A Xunta gasta en axudas ao inglés para un colexio privado dez veces máis que ao galego nun público

A Coruña.- A Xunta de Galicia aprobou axudas de 5.200 euros para que 75 colexios e institutos privados da comunidade poidan contratar persoal auxiliar para conversación en linguas estranxeiras cos estudantes, principalmente inglés. Esa cifra contrasta cos 523 euros de media que reciben os 860 centros públicos de ensino non universitario aos que a Administración autonómica lles aprobou programas especiais para a promoción do uso do galego entre o alumnado.

Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), do ano 2023, durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda o galego foi superado polo castelán como o idioma máis falado do país, e atópase en evidente situación de retroceso no sistema público de ensino. Un terzo dos nenos e adolescentes de entre cinco e 14 anos, afirma o estudo do IGE, saben «pouco ou nada» da lingua oficial de Galicia, e menos do 20% prefíreno ao castelán para falar cos seus compañeiros, fronte ao 36% de 2008, o ano anterior a que Feijóo recuperara a Xunta para o PP. Dous anos despois, anulou o decreto do anterior Goberno bipartito de PSOE e BNG que contemplaba que o 50% das materias do sistema público debían cursarse en galego.

O pasado 3 de xuño, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional do Goberno de Rueda, que dirixe Román Rodríguez, concedeu 390.000 euros a 75 colexios privados concertados para que cubrisen, con 5.200 euros para cada un, parte dos gastos de contratación de axudantes para conversación en idiomas estranxeiros no curso que acaba de terminar.

Entre eses centros figura o colexio Sagrado Corazón de Xesús de Pontevedra, propiedade da Fundación Educativa Xesuitinas e onde, segundo informou a propia Xunta, estudaron as dúas fillas do presidente galego. Nunha visita ao centro o pasado 30 de marzo, Rueda lembrou aos alumnos que «o colexio é algo que marca moitísimo», segundo informou o seu gabinete nun comunicado de prensa difundido ese día.

189 euros para promoción do galego

O pasado 12 de xuño, nove días despois da resolución das axudas ao inglés, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a cargo de José López Campos, aprobou outros 449.929 euros en subvencións para 860 colexios e institutos de titularidade pública que presentaran programas específicos para a promoción do uso do galego para o curso 2025-2026. Neste caso, as cantidades por proxecto oscilan entre os 189 e os 1.152 euros, a unha media de 523,17 euros por centro.

O conselleiro de Educación da Xunta, Román Rodríguez (i), xoga ao futbolín con estudantes dun instituto de secundaria da Estrada (Pontevedra) / Foto: Xunta

«Con ese diñeiro tes para comprar unhas cantas cartolinas e ceras de cores, pero nada máis», afirma Lois Pérez, mestre rural e portavoz en Lugo do Sindicato de Traballadoras e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG). Pérez desenvolveu varios proxectos de promoción do galego nas aulas e asegura que o orzamento da Xunta destinado a estes recortouse nun 70% desde que o PP chegou o poder.

Só entre os 75 colexios e institutos concertados beneficiarios das axudas ao inglés levan un 11,5% máis que os 663 centros públicos das provincias da Coruña e Pontevedra para promoción da lingua oficial de Galicia, e máis do triplo que os 197 das provincias de Lugo e Ourense. O pasado 18 de xuño, a Xunta aprobou outros 45.000 euros para proxectos de promoción do galego en 112 colexios privados, a unha media de 401 euros para cada un.

A Xunta non responde

Luzes-Público dirixiuse á Xunta para interesarse polas razóns polas que o Executivo autonómico destina máis diñeiro ás linguas estranxeiras nos centros privados de ensino concertado que ao galego nos colexios e institutos públicos, e se considera que aquelas se atopan en peor situación ca este no sistema educativo. Á hora na que se terminou de escribir este artigo non recibira resposta.

O orzamento da Xunta en educación, máis de 3.000 millóns de euros en 2025, está hoxe un 5% por baixo do de hai 17 anos. En 2008 foi de 2.344 millóns de euros expresados en cantidades correntes, é dicir sen tomar en conta o efecto da inflación. Se se lle aplica a esa cifra o mecanismo corrector para adaptala ao incremento de prezos desde ese ano, a cantidade, en euros constantes, representaría hoxe máis de 3.180 millóns.

Segundo o IGE, os gobernos do PP pecharon 174 centros públicos de ensino públicos, é dicir, o 12,6% dos que había en 2008. As administracións de Feijóo e Rueda atribuírono á crise demográfica, aínda que o certo é que os datos do mesmo instituto sinalan que no mesmo período de tempo as matriculacións só descenderon un 4,5%.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail