As dúbidas de Ana Pontón deixan en shock ao nacionalismo galego

A portavoz nacional do Bloque anuncia que abre un período de reflexión persoal» para decidir o seu futuro

A Coruña.- O anuncio de Ana Pontón de que se toma «un período de reflexión persoal» sobre a súa continuidade á fronte do BNG deixou en shock ao nacionalismo galego, que desde as eleccións autonómicas en xullo do 2020 vivía o momento máis doce do seu case corenta anos historia. O medo a que abandone a líder que logrou coser o partido e convertelo na única ameaza ao reinado absolutista de Feijóo en Galicia ateaza desde esta mañá á dirección e á comprometida militancia do Bloque.

Nin sequera na contorna máis próxima da portavoz nacional esperaban que o curso político fose empezar cunha insinuación que revoluciona todos os seus plans. «Quero abrir un período de reflexión persoal sobre a miña continuidade», veu dicirlles Pontón na reunión da executiva nacional celebrada este xoves pola mañá, na que a dirección ía preparar o arranque do novo exercicio.

Algúns dos asistentes nin sequera puideron reaccionar. Horas despois, a portavoz enviou un tweet no que apenas daba pistas sobre os motivos de fondo para abrir xusto agora un debate dese calado: «O BNG debe ser o actor decisivo na política galega e aspirar a presidir a Xunta. Neste marco abro unha reflexión persoal sobre o meu papel», escribiu.

Para entender a situación, cabe lembrar que Ana Pontón, politóloga de 44 anos e nai dunha nena, acaba de converter hai pouco máis dun ano ao BNG na segunda forza política de Galicia, tras superar en cinco escanos e 58.000 votos nas autonómicas a un PSOE que non soubo acoller ao electorado de centro esquerda e de esquerda desencantado co caótico período das mareas.

Pontón, quen se iniciou nos movementos nacionalistas estudiantales e que liderou Galiza Nova, a organización xuvenil do partido, levantou ao Bloque desde unha situación dramática, cando accedeu á portavocía nacional da formación no 2016. Ese ano o BNG quedou con seis escanos no Parlamento autonómico, por baixo da metade da representación que lograran os socialistas e as mareas nunha cámara de 75 deputados.

En apenas oito anos, Pontón revitalizou e renovou as estruturas da formación, devolveu a ilusión a unha militancia desencantada coas batallas internas da primeira metade da década pasada, triplicou os resultados electorais -19 escanos- e, sobre todo, erixiuse na única figura política capaz de facerlle sombra a Feijóo. Mesmo entre o electorado do PP.

«Non é que Ana concite apoios ou que saiba construír maiorías, é que nunca antes un líder do Bloque gozara de semellante nivel de lexitimación interna e de simpatía externa. Somos unha organización que valora a diversidade, pero no caso de Ana o apoio é unánime», asegura un membro da Executiva do Bloque, quen, a pesar da súa anella amizade coa portavoz nacional, recoñece que non sabía nada da súa decisión.

Non é que Pontón se tiña ido xa. Pero a mera insinuación de que dubida sobre se seguir ou non parece indicar nesa dirección. Porque podería ter iniciada e concluída a mesma reflexión persoal sen facela pública. «O mellor para o BNG e para Galicia sería que Ana seguise.  Se fose noutro contexto penso que seguiría, pero neste contexto non o dou por seguro.», afirma a citada fonte.

O Bloque ten previsto celebrar a súa asamblea nacional a principios de novembro. Ata hoxe ninguén dubidaba que ía ser un proceso construtivo, tranquilo e fácil, destinado a arroupar á líder do partido e a reforzar a convicción interna de que, como sucedeu con Fraga, é cousa de tempo que Feijóo caia nas urnas ou se vaia, e de que será o BNG quen estea aí para recuperar a Xunta, na que gobernou como segunda forza na coalición co PSOE que dirixiu o Executivo galego entre o 2005 e o 2009. Ana Pontón era a condición imprescindible que sustentaba ese soño de recuperar a Xunta, e que agora parece romper.

Ana Pontón, na Quintana, no Día da Patria Galega / Foto: BNG

Algunhas fontes insinúan que a mensaxe que deu esta mañá podería ser «un aviso a navegantes» destinado a acalar algunhas voces que expoñen que o traballo parlamentario e de dirección estarían a minguar a capacidade da executiva para traballar con idénticos resultados no reforzo territorial e orgánico do partido, e que Pontón tería lanzado un órdago para suprimilas de raíz.

Outras mesmo insinúan que a dirección podería estar a abrir outro debate dirixido a ir convencendo á militancia das supostas vantaxes de volver aos tempos nos que o BNG funcionaba cunha dirección bicéfala ao estilo do PNV, cun secretario xeral diferenciado da figura do candidato ás autonómicas e portavoz parlamentario.

Podería ser, pero non parece haber nada diso. Entre outras cousas porque o Bloque é consciente de que aquela fórmula xerou enorme tensións internas durante décadas que acabaron cunha dolorosa e sanguenta escisión, que derivou nos seis escanos que recolleu Pontón. Ninguén entre as fontes próximas á dirección do Bloque consultadas por Luzes-Público confirmou que esa fórmula estea sobre a mesa.

No que si coinciden varias desas persoas é que o que a portavoz nacional está a valorar é a necesidade persoal de deixar a primeira liña da política e o enorme custo persoal e familiar que supón. Máis aínda cando, segundo quen a coñecen, é consciente de que o que o partido lle reclama agora é redobrar o traballo e o esforzo que fixo ata o de agora, para derrotar ao PP -ou polo menos para evitar que revalide a maioría absoluta- nas eleccións do 2024, e para preparar ás estruturas da organización para gobernar a Xunta.

Se esas cábalas fosen acertadas, é dicir se Pontón chegase a presidir o Goberno autonómico e esgotase a lexislatura, ela chegaría ao 2028 con 52 anos. E a súa filla, que agora ten dezanove meses, tería nove anos. Talvez o que lle pese é perder eses anos. Aínda que isto tamén é unha cábala, porque iso só o sabe ela e onte preferiu derivar na súa contorna calquera declaración pública.

Pero sucede que ás veces as cábalas teñen un fundamento veraz, e o certo é que as que o Bloque se facía sobre a chegada á Xunta poderían non estar moi desencamiñadas. Precisamente porque Pontón é a única figura política que concita simpatías en case todo o espectro político en Galicia. Incluído, como dixemos, o electorado de Feijóo, que conta cun importante sector galeguista moderado no que Pontón goza dunha valoración moi positiva.

«Iso é revolucionario para o BNG. Mesmo nos mellores momentos electorais de Beiras o Bloque sabía que tiña un teito electoral. Pero con Ana, ese teito desaparecera», sostén un membro da executiva.

O liderado de Pontón é ou era tan indiscutible que á hora de insinuar un cartel sucesorio nin sequera serven as cábalas, porque ningunha figura do partido se destacou como posible recambio, nin voluntaria nin involuntariamente. O BNG conta con dezanove deputados no Parlamento autonómico, un no Congreso dos Deputados, unha no Parlamento Europeo, unha trintena de alcaldías e varios centenares de concelleiros e concelleiras. Así que os nomes saen a varrer se se queren facer quinielas.

O máis probable, con todo, é que quen responden a eses nomes tamén estean en estado de shock, e que, polo menos polo de agora, ningún faga ningún movemento que non estea dirixido, precisamente, no sentido contrario a postularse como sucesor ou sucesora. É dicir, en convencer a Pontón de que siga dirixíndoos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail