Para setembro

«Dejo seis para septiembre».

S.A. ¿Qué tal los exámenes?

 

«Ya es septiembre y yo no voy a estar».

Los Enemigos. Septiembre.

«Septiembre» era unha canción de Los Enemigos —baseada en feitos reais— que narraba o suicidio dun adolescente ao que lle puido a presión ante os exames que marcan a fin do verán. Setembro chega este ano —outro máis—, con miles de profesores sen destino definitivo, coa incógnita de saber se se cubrirán moitas prazas aínda pendentes e cun aumento —si, outro máis— de aulas de ensino concertado mentres pechan unidades do público. Pero vaiamos por partes…

Un instituto dunha vila coruñesa contaba o curso pasado con catro profesores de galego que, ademais desa materia, debían dar outras como francés, latín ou cultura clásica. Este ano, á falta da adxudicación definitiva, o número de docentes no departamento redúcese a tres. Algunha explicación por parte da Xunta? Ningunha.

A menos de vinte quilómetros, nun concello case limítrofe, unha desas raras excepcións en que a poboación nova segue a medrar, o instituto —nunha situación xa límite no que o número de alumnos/docentes se refire— aumenta a cantidade de matriculados en cincuenta máis. Cal é a resposta da Consellería? Manter exactamente a mesma cifra de profesores.

Trátase apenas de dous casos que coñezo de primeira man, pero seguro que cada un de vós pode engadir uns cantos máis. A precariedade do noso ensino público é algo tan estendido que xa ninguén se sorprende e mesmo semellamos aceptalo con resignación ata que nos toca directamente. A falla de medios humanos é, quizais, o problema máis ferinte, pero non, nin moito menos, o único. O caso do alumnado obrigado a escoller relixión no seu itinerario se quere cursar robótica —pode haber dúas materias máis contraditorias?— é recorrente e non hai reparto de horas lectivas que poida aclaralo. E que dicir das absurdas reválidas que a Consellería nos di que non podemos chamar así? Probas sen repercusión no expediente ás que só acoden os rapaces cuxos pais non teñen alternativa de conciliación e que a nosa administración persistiu en manter por puro seguidismo político e por non admitir o fracaso da LOMCE.

A renovación imperiosa do cadro de persoal fixo que, nos últimos anos, a convocatoria de oposicións regresase —nalgunhas materias, practicamente unha década despois— con todo o bombo do aparato de propaganda, pero nin aínda así se vai poder repoñer o número dos que se xubilan. A mellora salarial pactada para os vindeiros anos só con dous dos sindicatos é ridícula, se temos en conta o que perderon durante os anos da crise e o comparamos, por exemplo, coa prometida equiparación dos policías nacionais cos corpos autonómicos, nomeadamente os mossos d’esquadra (moito máis útiles que os mestres, por exemplo, á hora de manter a indivisible unidade de España). Se hai que falar de equiparación, un informe de UXT aseguraba, o pasado febreiro, que os profesores galegos son os terceiros que menos cobran, pero supoño que non terán dereito a queixarse porque xa sabemos que non pegan pancada e teñen moitísimas vacacións…

No medio deste debate, cambia o Goberno e a nova ministra presenta medidas que fan que o conselleiro —en realidade, os cinco do PP, como un só home— marche da conferencia sectorial de Educación. Cal foi a barbaridade proposta por Celáa? Reducir o número de horas lectivas por docente de 25 a 20; baixar a ratio de alumnos —algo que en Galicia non debería afectar… se realmente se cumprise sempre o estipulado— e, por último, non agardar dez días para substituír un profe de baixa. Román Rodríguez estima en 66 millóns o custo de aplicar esta medida en Galicia. A súa Consellería ten neste 2018 un orzamento de 2.391 millóns. Nas contas máis expansivas dende 2010 foi o segundo departamento que menos creceu, apenas un 2%, só por diante de Facenda. Xa se sabe que gobernar é, sobre todo, fixar prioridades.

Ao contrario que ao protagonista da canción que abre o artigo, non parece que ao departamento de Rodríguez lle vaia poder a presión. Preséntanse aos exames de setembro sen ter estudado pero coa confianza do que pensa que iso está tirado ou ben leva o peto cheo de chuletas. A volta ás clases é xa cuestión de días. Entón confirmaremos con cantas materias pendentes vai comezar o curso. Outro máis.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail