As mans limpas

Levo días pensando no xesto de lavar as mans. Lavas as mans antes de comer, como che dicía túa nai cando eras rapaz. Lavas as mans antes de poñer a roupa nova, antes de tocar a pel dun bebé. Lávalas despois de mexar e defecar e antes de cociñar. Lávalas despois de comer marisco ou cando eres doutora e tes que operar a alguén. O mesmo que cando es enfermeira, veterinaria ou pilota de avións. Lavas as mans con frecuencia cando estás enfermo ou cando hai alguén enfermo na túa vida. Lavas as mans antes e despois de mudar o tampón ou a copa menstrual. Antes e despois de cambiarlle os cueiros ao teu fillo ou ao teu pai. Lávalas despois de fungar os mocos ou esbirrar. Despois de viaxar no bus petado, no tren ou no metro. Despois de tocar animais, de tirar o lixo, de recoller as cacas do teu canciño ou despois de limpiar o peixe. Lávalas antes e despois de durmir coa muller que te ten tola, ou despois de axudar a túa irmá a poñer un enema. Ou antes e despois de darlle de comer a túa avoa.

Sempre queremos ter as mans limpas, aínda que esquezamos que levamos o corazón cheo de merda. E o peor é que case nunca é sucidade nosa. A merda que nos fan levar no corazón vén da chamada dun home que dixo matar a súa muller diante dos fillos. O peso que temos nos adentros non é só do xenocidio de palestinos. A porcallada vén de moito máis preto. A merda que cargamos dentro vén dun país que lle dá máis importancia á posible corrupción dun expresidente que ao feito de que unha muller sexa acoitelada a pleno día nunha praza chea de xente. A merda que levamos as mulleres no corazón vén dese tipo que lavou as mans cheas de sangue na fonte dunha praza calquera. Unha praza que é todas as prazas de España. Do mesmo xeito, é unha vergoña eterna que se monte un circo coas posibles artimañas de Zapatero coma se fosen do Presidente Sánchez. Aos titulares do pasado domingo en El País, o que fora ínclito iluminador da nosa democracia, non lles faltou nada para coroar ao Feijóo. Un tipo con carisma de manequín, que aínda non explicou que facía de leria no iate dun dous maiores narcotraficantes de Europa.

Nestes tempos, as mans limpas son as mans da ultradereita e as mans que asasinan mulleres. As mans que deciden o que é importante que saia en portada e o que só é outra muller morta. Suceso que, por moito que se repita, é inevitable; a virilidade dos homes españois é incontrolable e obrígaos a matar (a culpa non é deles, tontiña, é da virilidade!). Levo días pensando que paga máis a pena ter as mans sucias coma os zapateiros ca telas limpas como os fascistas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail