Altri asegurou á Xunta que a súa celulosa crearía cinco veces máis empregos dos que en realidade xerará

A Coruña.- A multinacional papeleira Altri conseguiu que a Xunta de Galicia declarase de interese estratéxico o seu proxecto de macrofábrica de celulosa en Palas de Rei (Lugo) mentindo sobre a súa relevancia socioeconómica. Na súa primeira solicitude ao Goberno do PP en Galicia, presentada en 2022, a compañía aseguraba que crearía 2.500 postos de traballo, cando en realidade non serán máis de 500 empregos, tal e como recoñece agora. A declaración de interese estratéxico permite a Altri acurtar os prazos do proceso, apurar a concesión de licenzas e reforzar as solicitudes de axudas da Xunta, o Estado e a UE.

Así figura na memoria descritiva do proxecto, datada en novembro dese ano, e que forma parte do seu expediente completo, ao que Luzes-Público tivo acceso despois de que a Xunta llelo facilitase ás asociacións que alegaron contra el. «A man de obra total, considerando empregos propios e de terceiros, necesaria para a operación da fábrica, será de aproximadamente 2.500 persoas», afirma a memoria inicial presentada por Altri, un dos centos de documentos dos que consta o procedemento.

Nos últimos tres anos, a compañía que dirixe José Soares de Pina e a Xunta, tanto baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo como baixo a de Alfonso Rueda, cimentaron o relato de apoio á planta no impacto positivo que terá pola enorme xeración de riqueza e emprego. Pero o fixeron manexando cifras moi distintas sobre os postos de traballo que proporcionará e xogando sobre a súa cualificación de directos –é dicir empregados en nómina de Altri– e indirectos –noutras empresas como derivada da actividade de aquela– ata confundilos nos documentos oficiais.

Así, e a pesar de que Altri falaba no seu solicitd de empregos atribuíbles a «terceiros», no documento elevado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía e Industria ao Consello da Xunta do 29 de decembro de 2022, que fundamentaba a proposta de declaración de proxecto estratéxico, asegúrase que Altri «supoñerá a xeración duns 2.500 postos de traballo directos». A vicepresidencia da Xunta estaba dirixida entón por Francisco Conde, persoa do circulo máis próximo a Feijóo e hoxe deputado no Congreso.

Tres veces no mesmo documento

A cifra dos 2.500 postos de traballo directos non parece froito dun erro do equipo de Conde se se ten en conta que se repite ata dúas veces máis no mesmo documento, de catro e páxinas unha das cal acompaña esta información.

Oito parágrafos despois do anterior, lese: «O proxecto Gama [así o chama Altri] supoñerá a creación de 2.500 postos de emprego directos, na modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa». Cinco despois, a Consellería de Economía e Industria afirma de novo: «En canto ao impacto socioeconómico do proxecto na rexión e o seu carácter vertebrador, quedan acreditados coa creación de 2.500 postos de traballo directos na fase de explotación e outros 4.800 na de construción».

O pasado setembro, o Consello da Cultura Galega, o órganismo asesor da Xunta en materia cultural, emitiu un informe sobre o impacto de Altri no que afirmaba que en realidade a planta de celulosa de Palas só creará entre 161 e 281 postos de traballo directos. Un dos redactores do estudo, Edelmiro López, director do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, explica que o cálculo foi relativamente sinxelo: «Collimos a previsión de remuneración de persoal da memoria económica da empresa e dividímola pola media dos salarios do sector da pasta de papel en España».

Na rolda de prensa posterior ao Consello de la Xunta do 29 de decembro de 2022, o propio Alfonso Rueda celebrou a decisión do seu Goberno e declarou: «Cando estea a pleno rendemento [a fábrica de celulosa] vai supoñer 2.500 postos de traballo directos». Oito días antes, o Instituto Galego de Promoción Económica –o Igape, a entidade pública que tramita as axudas financeiras ao tecido empresarial da comunidade– emitira outro informe asinado polo seu director xeral, Fernando Guldrís Iglesias, no que falaba, de novo, de 2.500 empregos pero «incluíndo a todos os traballadores forestais, equipos industriais directos e de terceiros».

