Supremacismo español

O presidente de México, López Obrador, reclamou ao monarca español e ao Papa que pidan perdón polos «abusos da conquista». Polo etnocidio e xenocidio cometido polo imperio contra os pobos orixinarios americanos durante a colonización.

«Non se tratou só do encontro de dúas culturas. Foi unha invasión». «Houbo matanzas, imposición. A chamada conquista fíxose coa espada e coa cruz […] imos reconciliarnos, mais pidamos perdón», dixo López Obrador.

A reacción no Estado español non se fixo agardar.

«Haberá que recordarlle a este señor que os españois fomos alí e acabamos co poder de tribos que asasinaban con crueldade e saña os seus veciños e que por iso, uns poucos axudados polos que eran perseguidos e escravizados, se conquistou e civilizou esa Terra».

As declaracións son de Rafael Hernando, do Partido Popular. Unhas afirmacións que zumegan un supremacismo e etnocentrismo colonial noxento, propio de quen cre que continúa a ser metrópole. Non foi o único, mesmo houbo quen lle exixiu ao presidente mexicano que fose el quen se desculpase. Consideraron un insulto dicir que se invadiu e ocupou un territorio masacrando, escravizando e espoliando a terra e os pobos que alí vivían. Que disparate!

Inevitabelmente, co acontecido arredor de López Obrador e a colonización de América, volveu á miña cabeza aquela sonada frase pronunciada polo ministro de Educación español, José Ignacio Wert, ao fío da LOMCE: «o noso interese é españolizar os nenos cataláns», dixo.

Ou a recentemente proposta do Partido Popular de aprobar a que denominan ‘Ley de lenguas’ que non é outra cousa que unha agresión aos dereitos lingüísticos de galegas, vascas e catalás desenvolvendo unha lexislación uniformadora, que impón o castelán máis do que xa o fixo o artigo 3 da Constitución española.

Alguén que fala, no século XXI, de civilizar tribos bárbaras e españolizar crianzas a través da escola, reflicte odio á diversidade e unha visión uniformadora que vulnera os máis elementais dereitos lingüísticos, culturais e nacionais dos pobos.

Como dicía o poeta kurdo, Musa Anter, «se a miña lingua fai tremer a base do teu estado, iso significa que construíches o teu estado na miña terra».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail