«Alcarràs» e nós

Alcarràs (Carla Simón, 2022) é unha historia de resistencia e derrota da pequena explotación agraria ambientada na Cataluña interior. Hai algo de nostalxia e orgullo. Tamén a sensación de desamparo e perda de control, tan habitual no presente, da xente do común a respecto das súas vidas. En Alcarràs a pequena explotación froiteira familiar vese ameazada polo acaparamento de terras para a instalación de paneis solares: o descendente do terratenente franquista é agora un moderno xestor para a produción de enerxía que ofrece aos labregos da zona traballo de mantemento.

É fácil establecer un paralelismo entre Alcarràs e O que arde (Oliver Laxe, 2019), e non só no que respecta ás variedades dialectais non normativas do catalán e o galego empregadas nos filmes. A comparación é útil para evidenciar algunha diferenza entre Cataluña e Galicia. Tamén para enxergar o destino compartido, aínda que sexa a ritmos diferentes, preparado para o mundo agrario, dun e doutro país, no tempo dos grandes monopolios e da escaseza enerxética. A de Alcarràs é unha nostalxia por un rural altamente industrializado (maquinaria, cooperativas, traballadores inmigrantes) no que os costumes populares están xa modernizados (as peñas da festa popular). En contraste co rural presentado en O que arde, o rural do filme catalán é unha arcadia de desenvolvemento no que as casas son habitadas por varias xeracións de vellos, de adultos, de adolescentes, de nenos e nenas que corren e xogan despreocupados como o facían nas aldeas galegas antes da «Gran transformación» que as conduciu ao colapso. O filme mostra todos os momentos posibles no seo dunha familia: esforzo, tristeza, rabia, pero tamén risos, tenrura, confianza, xogo, lecer, cariño, vida.

Fotograma de «Alcarràs», de Carla Simón.

O rural de O que arde está protagonizado polas figuras da vella e o tolo. O clima predominante, depresivo, mortecino, monosilábico, retraído, é propio dunha sociedade que pasou da agricultura de subsistencia e do abandono do agro, razón dos lumes, á explotación dos recursos naturais por parte de celulosas, megaproxectos mineiros e eólicos. Isto é: un rural sen momento modernizador industrial da pequena explotación. Alcarràs é unha película luminosa, aínda que o sexa dunha luminosidade crepuscular. O que arde é, salvo destellos como os da escena da vaca no remolque da veterinaria (un tipo humano propio da vida rural moderna), unha película anubrada. Mais a diferenza de tons que preside ambos filmes é achacable a algo máis que as diferenzas metereolóxicas entre o Mediterráneo e o Atlántico.

Algo une Alcarràs e O que arde: os modelos extractivos que ameazan a vida campesiña. Pero os contrastes son notables. A sociedade de Alcarràs está viva: protesta, indígnase, trata de resistir, negocia. A contradición capitalista que atravesa toda esa vida é a explotación a inmigrantes africanos que, no filme, só inteactúan de xeito individualizado con Iris, unha das nenas protagonistas. O reverso de que Iris trate ao africano coma igual é que o africano é visto coma un neno. En O que arde a sociedade está tan esfarelada como o antigo modo de vida agrario tradicional e a pulsión de morte a través do lume aparece como unha solución catárquica. Esta falta de axencia propicia, en boa medida, que todo o mundo rural galego, e por extensión todo o país, apareza infantilizado en moitas películas do novo cinema.

Fotograma de «O que arde», de Oliver Laxe.

A maioría dos cineastas galegos recorren ao máxico, ao ancestral, ao telúrico para falar do rural do país (e do país todo). En Alcarràs isto é excepcional e, curiosamente, prodúcese na figura do inmigrante. Iris, a nena protagonista, aprende do inmigrante a xestualidade relixosa africana ante o corpo dun coello morto. Que significa isto en ultima instancia? Que alí onde se agacha o social (cales son as condicións laborais do inmigrante, como é a súa vida material?) o mito ocúpao todo. Dito doutro xeito, e volvendo xa ao cinema galego, alí onde non se pon o foco no conflito, na política, todo é culturalismo bretemoso e espectral. E é que, a respecto de moito do noso cinema, cabe preguntarse por que non hai, entre moitas outras posibilidades, un Alcarràs ambientado, por exemplo, nas comarcas leiteiras que sobreviven no país. Aquelas nas que si se produciu a industrialización da explotación familiar e nas que tamén se loita polos prezos xustos e polos usos da terra. Ou por que non se ve por ningures o rural que loita heroicamente en tantos lugares contra a megaminaría e a invasión eólica como antes o fixo contra os encoros e as centrais nucleares. Cabe presupoñer que, nunha sociedade que aínda ten memoria dun rural con rasgos precapitalistas, a nostalxia polo rural da pequena explotación industrializada non consiga remover os corazóns. É comprensible. O antigo rural galego é máis romantizable. E porén, o conflito social vivo tamén pode poñer as almas a vibrar. Claro que esta é unha escolla altamente política. Algo que, queremos pensar, vai alén das preferencias dos creadores individuais e ten a súa concreción pedestre nos preceptos ideolóxicos implícitos ás instancias públicas que contribúen á financiación.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail