Hai dous anos xa do accidente da curva da Grandeira e aínda quedan moitas incógnitas por despexar. Á espera aínda de xuízo, os feitos agardan que se dilucide se o que pasou en Angrois é o que dixeron que pasara.
1 Que pasou? O 24 de xullo de 2013 un home despistouse e abriu en Santiago, na véspera do Día de Galicia, unha gran ferida chamada Angrois. Morreron 79 persoas e outras 150 resultaron mancadas cando un tren Alvia descarrilou na primeira curva que atopou ao entrar en Compostela, logo da longa recta que é a liña de AVE Ourense-Santiago, aberta un ano e medio antes tras unha inversión de 3 500 millóns de euros. O tren circulaba a 190 quilómetros por hora, para algo era un convoi de alta velocidade, pero o maquinista esqueceuse de frear aos 80 por hora aos que está limitada a curva da Grandeira, no barrio compostelán de Angrois. Iso foi o máis grave que pasou, pero non o único. En Angrois comezaron a abanear algunhas certezas sobre o sistema ferroviario. E certos políticos e xornalistas perderon outro pouco de dignidade. Os primeiros, ao apresurarse a filtrar que todo fora só culpa do maquinista, sen máis, lembrando o grave que sería para vender o AVE español no mundo falar dun erro de deseño. Entre os xornalistas houbo de todo, incluído quen presentou o maquinista como un tolo adicto á velocidade por poñer no seu Facebook unha imaxe conducindo rápido, que para iso lles pagan. §
2 Por que pasou? Houbo quen quedou satisfeito coa explicación, simple, de que o maquinista se despistara. Porque os maquinistas, como calquera ser humano, despístanse. E este en particular confesárao así. Non obstante, os trens teñen sistemas que evitan ou atenúan eses despistes. No ferrocarril convencional chámase ASFA (Anuncio de Sinais e Freado Automático), e son unhas balizas instaladas nas vías en puntos moi concretos que frean o tren en caso de que o maquinista non cumpra co que lle indican os sinais visuais a que van asociadas. No ferrocarril de alta velocidade este sistema chámase ERTMS (siglas en inglés de Sistema Europeo de Xestión de Tráfico Ferroviario) e supervisa a marcha do tren de xeito constante. A liña Ourense-Santiago é de alta velocidade, pero no seu comezo e no seu final enlaza con liñas convencionais, á espera de que estea rematada, din que en 2018, toda a liña Madrid-Galicia da que formará parte. Angrois é xusto un punto de transición, pero alí o sistema ASFA non estaba configurado para evitar un exceso de velocidade e o ERTMS non estaba instalado nas vías e ía desconectado a bordo do tren.§
3 Que din as partes? Fomento, e as súas empresas públicas Adif e Renfe, xestoras das vías e do tren, respectivamente, tentan xustificar cada unha desas circunstancias. Co apoio do fiscal da causa, Antonio Roma, din que non había ningunha norma expresa que obrigase a protexer mellor aquela curva, que todo debía depender da atención do maquinista. Pero tanto as vítimas como o avogado do condutor, unidos co obxectivo de que este non sexa considerado o único culpable, cren que as empresas ferroviarias non podían ignorar que a curva era perigosa. E apuntan a varias decisións que ao seu ver agravaron a situación. En 2010 Adif decidiu, para axilizar as manobras dos trens en Santiago, non instalar o ERTMS de control constante da velocidade ata a propia estación, como estaba previsto inicialmente, senón só ata catro quilómetros antes de Angrois. Logo, en 2012, foi Renfe quen pediu desconectar o ERTMS a bordo dos Alvia porque fallaba e tardou máis de dous anos en arranxalo. E antes, aos poucos días de abrir a liña, un maquinista xefe alertara oficialmente de que en Angrois podería producirse un accidente por despiste como o que acabou sucedendo, pero non se fixo nada. O primeiro xuíz instrutor da causa, Luis Aláez, pediu por dúas veces imputar a altos cargos de Adif por esas cuestións, pero a Audiencia Provincial da Coruña denegoullo e díxolle que antes os peritos xudiciais deberían concretarlle que normas se terían incumprido ao rebaixar a seguridade da liña.§
4 Que vai pasar co xuízo? O xuíz Aláez deixou a causa por vontade propia hai un ano e o novo xuíz, Andrés Lago, ten que decidir agora o futuro da instrución unha vez que xa dispón das peritaxes, nas que se sinalan diversos incumprimentos normativos concretos. Segundo o que decida, haberá recursos dunha ou doutra parte, polo que, cando se cumpren dous anos do accidente, aínda falta tempo para que se celebre o xuízo. Nel, ademais da responsabilidade penal do sinistro, dirimirase a indemnización final que debe recibir cada vítima, a maiores do que xa foron cobrando do seguro obrigatorio de viaxeiros. De aí que haxa unha guerra soterrada na causa por ampliar ou non a responsabilidade máis alá do despiste do maquinista. Se el é o único culpable, o pago das indemnizacións debe asumilo a aseguradora da súa empresa, Renfe, a multinacional QBE, que polo tanto está interesada en ver responsabilidades tamén en Adif para así rebaixar a súa factura. §
5 Que repercusións tivo o accidente? O sistema ferroviario español saltou polos aires en Angrois. Desde entón todo está en dúbida, comezando por como se foi construíndo a rede de alta velocidade galega, aos anacos, non sempre ben empalmados. Porén, PP e PSOE tentan que ese debate político e técnico non transcenda. Manteñen silencio baixo ameaza de responsabilizarse mutuamente por deseñar mal ou a infraestrutura (antes de 2011, co PSOE no Goberno) ou o tren e a desconexión nel do ERMTS (en 2012, xa co PP). Pero parece difícil probar penalmente que calquera das deficiencias se debe ás presas dos cargos políticos se houbo técnicos que as validaron. Técnicos que os políticos mantiveron durante anos en postos directivos nos que tomaron decisións clave e que aínda non declararon ante o xuíz. Talvez por esa complexidade, incompatible cos titulares sinxelos, a maioría dos medios españois, galegos e mesmo santiagueses renunciaron non xa a investigar pola súa conta a catástrofe senón mesmo a dar conta da investigación xudicial. §
6 Que foi das persoas? 79 xa non están e os que sobreviviron agrupáronse en dúas asociacións, non sempre coordinadas nas súas reivindicacións, que tentan que a investigación xudicial non se peche en falso e que a Administración non esqueza as súas necesidades. O maquinista, Francisco José Garzón Amo, está imputado por homicidio imprudente, delito cuxa pena, en caso de ser atopado culpable, podería facer que nin entre no cárcere, xa que non ten antecedentes e colaborou coa investigación desde o primeiro momento. «Todo va en que yo debo saber que en ese punto debo ponerme a esa velocidad [80 quilómetros por hora], nada más», confesou tras o accidente ante o xuíz, que o puxo en liberdade á espera do xuízo. Estivo máis dun ano de baixa psicolóxica e logo obrigárono a reincorporarse a un posto en oficinas de Renfe. Como todos os maquinistas que tiveron un accidente grave, non volverá conducir trens. En Fomento, Adif ou Renfe ninguén dimitiu nin ninguén foi apartado do seu cargo de xeito expreso polo accidente. Algún mesmo foi premiado cun posto mellor. En Angrois os veciños volveron á fin á súa vida, tras un primeiro ano de constantes homenaxes por facer, como eles insistían, o que faría calquera. Porque en Angrois houbo heroes, pero tamén persoas que a noite do 24 de xullo seguiron coa súa vida coma se nada. Logo tamén se sabería de denuncias de vítimas ante a policía pola desaparición de obxectos persoais do interior das equipaxes de falecidos e feridos. Había dúbidas de que o ser humano é imperfecto?§
7 Pode volver pasar? Pódese volver despistar un maquinista? Si. Pasa acotío. Tamén despois de Angrois. Porén, se antes todo se resolvía insistíndolles aos maquinistas que prestasen máis atención a próxima vez, tras o accidente de Santiago as administracións están optando por mellorar os sistemas de seguridade para cada tipo de despiste do que teñen coñecemento. Pódese volver inaugurar unha liña de AVE aos anacos? Tamén. Vimos de velo co Eixo Atlántico de alta velocidade Vigo-A Coruña, aberto por treitos ao longo dos anos, aínda sen ERTMS e con numerosas melloras pendentes tras a súa inauguración. Pode volver descarrilar un tren nunha curva porque o maquinista se despiste e non free a tempo? Non. Con independencia de que a liña sexa ou non de alta velocidade, todos os puntos de toda a rede ferroviaria estatal que, como a curva de Angrois, requiran unha redución tan brusca da velocidade, máis dun cento en toda España, están agora protexidos por unha simple baliza nas vías que frea automaticamente calquera tren que pase sobre ela a máis velocidade da debida. Tiveron que morrer 79 persoas. §