A Xustiza anula parte da licenza que o PP concedeu ao Celta para a súa cidade deportiva

O Tribunal Superior de Xustiza confirma a sentenza que considera que o Concello de Mos, pegado á cidade e onde goberna o Partido Popular, partiu ilegalmente as licenzas do macrocomplexo deportivo e comercial do club

A Coruña.- A sección segunda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza que anulou parte da licenza concedida ao Real Club Celta de Vigo para a construción da súa cidade deportiva no municipio de Mos, gobernado polo Partido Popular.

O TSXG confirma así a resolución do xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra que o ano pasado condenou ao Concello para revisar a licenza dos campos de adestramento do Celta e anulou a dos vestiarios. O Tribunal desestima os recursos interpostos polo Concello e polo Celta contra a decisión xudicial en primeira instancia.

O novo líder do PP, o senador e expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, xunto á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente do Celta, Carlos Mouriño, inauguraron o pasado 28 de novembro a primeira fase das obras da Cidade Deportiva Afouteza.

Trátase dun ambicioso proxecto con tres campos de fútbol, un edificio de 2.000 metros cadrados de superficie para instalacións deportivas e de lecer, aos que se engade un gran centro comercial doutros 180.000 metros cadrados. É dicir o equivalente a case trinta veces a superficie do estadio de Balaídos.

Feijóo, na inauguración da primeira fase de Afouteza.

Menos de medio ano despois da inauguración, o pasado 14 de xuño, o xulgado estimou o recurso que interpuxo a Comunidade de Montes Veciñais en man común de Tameiga, afectada polo proxecto, e anulou a licenza dos vestiarios e instalacións auxiliares de Afouteza. Tamén ordenou a revisión do permiso para construír dous campos de adestramento de 16.000 metros cadrados e un aparcadoiro anexo doutros 5.500 metros.

A xuíza de primeira instancia considerou que as obras se executaron «nuns termos alleos aos que esixiría a normativa urbanística de aplicación», é dicir, a Lei do Solo de Galicia aprobada polos gobernos de Feijóo, sen que o Concello redactase e aprobase o preceptivo plan de dotacións, e partindo as licenzas. É dicir, coma se se tratase de varios proxectos diferentes e non dunha macroinstalación deportiva e comercial conxunta que require dunha planificación urbanística máis rigorosa que a que se prevé para un campo de fútbol con vestiarios e duchas.

Nunha sentenza asinada o pasado 12 de maio que se fixo pública o pasado martes, o TSXG conclúe que as obras da Cidade Deportiva Afouteza exceden «das instalacións mínimas a que se refire a lei», e que o que fixo o Concello foi autorizar «unhas obras que conformarán un conxunto completo que constitúe unha unidade» e que «precisan dun plan especial».

Contra a sentenza cabe presentar recurso de casación no Tribunal Supremo, e tanto o club como o Concello aseguraron que acudirán a esa vía. O Celta tamén indicou que considera «inxustas» as resolucións do xulgado de primeira instancia e do TSXG, e que xa se está redactando o plan especial que «dará legalidade á obra».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail