Estados Unidos ou Gilead?

En febreiro deste ano, Adriana Smith, unha muller norteamericana residente de Georgia, un dos estados máis republicanos do país, foi ao médico cunha dor de cabeza. Estaba embarazada de oito semanas. Ao día seguinte volveu ao hospital ao considerar que a medicación que lle receitaran non solucionara o problema e ao presentar, ademais, dificultades respiratorias. Foi diagnosticada con coágulos sanguíneos no cerebro e, unhas horas máis tarde, morte cerebral.

O que sería unha triste historia xa de por  si transformouse nun pesadelo de ciencia ficción cando a familia foi informada de que, por causa da lexislación do estado, o hospital non podía desconectar as máquinas de soporte vital. Segundo a lexislación de Georgia, o feto de oito semanas que se atopaba no útero de Adriana Smith considérase unha persoa e, polo tanto, merece as proteccións legais que se lle conceden aos bebés xa nados.

Agora, en maio, o corpo sen vida de Adriana Smith aínda se atopa enchufado ás máquinas do hospital, que moven sangue polo seu corpo e forzan aire nos seus pulmóns. A súa familia, que non foi consultada no proceso de toma de decisións, continúa loitando para poder formar parte do mesmo, mentres intentan recadar fondos (porque si, están sendo obrigados a pagar por esta monstruosidade). O estado non se deu por aludido e declarou que a súa lexislación non considera o feito de desconectar a Adriana nestas circunstancias como unha violación da lei. Porén, o hospital insiste en que é o temor ás represalias que poidan recibir o que os motiva a utilizar o corpo desta muller como incubadora para un feto que nacerá, como mínimo, con graves problemas de saúde, e que terá poucas probabilidades de sobrevivir. Pretenden que creamos que o estado que implementou a lei non ten poder para intervir e darlle o poder de decisión á familia?

Adriana Smith leva tres meses morta, pero as autoridades de Georgia non a deixan descansar en paz. Era unha persoa, unha enfermeira e unha nai. A decisión de retirarlle o soporte vital non debería pertencerlle ao estado, senón á súa familia e aos profesionais médicos que os aconsellan.

Non vos confundades: este non é un caso de querer protexer o neno (ao feto, neste caso), nin do dereito á vida. Este é un caso de probar os límites, de ver ata onde poden coar iso de quitarlles autonomía ás mulleres usando os fetos nos seus úteros como escusa. En teoría, parece incluso algo bo, coma un milagre. Poder salvarlle a vida ao neno aínda que non se poida salvar a nai soa coma unha marabilla da medicina moderna, verdade? Pero a realidade é moito máis sinistra, moito más similar ao libro de Margaret Atwood, O conto da criada, posteriormente serie de televisión. Nel, coma neste caso, atopámonos cun estado que toma posesión do corpo da muller e que lle arrebata calquera autonomía e forza decisións médicas no nome do feto.

Cando nos Estados Unidos derrogaron a sentenza de Roe v. Wade en 2022, algunhas xa dixeramos que era o principio da fin. Chamáronnos tolas, esaxeradas e feminazis, conspiranoicas que imaxinabamos o peor futuro posible partindo dunha decisión que unicamente lle devolvía aos estados a discrecionalidade sobre leis de aborto. Levamos tres anos vendo mulleres investigadas por abortos involuntarios ou mulleres que non reciben tratamentos vitais polo dano que lle poden facer aos fetos nos seus úteros. Agora estamos diante dun cadáver profanado durante tres meses, e que así vai continuar ata que se lle abra o estómago para sacarlle un feto que moi probablemente morrerá cedo, se non nace xa morto. É, como dixo a nai de Adriana, unha tortura.

E é, ademais, unha proba. Como muller negra, Adriana Smith forma parte dun dos grupos de persoas que máis discriminación reciben. Paréceme moita coincidencia que sexa ela precisamente a primeira en atoparse nesta situación. Os experimentos do autoritarismo sempre se dirixen primeiramente aos colectivos que a lei menos protexe, antes de expandirse ao resto da poboación. O debate ao redor deste caso xa non soamente nos Estados Unidos, senón no resto do mundo, deixará ver o que as mulleres, as persoas feministas e o público en xeral están dispostos a deixar pasar. Se a opinión pública non se opón decididamente a esta situación, nada lles vai impedir propoñer usar os corpos de mulleres en coma como incubadoras, ou manter baixo vixilancia as mulleres embarazadas, negándolles tratamentos que lles poden salvar a vida para protexer os seus fetos. Se deixamos que isto siga polo camiño que vai, é cuestión de tempo que acabemos todas vestidas de vermello con capota branca.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail