A Coruña.- O xulgado do Social número 1 de Santiago celebra este martes tres vistas orais consecutivas por demandas por vulneración de dereitos fundamentais na Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) doutros tantos xornalistas dos seus servizos informativos. O máximo responsable da CRTVG é Alfonso Sánchez Izquierdo, quen dirixe os medios públicos galegos desde que o PP accedeu ao poder na Xunta en 2009.
As xornalistas acusan á empresa de frear a súa carreira profesional e de cambialas recentemente de posto de traballo en represalia por criticar nas súas redes sociais ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo; por negarse a alterar noticias en beneficio dos intereses do Goberno dese partido na Xunta ou polo seu apoio ao movemento Defende a Galega, que protesta para denunciar as represalias que sofren quenes se opoñen á manipulación informativa.
O xulgado sinalou as tres vistas orais para a mañá do martes. Celebraránse de forma consecutiva ás 9.30h, ás 10h e ás 10.30h. O comité de empresa da CRTVG convidou aos traballadores para acudir aos xuízos, que son públicos, como mostra de solidariedade e apoio cara aos seus compañeiros e en defensa da independencia, a neutralidade política e a profesionalidade dos medios públicos.
As demandantes son Mayte Cabezas, Mónica Rosas e Alberto Ordóñez, tres xornalistas de prestixio con anos experiencia nos servizos informativos da casa.
Da TVG a un papel secundario na Radio Galega
Cabezas, que empezou a presentar programas na TVG hai máis de tres décadas e cuxo pai foi asasinado polos Grapo en 1989, foi destinada sen aviso previo aviso en marzo pasado a un papel secundario nun magazín vespertino da Radio Galega catro días despois de criticar na súa páxina de Facebook unhas declaracións de Feijóo sobre as vítimas do 11M.
Ordóñez, que foi correspondente en Bruxelas e cunha prestixiosa traxectoria especializada en información económica en radio, foi destinado a cubrir noticias sociais intranscendentes na TVG ao día seguinte de negarse a acatar a orde dos seus superiores de censurar unha información sobre o IPC para ocultar que os prezos de xaneiro subiran máis en Galicia que no resto de España.
Os traballadores xa foran previamente relegados a tarefas informativas de escaso relevo pola súa significación contra a manipulación
Mónica Rosas, quen levaba desde hai máis de 25 anos traballando como redactora nos servizos informativos da TVG e significada nas protestas de Defende a Galega, foi recolocada na radio o mesmo día en que outra compañeira tamén foi cambiada de medio en circunstancias similares. Esta última tamén denunciou á empresa, aínda que a vista do seu caso celebraráse o próximo setembro.
Segundo puido saber Luzes-Público a través de fontes do comité de empresa, os tres traballadores, dous dos cales se atopan de baixa médica, xa foran previamente relegados a tarefas informativas de escaso relevo que significaron ver truncadas as súas respectivas carreiras profesionais. Os seus traslados producíronse sen previo aviso e sen sequera consultarlles. A CRTVG tampouco lles proporcionou formación algunha para asumir as súas novas tarefas.
A dirección de Sánchez Izquierdo non responde
O BNG ten previsto preguntar este mércores á Xunta por este asunto no Parlamento de Galicia.
Luzes-Público preguntou ao departamento de comunicación da empresa se a dirección desexaba facer algunha valoración sobre o tema, pero ao peche deste artigo non obtivera resposta. En ocasións anteriores e consultada sobre casos similares, a CRTVG tampouco se deu por aludida.
As de Rosas, Cabezas e Ordóñez son só tres máis das centenares de demandas por vulneración de dereitos civís e laborais na CRTVG que tramitaron os xulgados da capital de Galicia durante o mandato de Sánchez Izquierdo. A eles súmase a querela criminal presentada por outra xornalista e pola que outro xulgado de Instrución de Compostela imputou ao director xeral e a outros oito altos cargos do seu equipo polos delitos de acoso moral e contra os dereitos da traballadora.
Sánchez Izquierdo foi nomeado por Alberto Núñez Feijóo nada máis chegar ao poder en maio de 2009, e foi mantido no cargo polo seu sucesor, Alfonso Rueda. A Lei do Audiovisual de Galicia impulsada polo PP en 2011 obriga a que os membros do consello de administración do ente sexan elixidos por maioría de dous terzos do Parlamento de Galicia, pero el é o único conselleiro que non foi elixido pola Cámara, onde o PP ten 42 dos 75 escanos. É dicir catro máis sobre a maioría absoluta pero a oito da maioría cualificada que establece a lei.
Sánchez Izquierdo é o único conselleiro que non foi nomeado pola maioría cualificada do Parlamento Galicia que esixe a Lei do Audiovisual de Galicia
Durante o seu mandato, a CRTVG, que se financia cos orzamentos da Xunta, tivo que facer fronte a outros varios centenares de sentenzas en contra dos tribunais por persecución política dos seus profesionais e por vulneración de dereitos fundamentais e despedimentos improcedentes, moitas das cales condenaron á empresa a custear con diñeiro público as indemnizacións aos traballadores represaliados que estableceron os tribunais. Segundo a web de Transparencia da Xunta, Sánchez Izquierdo cobra un salario de 92.333,10 euros anuais.
O Comité de Empresa da CRTVG advertiu que se se normalizan os traslados e cambios de posto de traballo como forma de represalia ou advertencia contra os traballadores, abrirase a porta «a unha mobilidade que nada ten que ver coa súa proxección profesional nin cunha mellor prestación do servizo público».