Rebelión de médicos no hospital da prima de Feijóo

Unha trintena de facultativos do servizo de medicina interna do complexo universitario de Santiago dirixiron un escrito de denuncia pola situación «insostible» que padecen e alertando do risco que supón para os seus pacientes

A Coruña.- Unha trintena de médicos do servizo de medicina interna do Complexo Universitario de Santiago (CHUS) dirixiron un escrito a varios organismos oficiais denunciando a situación «insostible» que padecen pola falta de medios e persoal, e alertando do risco que iso supón para os seus pacientes.

A xerente da área sanitaria de Santiago é Eloína Núñez Masid, prima do expresidente da Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Desde hai seis meses, Núñez Masid enfróntase tamén a unha folga indefinida dos médicos do servizo de otorrinolaringoloxía. Segundo puido saber Luzes-Público, os facultativos doutros servizos do CHUS tamén están a pensar en ir á folga polas pésimas condicións nas que se ven obrigados a facer o seu traballo e a consecuente deterioración da calidade asistencial.

No escrito, ao que tivo acceso Luzes-Público, os médicos aseguran que levan anos enfrontándose a un «aumento exponencial da demanda de medicina interna» sen que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) aceptase contratar máis persoal. Ademais, denuncian que nos últimos anos xa non se cobren as vacacións, nin os días de libre disposición, nin as libranzas por gardas nin as baixas laborais.

Tamén alertan de que a excesiva carga de traballo e as malas condicións laborais provocaron a «perda recorrente» de especialistas novos: «Todos os internistas das últimas promocións MIR (médicos internos e residentes) que foron recibindo algún contrato ao acabar a residencia no noso centro fóronse indo (…) De feito, o internista máis novo do noso servizo ten 45 anos, consecuencia da falta de previsión de substitución xeracional. É é consecuencia dos crecentes malos tratos nas nosas condicións laborais, máis aínda dos eventuais», sinalan.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola xerente da área sanitaria, Eloína Núñez Masid, visita a nova unidade de ictus do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

O Sergas asegurou a Luzes-Público que a xerencia do CHUS «mantén reunións periódicas cos facultativos de medicina interna para buscar solucións» sobre as baixas e xubilacións do servizo, ao que recoñece ser «un dos que máis esforzos realizou e realiza» polo coronavirus. E aínda que afirma que «traballa» para dar cobertura a esas baixas, admite que só as cobre «na medida do posible». Ademais, o Sergas sinala que desde o 2019 o servizo conta con tres internistas máis e que o médico interno que remata este ano a súa residencia será contratado para cubrir unha baixa.

Feijóo iniciou a súa carreira política como secretario xeral da Consellería de Sanidade nos gobernos de Manuel Fraga, e sempre negou a deterioración da sanidade pública que provocaron os seus recortes e privatizacións. A Xunta ten plenas competencias en materia sanitaria, pero hai xusto un ano, entre a cuarta e a quinta onda de covid, o entón presidente de Galicia chegou a culpar o Goberno do Estado da falta de médicos. «Non nos deixan contratar médicos MIR», dixo entón. Os profesionais do hospital da súa curmá, con todo, negan esa tese: «Non é que non haxa internistas para contratar, é que están marchando», afirman.

Precisamente, advirten de que a crise sanitaria agravou aínda máis a situación: «Aínda que a idea xeral é que a pandemia xa acabou, a día de hoxe hai 58 ingresados por Covid no noso centro. Isto veu para quedar», alertan, subliñando que moitos deses enfermos se derivan a camas correspondentes a servizos cirúrxicos, pero sen ampliar proporcionalmente o persoal en medicina interna. «A nosa ocupación sempre está por riba do 100% e, en moitas ocasións, ata o 170%».

«Diariamente atendemos na planta de hospitalización entre o dobre e o triplo dos pacientes que recomenda a Sociedade Española de Medicina Interna, o cal supón prolongar a nosa xornada laboral voluntaria e altruistamente, con carácter diario durante horas», co que iso significa de «perigo de comprometer a calidade asistencial» e, sobre todo, «a seguridade dos pacientes».

A todo iso engádese o agravio con respecto a compañeiros doutras especialidades, que poden dedicar tempo á formación, a investigación e a docencia, «actividades fundamentais na súa baremación» á hora de acceder e progresar na súa carreira profesional no Sergas».

Os colectivos de doentes subscriben tamén o relato dos 31 internistas que asinan o escrito. «A situación é gravísima e é difícil atopar un exemplo de xestión tan nefasta», asegura Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, quen lembra que o papel dos internistas «foi clave» para salvar a vida de miles de infectados por Covid.

Ademais, Abraldes estende os problemas a outros servizos do complexo hospitalario e advirte das consecuencias que ten para os enfermos: «Reformaron Urxencias para habilitar un almacén de pacientes, onde entre corenta e cincuenta enfermos esperan a que lles habiliten unha cama en planta cando xa a teñen asignada. Hai enfermos de cancro que esperan ata seis e sete meses para un diagnóstico, a espera en neurocirurxía e en cirurxía pediátrica é de 130 días…».

Os internistas que alertaron da perda de calidade asistencial no seu servizo forman a práctica totalidade do persoal dese departamento nos hospitais Clínico, de Conxo e Gil Casares, adscritos ao complexo hospitalario que dirixe Núñez Masid. A curmá de Feijóo, exconcelleira do PP en Ourense, foi nomeada xerente da área sanitaria da cidade e a súa comarca poucas semanas despois de que este accedese á presidencia da Xunta. No 2017, foi ascendida á da área de Santiago.

O escrito foi dirixido á súa xerencia e ao departamento de recursos humanos do CHUS e do Servizo Galego de Saúde (Sergas), á Consellería de Sanidade, que dirixe Julio García Comesaña, ao Colexio Oficial de Médicos, á Sociedade Galega de Medicina Interna e á Valedora do Pobo –equivalente á defensora do pobo en Galicia–.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail