Carmiña e o coronavirus

Na aldea case non se nota que estamos a vivir unha pandemia mundial. De por si xa non hai bus porque somos unha parroquia esquecida, os veciños saen á leira todos os días, os que saúdan e nunca sabes quen son tamén, algún que camiña aínda pensando que a taberna vai abrir e algunha muller (coma a miña nai) que colle o coche para ir traballar ao hospital. Estamos a dez minutos conducindo do que a miña bisavoa chamaba «el pueblo». A min ás veces escápaseme, a xente mírame e engado rapidamente «grande, pue-blo-gra-nde».

Teletraballar aquí aplícase a diario. Rosiña segue pelando as xudías ao carón dos seus tres cans pulgosos; Moucho anda co cabalo de aquí para alá; hai dúas familias con froitarías, outra cunha carnicería e outras tantas que venden nos mercados locais; «A Ghoriña», a avoa, a nai e a filla; o marido dunha delas coas súas fogatas un pouco ilegais; Benito, o que vive diante da miña casa, que puxo un portal eléctrico hai pouco e estaba todo o día ao lado dos obreiros a ver se pasaban o exame e tamén un policía nacional porque nas historias ten que haber de todo.  E pouco máis, a tranquilidade impera na aldea, o outro día saín a aplaudir pola labor dos sanitarios coa miña irmá e non había ninguén porque ás oito da tarde están case todos a durmir. Isto non é coma nos edificios ou urbanizacións, aquí non hai relación veciñal e ninguén sabe o noso nome.

Tamén hai unha taberna onde fai dous anos houbo un tiroteo por un axuste de contas, eu decateime polo xornal porque estaba a vivir na Coruña e a miña nai non sabía nada, para que vos fagades unha idea. Preto do lugar do crime hai unha tenda que se chama Lucita alimentación que rexenta un matrimonio, a ela chámana «A Pirula», e de feito, o normal é escoitar «vou á Pirula» cando precisas uns ovos, pero xamais podes chamala así en persoa, non sei o motivo, tampouco ninguén coñece a orixe do mote.

Carmiña, que ten uns setenta e pico, acababa de chegar co seu coche. Subiu as escaleiras e atopouse cunha moza na porta, saudouna cun agarimo no brazo e cando se dispoñía a entrar na tenda un señor duns 40 anos berroulle: «Señora, non sabe que non pode tocar a xente?»

Un destes días ía camiñando á tenda para mercar un par de cousas e vin que había como cinco coches aparcados, o xamais visto. Unha muller que se chama Carmiña e que ten uns setenta e pico, acababa de chegar co seu carro como probablemente cada día, porque o coche aquí cóllese para ir ao hospital ou á igrexa, pero pouco máis. Subiu as escaleiras e atopouse cunha moza na porta que estaba esperando a súa quenda mantendo a distancia de seguridade.

Carmiña saudouna cun agarimo no brazo e cando se dispoñía a entrar na tenda, un señor duns 40 anos que estaba baixando do coche empezoulle a berrar. «Señora, non sabe que non pode tocar a xente? Vostede non mira a tele? Parecemos parvos!» Carmiña intentou contestar pero o home interrompeuna rapidamente. «Este virus é o demo, a min dáme igual, pero aos vellos lévavos a todos!». A moza seguía na porta mirando, a nosa protagonista colleu o seu carro e púxose detrás dela, xa nas escaleiras. Ante o panorama decidín volver a casa. Esa mesa tarde fun pasear o can e atopeime con Carmiña nunha leira.

Díxome desde varios metros de distancia que estaba asustada, que intentaba non poñer «o parte» porque son todas malas noticias. Contoume que non saía da casa para nada máis que non fose ir á Pirula e que lavaba as mans varias veces ao día con alcohol. Despedinme dicíndolle que se quedaba na casa e non se relacionaba con ninguén todo ía estar ben. Mentres que estaba de volta á miña parei a mirar unhas necrolóxicas porque penso que se alguén desta xente morre non me vou decatar, cando de súpeto escoitei unhas voces. Asomeime ao patio dunha casa laranxa e vin a uns vellos xogar a partida, penso que eran cinco. Pasaban as cartas uns a outros, tiñan enriba da mesa cuncas de viño tinto e un tusía que daba medo.

Na terraza da primeira planta da casa observábaos fumando un cigarro o mesmo individuo que lle berrou a Carmiña, mirándome coma se eu non soubese quen é e o que fixera pola mañá, e eu miraba para el porque o listo non sabía que un deses señores que estaban aí abaixo, xusto ao lado do que tusía, era o marido de Carmiña. Foi entón cando me arrepentín de marchar pola mañá e non saír á defensa dela. Esta pandemia é o demo, aos homes lévaos a todos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail