Galicia segue con máis paro e menos emprego que antes da crise de 2008 tras 15 anos de políticas do PP

A Coruña.- Despois de 15 anos consecutivos de políticas do Partido Popular con Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda á fronte da Xunta, Galicia ten hoxe máis paro e menos poboación ocupada que antes da crise financeira de 2008. Así o indican os datos da enquisa de poboación activa (EPA) relativos ao segundo trimestre do ano, que o Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo públicos o pasado venres.

A EPA baséase nunha sondaxe que analiza a situación sociolaboral de 65.000 familias —unhas 200.000 persoas—, cuxos resultados o INE extrapola logo a toda a poboación do Estado. A súa metodoloxía considera ocupado a quen declara realizar un traballo remunerado durante polo menos unha hora na semana anterior á enquisa, e parado a quen non cumpre ese parámetro.

As cifras, por tanto, son estimacións que non coinciden nin coas dos traballadores que cotizan á Seguridade Social nin co número oficial de parados rexistrados no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Pero as tendencias que apunta a EPA adoitan conformar a fotografía máis fiable da evolución do mercado laboral.

Segundo os datos da enquisa de poboación activa, Galicia tiña 1.135.600 ocupados no segundo trimestre deste ano; é dicir, 66.000 menos que os 1.202.200 que rexistrou no segundo trimestre de 2008, e 80.000 menos que os 1,216 millóns do terceiro trimestre dese ano. Foi daquela cando se declarou a quebra do banco estadounidense Lehman Brothers, momento no que a maioría de analistas datan a data simbólica do inicio da crise financeira.

Galicia ten hoxe 17.000 traballadores ocupados menos dos que tiña cando Feijóo chegou á Xunta en 2009

Feijóo gañou a súa primeira maioría absoluta seis meses despois da quebra de Lehmans e foi investido presidente da Xunta en maio de 2009. Nese trimestre, entre abril e xuño, a EPA rexistrou 1.152.900 traballadores ocupados en Galicia; é dicir, ao redor de 17.000 máis dos que hai agora, con Rueda á fronte do Executivo autonómico tras tres lustros de gobernos do PP na comunidade.

A taxa de paro tamén segue sendo superior agora que no mesmo período de 2008: un 9,54% fronte ao 8,25% de entón. O desemprego creceu en Galicia en todos os tramos de idade, especialmente entre os traballadores máis novos —pasou do 19,45 ao 27,21% entre os menores de 25—. Si baixou a taxa de paro feminino, pero de maneira residual: do 10,56% ao 10,19%; é dicir, 37 centésimas en 16 anos.

As cifras reais de afiliacións á Seguridade Social corroboran o debuxo que fai a EPA do mercado laboral galego. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2007 e 2008 alcanzáronse os maiores picos de afiliados na comunidade, con 1.091 e 1.095 millóns de persoas cotizando nos meses de agosto e xullo deses anos. O último dato é do xuño pasado, cando se rexistrou o máximo de afiliacións no que vai deste exercicio: non chegaban a 1.085 millóns.

O portavoz de economía e emprego da executiva do PSOE galego, Abel Losada, declarou o venres que os datos da EPA demostran que a evolución do mercado laboral galego é «alarmantemente inferior á do conxunto de España, tanto en termos de ocupación como de desemprego».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail