Bisexuais, a enorme ausencia

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Miles de historias das que pouco se fala nas reivindicacións do Orgullo.

Achegámonos a un Orgullo atormentado pola profunda disputa entre as familias trans e feminista. Un doloroso debate sobre os límites legais para quen desexa cambiar de xénero. A denuncia do activista Fito Ferreiro á TVG por persecución súmase ademais a un ambiente enrarecido pola pandemia. O Orgullo xa é unha festa da diversidade, horizontal, que a sociedade logrou facer súa estendendo as primeiras demandas sobre normalización a calquera situación relacionada coa vida social e afectiva das persoas.
Seguirán existindo anécdotas como a do candidato de Vox en Pontevedra e enxeñeiro municipal, que cando o Concello se engalana coas 7 cores eleva unha carta solicitando a súa retirada. A xente pode pensar que quen traballa nese edificio é LGTB, unha erudita interpretación. Isto, igual que o do xornalista Ferreiro ou o debate trans seguirán enchendo de sentido a celebración desta data.
Bandeira LGBT no balcón do Concello de Pontevedra.
Pero acheguémonos con agarimo e curiosidade a unha das letras que máis inadvertida pasa neste alfabeto liberador, a B. Que non é a segunda, senón a cuarta. Unha letra que acubilla discretamente milleiros de protagonistas. Todo parece indicar que en número crecente.
O comportamento queer adoita manifestarse como un berro contracultural, subliñando ese aspecto da visibilidade que tantas cousas boas achegou ao longo da curta historia do movemento liberador da sexualidade. Un mundo cheo de venerables protagonistas que cuestionaban as estruturas mentais cando había aínda moita máis tea de araña cerebral que hoxe. No inicio dos 70, iniciaron unha maré da que nos seguimos alimentando.
Pero hai outro comportamento máis discreto que se acubilla na intimidade das persoas e non adoita ser público, máis aló do círculo inmediato dos seus protagonistas. Falamos das persoas bisexuais, esas que responden á lenda urbana de que nacemos bisexuais e ímonos decantando para un ou outro lado da balanza.
Un dato que a moitas persoas pode chamarlles a atención é a evolución xeracional da bisexualidade nos últimos anos. Pouco se fala da gran cantidade de mozos e mozas –especialmente estas últimas– que gozan do sexo coas persoas que lles estimulan, sen que importe o seu xénero. Iso non quere dicir que despois non se aproximen a unha ou outra opción. Pero quizais estean a derrubarse os sólidos muros que estereotipaban ese instinto xuvenil do flirteo tradicional.
Unha liberación que segundo parece aféctalles sobre todo a elas e pode ser consecuencia do intenso traballo de revalorización e autoafirmación das mulleres que o feminismo vén realizando nas últimas décadas. Pode que o maior número de mozas que se definen bisexuais teña relación co chip antimachista que se abre paso. O tempo diranos se é unha tendencia minoritaria ou unha nova maneira de nos adentrar no camiño do sexo.
Quen levamos xa moito camiño andado temos convivido cun gran número de persoas que, unhas máis, outras menos ocultas, nadan ou nadaron nos dous océanos a plena satisfacción.
Xa nos anos 80 circulaba por Ourense unha familia que nos parecía o colmo da heroicidade. Xoan (35) e Paula (32) eran parella. Pero un día, Xoan coñeceu a Tomás, 15 anos menor, e comezaron unha aventura paralela. O que ocorreu na intimidade, loxicamente, non se sabe… pero si que chegaron a unha rutina de vida na que os tres se apreciaban e sentían satisfeitos. Tanto, que era frecuente ver a Tomás de compras con Paula polas rúas de Auria. Quen escribe coñeceu os tres protagonistas, que compartían bastantes momentos de lecer, aínda que non de cama, pois Paula e Tomás non tiñan sexo entre eles. Só con Xoan.
Algo parecido ocorría na relación entre Basilio e Sara, os dous con bos traballos –el recentemente xubilado– e fillos criados. A gorxa de Basilio probou un día os encantos dunha primeira felación e quedou entusiasmado co manxar. Afeccionouse, axudado tamén pola mestría de Andrés, un subordinado seu no hospital no que ambos traballaban, no norte. Comezaron amigándose en segredo. Un día Sara descubriu a relación, pero non se angustiou. Decidiu buscar unha solución co amor da súa vida, á marxe das súas dúas fillas, xa emancipadas. Acordaron que Basi e Andrés manterían a súa entente máis ou menos oculta, co acordo deste último, embarcado nunha divertida vida de solteiro pero encantado con Basilio. E así levan anos, a parella inicial facendo unha vida independente pero amable e agradable, e a nova gozando dos intensos praceres do cruising, o sexo colectivo e outras delicias que se lles poñen a tiro.
E moi intensa tamén foi a historia que vivían Paco e Silvia, xa sesentóns, convertidos co paso do tempo en parella branca (sen sexo). Mentres el non mostraba interese algún polas relacións carnais, ela si. Tivera un amante, Efrén, un funcionario que ademais de sexo escribíalle intensas poesías. Pero aínda hoxe mantén a súa relación paixonal con Carmen, que vive en Valencia e á que visita con certa frecuencia. Liberada dos deberes da crianza, mantén o seu corpo puído grazas a unha boa alimentación e a longas camiñadas. Silvia vive con intensidade os momentos de tenrura coa súa amiga e amante.
Foto: Elvin Ruiz en Unsplash.
A historia de Pedro é distinta. Casou con Ana. Ambos de distinguidas familias compostelás. Tiveron un fillo. Ao pouco tempo, Pedro non puido máis e decidiu dar por finalizada a relación tras coñecer algúns mozos que lle enchían máis o ollo que a súa muller. Quixeron ser consecuentes coa súa nova realidade e divorciáronse. Aos poucos coñece a Antonio e inician unha relación de amor e convivencia que remata 20 anos máis tarde. Ana tamén tivera parella, mais tampouco era para botar foguetes. Pedro e ela acordaron xuntarse de novo, algo que parece infrecuente pero sucede. Polo menos no seu caso.
Outra parella son Rubén e Alberto. Coas súas respectivas donas, María e Alba, formaban un tándem inseparable durante os primeiros anos. Pero co tempo xurdiu entre eles dous unha relación especial, que acabou na cama. Rubén xa tivera algún escarceo previo, pero o seu colega de andanzas e viaxes flipáballe. O día que descubriu que era un sentimento mutuo cambiou o seu mundo. Ambos divorciáronse –un deles de maneira amigable, o outro non tanto– e neste momento, ambos con máis de 50 anos, levan 20 compartindo a vida.
Nesa situación estaban tamén Óscar e Hugo, pero coa diferenza de que eles non se divorciaron e manteñen unha vida paralela. Combinaban sexo entre ambos e con outras parellas masculinas ou a práctica do cruising (sexo entre descoñecidos). Era divertido velos aos dous xuntos pasear coas súas familias –uno ten dous fillos e outro 3– calquera día polo centro da Coruña, cidade na que viven.
No sentido inverso, Marta e Luisa. A primeria casara había un par de anos con Álex, pero un día decidiron ter sexo a 3 con Luisa, que formaba parte da súa cuadrilla habitual. Aquilo funcionou durante un breve período, ata que elas dúas notaron que non necesitaban o machote para nada. Chegaron a un momento moi agradable e apostaron por verse á marxe do rapaz. Desfíxose a parella e Marta e Luisa estiveron xuntas un tempo, ata que Luisa coñeceu a Edu, polo que deixou á súa moza. Marta leva hoxe 30 anos casada con Tere.
Miles de persoas manteñen dinámicas familiares aparentemente heteronormativas, pero combínanas con escapadas, relacións máis ou menos estables, encontros furtivos ou viaxes inconfesables. Algunhas dan o paso para normalizar unha situación sobrevida e outras non. E non é por valentía, senón porque na vida hai centos de cousas importantes e o sexo só é unha delas. Historias e intrahistorias que se entrelazan no océano dunha hipocrisía social moi estendida, como a que tan ben retratou Flauvert na súa famosísima Madame Bobary.
Claro que tamén existen bisex que proban aquí e acolá sen implicarse en relacións de parella, matrimonios, familias ou situacións semellantes. Simplemente foden en cada momento con quen lles apetece, sexa home ou muller, por falar en termos binarios.
Mirando desde a perspectiva do conflito, poida que haxa relacións de parella perfectas, níveas, racionais, exentas de calquera complicación, con aspecto de protagonizaren anuncios de seguros. Pero tamén as hai turbulentas, desafinadas, poliédricas, alternativas, agresivas, complexas… Se cada persoa é un mundo, imaxinade cada dous. É consubstancial que unhas persoas sufran máis que outras, aínda que o normal sería non sufrir, tamén nas parellas.
Hai quen se sente bisexual nalgún momento da súa vida, pero despois decántase por unha ou outra opción. Un estudo indica que o 70% das persoas bi defínense como tal en distintos momentos da súa vida, mentres que o resto acaba evoluíndo cara a homo ou hetero.
Das persoas bisex adoita escoitarse que o seu comportamento sexual está relacionado coa autorrepresión, algo que sen dúbida pode suceder nalgúns casos, pero non en xeral. A frase «se es bi, é que non te atreves a ser gai ou lesbiana», está chea prexuízos e resulta profundamente ofensiva. Unha persoa bisexual é así porque lle dá a gana, onde queira, cando queira e con quen queira (ou con quen llo permita).
Isto é un texto xornalístico, escrito por un xornalista, non por un imaxinativo escritor de relatos. Quere dicir que todas estas historias son reais e verdadeiras. Lóxicamente, por respecto á intimidade das persoas, asignamos falsos nomes propios. Todas son caras B. Historias de bisexuais. Xente que quizá non suba ás carrozas, pero están aí, atópase a cada paso. Persoas, que exercen ou exerceron ese hábito nas súas evolucións sexuais todo o ben que souberon. Aventuras das que pouco se fala. Sempre son a grande ausencia.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail