Tánxer, a cidade sen presente

A terra moldéase. O mundo –as súas formas, os seus materiais– cambian lentamente polo traballo das persoas. Cabe recordalo, aínda que pareza evidente, ao ver por primeira vez Tánxer. Non estivo sempre alí, empolicada nun outeiro, vermella, branca e marrón, aínda que todos os sentidos asuman iso estando fronte a ela

Non é eterna (nin Roma o é), pero si vella. Vella como o son as cousas que non sabemos ben cando empezaron. Rajoy dixit: «é como a choiva, que non sabemos porqué é que cae». Pois iso. Vella como as pedras. Vella como os montes.

Dous homes coa xilaba branca dos «domingos» camiñan pola medina de Tánxer. Foto: Andrés Giusto (CCBY 4.0).

As lendas sobre a orixe da cidade son variadas. Segundo Plutarco, o seu fundador foi o xigante Anteo (probablemente unha deformación dos amazigh, os mal chamados bérberes, da lenda romana do xigante Xerión), asasinado por Hércules no transcurso das súas doce probas e enterrado baixo o faro da Torre de Hércules, na Coruña. Alí deixou os seus famosos ósos, hoxe presentes no escudo da cidade herculina. O xigante, que antes de pelexar con Hércules era un guerreiro invencible, fundara Tánxer para despois morrer en honor á súa muller, Tingis. Os ósos dos brazos de Anteo foron trasladados e sepultados nun outeiro de Tánxer, e conta a lenda que se tentase desprazarse a terra ou a osamenta de aí, caería unha forte choiva que non pararía ata que volvesen ser sepultados. Ás veces si que se sabe a orixe das cousas, inda que non sexan certas.

«Antes, todo era máis libre, máis alegre», dime un comerciante vello da medina. «Hai anos, viñan os artesáns polas montañas, non sabes cantos. Era pura calidade o que traían, cada aldea un mundo. Agora todo é o mesmo, todo de fabricación china, pero vivimos mellor». Suspira resignado. «É a vida».

Tánxer é unha cidade que, ás veces, semella non ter presente. Parece existir soamente no seu pasado, remoto, antigo, mitolóxico, internacional, ou no seu tan desexado futuro, próspero, tecnolóxico, comercial e internacional dunha maneira diferente; unha internacionalidade moderna e aséptica. E en medio, eu, nós, eles, todos soñando ou recordando, deixando o tempo pasar.

Un grupo de mozos practican skate nun parque en Tánxer. Foto: Aziz Acharki (CCBY 4.0).

A poboación de Tánxer duplicouse nos últimos dez anos, e todo apunta a que ese crecemento non se vai frear por un tempo. China acaba de realizar unha das maiores inversións en todo o continente africano no proxecto da Tangier Tech City (Cidade Tecnolóxica de Tánxer),  unha smart city preparada para máis de 300.000 habitantes, na que as principais compañías chinas (Huawei, Aeolon e 200 empresas máis) terán as súas sedes rexionais. A cidade, o seu porto, dá acceso ao mercado africano e europeo grazas aos tratados comerciais marroquís coa Unión Europea, e á súa posición xeográfica, ao norte do Sáhara, sitúase entre o Atlántico e o Mediterráneo.

Póñome en movemento e podo ouvir o mar (Atlántico e Mediterráneo confúndense e mestúranse nun só corpo de auga) chocar contra o peirao mentres baixo pola avenida de Mohamed VI. Bate cun ritmo hipnótico, e o seu son mestúrase co tráfico e os pitos dos coches. Tamén co paso lento das familias, homes sós e grupos de adolescentes que pasean ao seu carón. É o mediodía do sábado, e as mesquitas estaban cheas até hai pouco. Moitos paseantes visten o traxe «de domingo». Levan as xilabas brancas terminadas en carapucho, as babuchas amarelas, e os finos chales e caftáns de cores escuros. Os nenos levan camisolas con ilustracións de debuxos animados, películas de moda, ou equipos de fútbol (a indumentaria habitual da mocidade traballadora global). Corren e rin, vixiados polos ecos da cidade vella, e polo bater inacabable das ondas dese Atlántico-xa-case-Mediterráneo (ou viceversa), a máis grande e importante estrada da cidade e o seu leitmotiv, o principal motivo da súa existencia, deste xeito tan particular de ser, ou de ir ser, ou de ter sido e lembrar o pasado cunha saudade completamente atlántica.

Na arquitectura da medina, unha mestura entre un mercado onde todo pode ser intercambiado e o centro da cidade, é sinxelo atopar influencias de tantos países e culturas, que, ás veces, un pode esquecer que está en Marrocos. O interese pola cidade e pola súa situación estratéxico non é novo, e fíxoa moi desexable a ollos de moitas culturas e imperios, dende os fenicios aos chinos, que, alleos á poboación local, intercambian o goberno entre eles como uns cativos cun cromo particularmente difícil de conseguir.

Na realidade, ou iso din os arqueólogos, Tánxer foi fundada por xente de tamaño normal como unha de tantas colonias do imperio terrestre e marítimo dos fenicios. En poucos anos converteuse nun foco comercial, como demostran os restos da presenza das culturas púnica, grega e, por suposto, da romana. Na época en que a cidade estivo baixo control romano foi capital da provincia de Mauretania Tingitana, que era dependente da rexión bética, e dedicábase principalmente a exportar peixes e tinguiduras. Despois diso, o seu dominio pasou a mans dos vándalos, formou parte durante oitenta anos do imperio bizantino e, máis adiante, foi conquistada polo reino visigodo con capital en Toledo (o mar servindo como a grande estrada repleta de xentes diferentes indo e vindo que era e que xa, demasiadas veces, non pode ser) e, finalmente e durante unha época máis extensa, pasou a mans árabes, que a utilizaron como punto de partida para a conquista da Península Ibérica dirixida por Tariq ibn Ziyad.

Na apertura, entrada da alcazaba na zona alta da medina e arriba patio dun vello pazo, hoxe museo da alcazaba.

En resumo, pasou polas mans de todo o mundo menos as dos seus habitantes, os amazigh. A súa lingua, o tamazight, sufriu unha longa historia de illamento e exclusión, e dun lento declive que só agora parece deterse. Na antigüidade, o proto-bérber era probablemente a lingua franca do norte de África, pero tralo proceso de arabización que acompañou á conquista e continuou até a independencia das nacións norteafricanas para reducir a influencia colonial, sobreviviu só como unha lingua de montañas e desertos, falada, e non escrita nin lida, por unha variedade de pobos que veñen de lonxe, desde os rifeños ata os tuareg. Converteuse en oficial en Marrocos aínda no ano 2011 e en Alxeria en 2016, e, desde entón, poden verse as letras do seu alfabeto nos edificios oficiais e nas sinais da estrada, aínda que moitas veces de maneira menos predominante que o español ou o francés.

Uns sete séculos despois da invasión árabe do Magreb, en 1464, Tánxer foi conquistada polo rei portugués Afonso V, alcumado «o Africano» polas conquistas durante o seu reinado de prazas como Ceuta, Arzila ou da mesma Tánxer. A cidade non durou máis que un século baixo o poder dos portugueses, que a agasallaron como dote ao Reino Unido nunha importante voda dinástica, na que consolidaban a súa alianza. Os británicos, pola súa parte, non foron capaces de manter a cidade baixo o seu control máis aló dun século, e esta volveu ser conquistada, esta vez polo sultán marroquí Mulay Ismaíl nunha alianza coas tribos amazigh das montañas rifeñas. Eso si, os británicos encargaríanse antes de destruír a alcazaba, ou fortaleza, e todo o que puidesen deixar tras eles. Os restos desa época na cidade son escasos, especialmente en comparación con todas as demais, que hoxe en día aínda permanecen á vista.

Sigo o meu camiño pola cidade. Subo a costa polas escaleiras de Bab Bhar, e atraveso a alcazaba camiño ao barrio de Marshan. No seu parque, repleto de cativos xogando e correndo sobre un céspede artificial desgastado, hainos montados en pequenos coches eléctricos, ou rindo felices sobre os bambáns. Pódense ver uns arcos brancos que, indubidablemente, recordan a Roma. A poucos pasos de alí, internándose no máis profundo da alcazaba, aparece un promontorio repleto de tumbas fenicias. Ao seu carón, o café Hafa, un dos máis clásicos establecementos da cidade, onde é costume tomar un té e vixiar o Atlántico observando as ondas chocar contra Tarifa. O noso Atlántico, o Atlántico ibérico, o Atlántico-case-Mediterráneo e o Mediterráneo tamén, condénsanse, de igual xeito que en Cádiz, a súa cidade-espello,en Tánxer.

Fóra do Hafa, seguindo o camiño, aparece abandonada a gloriosa casca do vello consulado italiano, baleiro e vixiado por un elegante can negro. «Só o can é italiano», dime o vixiante rindo. Todo o demais, un recordo sen persoas.

Pero non sempre foi así. Moitos europeos fixeron de Tánxer o seu fogar durante os séculos XIX e XX. A ambos lados do estreito falábase unha lingua franca, mestura de español, árabe e rifeño ou tarifit, o dialecto tamazight da rexión montañosa do Rif. Marrocos, que durante os séculos XVII e XVIII alcanzara a extensión do país actual e un gran poder internacional, perdeu forza durante o século XIX debido a pelexas pola sucesión dinástica e polas revoltas das cabilas na rexión do Rif. Caeu na órbita das nacións europeas, que a forzaron a establecer o sistema de proteccións. Con este sistema, os europeos das principais nacións imperiais da época poderían comerciar con seguridade, con privilexios sobre os súbditos do sultán. En 1880, Cánovas del Castillo convocou a conferencia de Madrid, na que se estendían estes privilexios. Nesta mesma conferencia, os poderes europeos presionaron o sultán para poder realizar mais construcións en Tánxer e noutros portos, principalmente hoteis e vilas. Isto levou a un aumento progresivo da poboación europea, e a unha popularización da cidade como destino turístico de inverno.

Esa tendencia acelerouse a inicios do século XX. A rivalidade dos imperios europeos foi a que evitou que Tánxer estivera dominada por un só deles cando o reino marroquí foi repartido entre os estados francés e español, o que levou a unha sorte de colonización plural.  Por mor diso, establécese a Zona Internacional de Tánxer, gobernada por un consello de españois, portugueses, franceses, belgas e holandeses, ademais de tanxerinos, tanto xudeus como musulmáns. Neste período, a cidade comeza a crecer de maneira desmedida. En 1925 acada os 50.000 habitantes, un terzo deles de orixe europeo, e 10.000 de orixe español. Isto propiciou a observación do viaxeiro francés Pierre Loti sobre o sultán: «posúe todo, pero abandonou a cidade aos visitantes estranxeiros, mirándoa con máis desapego ca se fora unha cidade de infieis».

Pouco a pouco, grazas a esa internacionalidade, e á sensación de liberdade moral e legal que a acompañou, a cidade empezou a encherse de escritores, espías, disidentes políticos, pintores e rexeitados de todo tipo, chegados de todas as esquinas do mundo. Como tantas veces na historia, recente e remota, todos querían ir a Tánxer. Por alí pasaron William Burroughs (escribiu O almorzo desnudo no café Centrale), Jack Kerouac, Gore Vidal, Truman Capote, e o matrimonio Bowles, entre moitos outros escritores e artistas. Os Bowles serían os encargados de atraer moitos outros, empezando un proceso orientalizador de Tánxer (que logo sería replicado en Marrakech), representándoa como a sublimación dun mundo sensual, exótico pero cosmopolita, libre, o que ás veces era verdade (certamente máis libre que a España ou a América reaccionarias de posguerra), un berce de glamour, luxo, e libertinaxe que aínda é recordado con fetichismo, como unha especie de pasado primixenio, un mundo perdido, incluso polos habitantes da cidade.

Paul Bowles, cas súas traducións das lendas marroquís, atraeu a atención do mundo occidental cara ao máis importante escritor tanxerino, Mohamed Chukri. Chukri escribía «desde o interior da pobreza», como definiu Bernardo Atxaga, de maneira descarnada e crúa. Atacou a concepción frívola da cidade desde o seu coñecemento real. Non lle preocupaba nin o pasado glorioso, nin o futuro prometedor e resplandecente. Podería dicirse que escribía, como ningún dos seus visitantes ilustres, «desde o interior do presente».

El explicouno mellor que ninguén: «Tánxer, un mito? Certo, é innegable, pero para quen? Tánxer un paraíso perdido? Si, porque existen aínda testemuñas da súa antiga prosperidade, pero para quen? O encanto irresistible e indomable de Tánxer? Non deixa de ser certo, pero, repito para quen? Son moitos os que falaron ou escribiron sobre a cidade baseándose unicamente en quimeras, en paixóns e praceres, en fantasías. Para todos eles, así como para os que chegaron movidos polas ganas de descansar, ou de esquecer as súas desgrazas, Tánxer non resultou ser máis que un bordel, unha fermosa praia ou un confortable sanatorio».

O futuro e o pasado parecen dous soños distantes, e o presente, unha angustiosa espera a que un dos dous reapareza. Hai algo que aprender do pasado? E do futuro? Queda algo desa internacionalidade aínda ou foi un soño curto, un conto ben contado? Nun mundo de fronteiras cada vez mais pechadas, podería ser posible a aparición doutra cidade internacional? Sería bo que esta existira? Foi Tánxer unha oportunidade que o mundo deixou pasar ou só a romantización dun mundo diferente para os artistas occidentais chegados dun mundo esgotado e conservador?

«Parece que vai chover», dime o garda do can italiano. Ambos miramos cara ao horizonte cuberto de grúas, vémolas mover a terra incansables, cambiar o mundo, e calamos, sen nada que dicir.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail