Como en Casablanca, nas eleccións presidenciais francesas ganou o bo, pero non de todo. Quedou sen a chica. Aínda que, se Macron non se pode comparar con Bogart, a pesar de que os dous son pequenos, menos semellanza hai entre Ingrid Bergman e Marine Le Pen. Con todo, tanto Macron como Le Pen poden consolarse en que sempre lles quedará París: a el a presidencia durante cinco anos e a ela, conseguir o 42% dos votos (iso si, en segunda volta), a meirande porcentaxe nunha democracia occidental.
Pero tamén España é unha democracia occidental e pasan cousas incompatibles con esa cualificación: o goberno espía aos seus rivais políticos con Pegasus, un programa indetectable e, polo que se ve, fóra de control (democrático). E a casa real, e os partidos maioritarios, deciden a que partidos lle dan explicacións (PSOE, PP, Vox, etc) e a cales non (ERC, Junts, Bildu, BNG, CUP), por consideralos «non constitucionalistas», como se os votantes de todos non contribuiran igualmente aos gastos da monarquía. E son moitos os que lle pagamos, se non non se entende que, tendo recibido desde a súa coroación uns 4,4 millóns de euros, Felipe VI, teña uns aforros de 2,57.
En fin, todo iso debullado en pouco máis de media hora polo noso equipo médico habitual, Ana Luísa Bouza, Antón Losada e Xosé Manuel Pereiro, auxiliados nesta ocasión por Alexandre Mato, correspondente en Bruxelas.