Vivimos na primeira liña da sociedade de risco. Mesmo a pandemia obriga a un aprazamento das eleccións en Galicia. Isto non debería significar o confinamento da política. Pola contra, é un deses intres críticos en que máis cómpre loitar contra o virus da desmemoria e pola saúde democrática. Ao tempo que as persoas limpamos as mans, cómpre limpar o medo social. Todo medo é «político». O medo ao abandono é o primeiro factor que nos fai vulnerábeis. E o primeiro que nos inmuniza é a solidariedade. ¶ O medo sempre é político. A esperanza, tamén. ¶ Que non nos digan nunca máis que a sociedade non existe. Que non nos estafen co timo máis danoso dos últimos tempos: ese de que a «sociedade de benestar» é insostíbel. O que é insostíbel e a suma de depredación e desigualdade. ¶ Quen chimpou á dereita extrema fóra do Goberno de Italia e deixou varado ao trosma de Matteo Salvini foron as sardiñas. Ese movemento cívico, Movimento delle Sardine, resultou decisivo nas pasadas eleccións italianas. As sardiñas, as do mar, móvense en fluídos solidarios, miles de seres que acadan protección na intelixencia natural de agruparse, debuxando unha trama xigante, ao xeito dos puntos Benday das bandas deseñadas, que pode defendelas dos grandes depredadores. ¶ A crise da democracia leva a unha bifurcación. Por unha banda, o camiño cego dos autoritarismos máis ou menos simulados, que acentuarán as desigualdades. Unha excitación política destrutiva. Por outra, o camiño aberto que leva a máis democracia e igualdade. Luzes xurdiu no fluír solidario, como excitación creativa: democracia significa máis democracia. ¶ O Movemento delle Sardine ten esa natureza transpolítica, a memoria profunda de non ser servos. O que os partidos non eran quen de facer, acadouno o movemento cívico. ¶ No seu día, ano de 1981, en Galicia, a odisea do Xurelo, modesto palangreiro de Aguiño, xerou tal ondada cidadá que se acadou a suspensión dos cemiterios radioactivos. Na Foxa Atlántica e nos mares todos do planeta. ¶ E Fraga Iribarne, pivote da ditadura e logo Gran Timonel da Xunta e con sona de imbatíbel, foi derrotado nas urnas non só pola acción dos partidos opositores, que tamén, mais sobre todo pola onda expansiva do movemento cívico e ecoloxista do Nunca Máis. Abriuse paso a un novo tempo que logo as forzas política desaproveitaron, cegadas polo sectarismo cainita. ¶ Que é o que pode frustrar a profecía case unánime que presenta como inevitábel un Feijóo IV imperando en Galicia? Cal pode ser o factor humano para que non se manteña esta produción de tedio e desleixo histórico? ¶ Cal pode ser a viradoira decisiva? ¶ Pois que as sardiñas e os xurelos se mobilicen a prol da saúde democrática. Que as sardiñas e os xurelos non piquen o cebo da indiferenza e participen da excitación creativa de tecer o modelo unha Galicia en estado de solidariedade permanente.