A vicepresidenta do Goberno presidiu en Sada o acto previo á apertura ao público das Torres de Meirás, mentres as organizacións, que non asistiron ao mesmo e quedaron no exterior, urxen á Xunta e ao Estado que impida que os Franco leven os bens históricos que aínda contén o inmoble.
Meirás (Sada).- A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Memoria Democrática, Carmen Calvo, agradeceu onte ás asociacións galegas de vítimas do franquismo a súa «loita e impulso» para lograr que o Estado español avance na reparación da memoria dos represaliados pola ditadura.
Calvo presidiu onte en Sada o acto de apertura dos xardíns do Pazo de Meirás, que o público poderá visitar a partir do 1 de xuño e non do martes 29, como anunciara o seu departamento. Á súa chegada atopouse no exterior cunha vintena de representantes das organizacións galegas de memoria histórica. Estas anunciaran que non asistirían ao evento porque consideraban que o Goberno tíñaas «ninguneado» no proceso de decisión sobre os usos que se dará á antiga residencia estival de Francisco Franco.
A vicepresidenta achegouse a falar cos manifestantes, e recoñeceu que sen o esforzo das asociacións de memoria «non sería posible» ter feito actuacións como a exhumación de Franco de Cuelgamuros, e que, aínda que «e fixo moito en pouco tempo, queda moito por facer». O historiador sadense Carlos Babío, portavoz de Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que agrupa a unhas setenta organizacións e a ao redor de 200 persoas a título individual, respondeu alertando a Calvo de que, no caso de Meirás, o Goberno estaba a actuar só como resposta á presión do memorialismo galego, reflectida na manifestación do pasado 19 de xuño. «Vostedes móvense na medida en que o facemos nós. Vostede está aquí porque nos movemos hai unha semana. Se nos paramos, vostedes se paran», díxolle Babío á vicepresidenta.
Os xardíns das Torres de Meirás -o nome orixinario do pazo que lle deu a súa primeira propietaria, Emilia Pardo Bazán– van abrirse ao público e, segundo anunciou a vicepresidenta, vaise celebrar nelas un acto de reparación e lembranza das vítimas. Pero a IGM denuncia que aínda non se atenderon varias das súas demandas, como permitir que as asociacións de memoria participen na definición dos usos do inmoble e que se proceda de maneira urxente e inmediata á protección administrativa, mediante a súa declaración como bens de interese cultural (BIC), dos obxectos artísticos, históricos e arqueolóxicos que conteñen as Torres, e sobre os que a familia Franco reclamou xudicialmente a súa plena propiedade.
O certo é que o inmoble segue ofrecendo practicamente o mesmo aspecto que tiña cando os Franco gozaban del. Nas paredes permanecen colgadas decenas de osamentas de caza, así como escopetas e armas de distintas épocas repartidas polo tétrico corredor polo que se accede ás cociñas. O retrato do tirano vestindo simboloxía fascista, pintado por Ignacio Zuloaga, e os da súa familia, obra de Fernando Álvarez de Sotomayor, seguen presidindo desde a galería do piso superior o luminoso recibidor de entrada. Da escalinata de pedra do hall foi retirada a inmensa alfombra vermella de ribetes dourados, baixo a que se resituaron, ao obxecto de protexelas, a media ducia de ánforas antiquísimas que Franco obtivo na súa condición de xefe do Estado.
Para o acto de hoxe pecháronse varias estancias que antes podían visitarse e que probablemente serán reabertas tamén ao público, como a biblioteca forrada de madeiras nobres, que garda parte do arquivo bibliográfico de Emilia Pardo Bazán, e os salóns e comedores onde o ditador xantaba coa súa familia e nos que tamén celebrou varios consellos de ministros. Nin a prensa nin os invitados ao acto puideron acceder a eles, pero os e as máis agudas, previa solicitude do preceptivo permiso, si puideron darse o gustazo de ouriñar e sacarse un selfie nun dos cuartos de baño que presumiblemente tamén utilizou o tirano durante os preto de corenta anos que posuíu ilegamente o pazo. E, de paso, constatar que os Franco aínda teñen alí obxectos tan persoais como as pas e as pelotas de pádel que usaban na pista contigua ao inmoble.
O evento de onte serviu para que o Concello de Sada, o da Coruña, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado asinasen un protocolo de colaboración institucional para empezar a dar forma ao futuro do pazo, que aínda non foi decidido. O alcalde de Sada, Benito Portela, alertou no seu discurso de que «a integridade» do espazo «corre serio perigo» ata que non se protexa integralmente todo o seu contido histórico. Por iso, urxiu ao Goberno e a Xunta a resolvelo canto antes e declaralo BIC para que as Torres de Meirás sexan verdadeiramente «libres, democráticas, galegas e participativas».
O conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, quen supliu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que tiña hoxe outro compromiso institucional en Logroño, ofreceu ao Goberno a «colaboración total» do Executivo autonómico «para traballar de modo coordinado» na restitución ao patrimonio público dos bens mobles que conteñen as Torres. A vicepresidenta primeira, pola súa banda, insinuou de novo a intención do Goberno de facer de Meirás un centro destinado á memoria democrática, que sirva para narrar «o discurso íntegro da verdade«» do ocorrido en Meirás como símbolo do ocorrido tamén durante a ditadura.