Un atril sobrio, un fondo vexetal, grolos curtos de auga mineral separando os bloques argumentais, unhas gafas abafadas en momentos sinalados e un auditorio -máis que satisfeito- reflexivo. O resumo da comparecencia de Núñez Feijóo a semana pasada nun hotel de Santiago de Compostela para dicir que non se presentaba a xefe do PP español podería ser ese. A súa contrincante, Soraya Sáenz de Santamaría, fixo o anuncio contrario ao día seguinte nas escaleiras do Congreso, reafirmando a súa candidatura a liderar os populares coa naturalidade da estudante cargada de apuntes camiño da biblioteca. Foi a nube de micros rodeando a ex-vicepresidenta a que converteu a intervención en importante.
Feijóo e os seus asesores optaron polo modelo contrario: o formato voda. E que voda! A do político dos Peares casando -contra todo prognóstico- con Galicia enteira, despois de pretender durante sete anos outra noiva chamada Madrid. Foi un namoramento con fins de semana intensos, algo furtivos e algunha que outra infidelidade polo camiño. A posta en escena do evento que se celebrou en Santiago de Compostela tiña algo de excesiva e todo o seu encanto foi o moito que lembraba ás comedias románticas inglesas dos anos noventa. Só por iso, pola similitude das paisaxes, calquera galega ou galego xa se amosa benévolo e disposto a darlle un pase ao formato, que non necesariamente ao contido.
As redes e os medios dixitais de dentro e de fóra de Galicia non foron tan xenerosos, e puxeron a énfase da renuncia nas fotos con Marcial Dorado. A frase de que «o pasado nunca pasa» persegue a Feijóo cando sae de Galicia e, aínda que a coloque no apartado de erros de mocidade, non deixa de ser unha desculpa para que as amigas da noiva (Soraya e máis Dolores) lle afeen a conduta. Por riba, o anuncio da voda produciuse en circunstancias estrañas, despois da deserción de Mariano Rajoy, que tiña que facer de padriño.
Foi unha voda rara, rara. Nin institucións, nin entidades cidadás, nin cuarteto clásico para a apertura, nin un dj discreto amenizando o fin de festa… Nin sequera Pedro Puy, o voceiro dos populares no Parlamento galego, o máis británico do grupo, prestándose a glosar en plan Hugh Grant as virtudes do pretendente. O día antes, Puy introduciu a posibilidade de que Feijóo fose presidente de Galicia e liderase ao tempo o PP de toda España. Para axudar dende fóra!, dise nestes casos. O certo é que coa renuncia confirmada as cousas non saíron como a maioría dos asistentes agardaba, pero si como case todos desexaban, que o status do entorno de Feijóo non se vise alterado .
Ata onde está disposto a enfadarse con Madrid o político dos Peares? A tentación populista de buscar un inimigo exterior sempre está á volta da esquina. É algo que lle lembra a diario e con moi bos resultados Abel Caballero
Pensando xa no futuro e nos novos inquilinos da Moncloa, o presidente da Xunta rematou con aquelo de que «se Madrid nos rouba», (cousa que aínda non dixo así, pero dálle tempo,..) «eu estarei aquí, cos galegos e coas galegas, para evitalo». Dúas semanas do Goberno socialista de Pedro Sánchez semellan non ser suficientes para xuntar -aínda que só sexa pola necesidade de facer unha lista detallada- todo o que non lle pediu nos últimos sete anos ao Goberno amigo de Mariano Rajoy. Pero ao loro, que na nova política os acontecementos van moi de présa. E a epifanía feijooniana da semana pasada foi demasiado, algo así coma un salto histórico cualitativo na máis pura liña da interpretación marxista.
Ata onde está disposto a enfadarse con Madrid o político dos Peares? A tentación populista de buscar un inimigo exterior sempre está á volta da esquina. É algo que lle lembra a diario e con moi bos resultados Abel Caballero, o alcalde de Vigo. Para el todos os males da cidade chegan desde a capital de Galicia. Veremos entón a un Feijóo populista? Por suposto. O populismo é un problema de formas, non necesariamente de contidos.
Felizmente liberado da tensión das dúas noivas, amo e señor, sen ninguén por encima no partido, o amor de «este Feijóo» por Galicia axigántase día a día, fronte ás agardadas manobras xacobinas dos socialistas. Ningún xesto ou detalle feo, ningún recorte presente, ningunha afronta pasada, nin demora, nin chiste inapropiado, nin erro arbitral no que ande Galicia polo medio lle vai pasar desapercibido ao presidente da Xunta de Galicia a partir de agora. É o que hai e avisados estamos.