Blanco rebaixou a 1.500 empregos

Un dos principais apoios de Altri é o exministro socialista de Fomento José Blanco, natural de Palas de Rei e cuxa consultora, Acento, foi contratada pola compañía portuguesa para achandar a tramitación administrativa do proxecto diante as institucións galegas, estatais e europeas. En outubro de 2023, duranta unhas xornadas en Lugo e fronte ás críticas que Altri estaba a empezar a recibir e que orixinaron a enorme contestación social que provocou, Blanco defendeu con firmeza as vantaxes da planta de celulosa, pero rebaixou a 1.500 postos de traballo as expectativas de creación de emprego.

Cinco meses despois daquelas declaracións de Blanco, a Xunta sacou a información pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto, a súa solicitude de autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública, e recortou aínda máis aquelas expectativas. A depuradora que tratará as augas residuais de orixe humana da fábrica, é dicir, dos seus traballadores, terá, segundo o texto, «unha capacidade de 50 metros cúbicos/día (200 hab eq)». É dicir para 200 empregados. Durante a construción da obra, haberá unha depuradora con potencial para tratar «un caudal de 350 metros cúbicos/día (1.500 hab eq)». É dicir para 1.500 traballadores, non para os 4.800 que supostamente participarán na obra dos que falaba o documento oficial elevado ao @Consello de la Xunta en decembro de 2022.

Alfonso Rueda, presidente da Xunta: «Cando estea a pleno rendemento [a fábrica de celulosa] vai supoñer 2.500 postos de traballo directos»

Altri tratou de xustificar todas estas incongruencias asegurando que non son tales porque a planta funcionará as 24 horas ao día en quendas de non máis de 200 persoas cada oito horas, que sumarían ao redor dos 500 traballadores. Pero iso non explica que planease unha depuradora de augas residuais con capacidade diaria para tratar as que producen menos da metade deles. Hoxe asegura que son «ao redor de 500 empregos directos (…) 2.000 empregos indirectos estimados en loxística, hostalería, talleres mecánicos, servizos industriais (…) e máis de 4.000 empregos en períodos pico durante a construción».

«O que demostran todas estas contradicións é que toda a filosofía que impregna o relato oficial sobre o proxecto está baseada en datos falsos», asegura Xaquín Rubido, portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (Pedra), que xunto á Plataforma Ulloa Viva congregaron a mobilización social contra a planta de celulosa.

«Deben pensar que somos cidadás de terceira»

En Arousa desemboca o río Ulla, ao que Altri prevé verter cada día 30.000 litros de augas contaminadas tras extraer do seu leito preto de 46.000 millóns de litros. Segundo a Dirección Xeral de Pesca da Xunta, na ría hai censadas máis de 1.600 embarcacións artesanais da frota de baixura, preto de 2.400 bateas mexilloeiras, preto de 1.200 parques de cultivo de bivalvos e máis de 1.500 mariscadoras que traballan a pé de praia. «Altri e a Xunta deben pensar que somos cidadás de terceira ou cuarta categoria», critica Rubido

As inconsistencias do proxecto tamén alcanzan ao seu parte máis relevante, o seu investimento real, sobre o que tanto a empresa como a Xunta tamén utilizaron cifras millonarias moi distintas, que foron aumentando, paradoxalmente, de maneira inversamente proporcional á redución das previsións de emprego.

O CEO de Altri, José Soares de Pina, e Alberto Núñez Feijóo, o 26 de abril de 2002 no despacho do entón presidente da Xunta / Foto: Xunta

Na primeira memoria que presentou á Administración galega, a compañía falaba concretamente dun gasto «da orde dos 810-880 millóns de euros». No estudo de impacto ambiental publicado no DOG pola Xunta estipúlase, literalmente, que son 900 millóns. Na documentación que Altri presentou ao Ministerio de Industria para avalar a súa solicitude de fondos con cargo os fondos de descarbonización da UE, que o Goberno acaba de rexeitar, eleva o investimento previsto a 1.091 millóns de euros.

En ningún deses documentos explicítase se esas cantidades inclúen o 25% de axudas públicas que Altri pretende obter do Estado e a UE. Segundo a súa memoria económica, a empresa pretende financiar con débeda o 49% do investimento, de forma que só sufragaría con fondos propios o 26% do total.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail