución lineal con final feliz (a poderosa axencia norteamericana FDA vetou o paso final que lle quedaba ao MDMA para deixar a ilegalidade). Mais tampouco se pode obviar que estamos perante unha tendencia global que amosa unha balanza favorábel.
No entanto, o goberno de España non semella ser quen de se recolocar no novo contexto. Ou non o fai coa coraxe que lle correspondería; tanto por non sintonizar coas políticas máis progresistas, como por non quedar descolgado dos países máis avantaxados. A pasada lexislatura apuntáranse algúns movementos esperanzadores no Congreso ao se constituír unha subcomisión para abordar o cannabis medicinal. Coa chegada de Mónica García ao Ministerio, a cousa prometía. Tiveron lugar reunións e tanteos varios, pero logo dun primeiro momento a cousa foi esmorecendo.
O problema, cando menos en parte, xa viña de antes. Por unha banda, a separación entre cannabis recreativo e medicinal xa apuntaba un tratamento reducionista e instrumental da cuestión. Certo é que, coas maiorías parlamentarias na man, este era un xeito de xerar unha maioría lexislativa viábel que incorporase a partidos moderados como o PNV, artífice da subcomisión na cámara lexislativa. Mais non é menos certo que isto levaba o tema a un terreo no que a presión do activismo cannábico se complicaba.
Pola outra banda, o PSOE, de sempre oposto a unha legalización aberta, transparente e democrática, voltou ás andadas que sabe logo de ver a Ayuso abrir a fronte da demagoxia. Sexa como for, o certo é que o PSC endureceu a represión en Barcelona, cidade pioneira pola súa política de clubes cannábicos. Hai unhas semanas, trinta asociacións foron advertidas polo concello de que tiñan que cesar a súa actividade. Non semella, pois, que os socialistas estean por unha política á altura dos tempos.
A orde ministerial brindaba unha ocasión para abrir un debate público sobre o réxime farmacolóxico que impulsa o neoliberalismo (non é casual que España sexa o primeiro consumidor mundial de benzodiacepinas, con todo o que isto implica). Pola contra, optouse por non abrir o melón e actualizar sen máis as listas da esmorecente Guerra contra as Drogas. Mágoa de oportunidade para entrar a fondo no que vai ser un debate decisivo da sociedade por vir. Mudar de paradigma nun mundo cambiante no que caen os consensos fallidos vai ser imperativo. Faise tarde.