O vector constituínte

Unha semana despois do 18F vaise asentando na opinión un relato pesimista inherente ao triunfo do PP: a idea dunha hexemonía imbatíbel, tan consubstancial ao propio país, que fará posíbel calquera maioría absoluta do PP con independencia do que faga na Xunta. Velaí operativo o invisíbel poder da ideoloxía. Ou, por aquilo de parafrasear a Fredric Jameson: semella máis difícil imaxinar a fin do mundo que ao PP perdendo o goberno galego. Tal é, por riba de calquera outro, o seu maior mérito: facer que o suxeito hexemonizado interiorice a visión do poder dominante.

Acontece así que as lecturas negativas do PSOE, Sumar e Podemos –e, xa que logo, as das súas delegacións galegas– reforzan unha mesma derrota ideolóxica. Non podería ser doutro xeito. O centralismo é sempre un modelo centrípeto nos beneficios e centrífugo nos custes. E por se non fora pouco, os custes son aínda maiores para quen menos pesa no centro de poder. No concreto, se o PSdeG ve diminuída a súa presenza no Parlamento Galego, Sumar e Podemos fican fóra á par que hipotecan os seus resultados vindeiros nos comicios vascos e europeos e, daquela, a viabilidade mesma dos seus proxectos.

Pensemos aquí o contrapunto do BNG. Resultados na man, non é difícil concluír que na presenza dunha alternativa transversal e que aspira a disputar centralidade do país, unha parte importante do electorado xa non retorne ao seu voto anterior. Isto faise tanto máis evidente se poñemos o 18F en perspectiva co 23X. De ser transferíbel o voto do 18F ás próximas xerais, o resultado do BNG sería un grupo propio no Congreso, equivalente aos nacionalistas vascos e cataláns. O incentivo para prescindir da dualidade de voto do electorado transferido ao BNG non é pouca.

Na ausencia dun verdadeiro federalismo asimétrico (hoxe inexistente nos partidos do goberno español) e baixo a percepción das forzas centralistas como alleas aos intereses galegos (mesmo tendo unha vicepresidenta galega), o BNG pasa a ser unha opción máis que razoábel se cumpre coa súa parte. Un grupo parlamentario equivalente aos vascos e cataláns ben podería ter, ademais, a chave da maioría no Congreso e o conseguinte poder negociador (investidura, presupostos, etc.). Asemade, ao igual que os vascos e a diferencia dos cataláns, non tería que afrontar as hipotecas do Procés.

Verificarase esta prognose no futuro? Neste mesmo espazo de opinión, a semana pasada falabamos do 18F como unha «moción de desconfianza» ao goberno de coalición que o BNG soubo traducir cunha excelente campaña. Entre o BNG e os seus competidores pola esquerda a distancia no deixa de medrar: mentres que en 2020 entre o BNG e os partidos do goberno español só había unha marxe de 0,46% á prol do primeiro, o 18F esta medrou ata un 15,69%; diferenza inédita na política galega.

Superar a «moción de desconfianza» co goberno español debería ser unha prioridade absoluta para os partidos da coalición; nen que só sexa por pura supervivencia. Para comprender as dimensións desta traxedia faise obrigado gañar perspectiva e observar, por unha banda, que o PSdeG non deixou de caer desde 2005 (ano en que Emilio Pérez Touriño chegara ao goberno empurrado polas mobilizacións en contra do Prestige). Pola outra banda, logo da paréntese da nova política (2012-2020), non se pode deixar de situar a Sumar nas mesmas cifras que acadaba Yolanda Díaz en 2009, cando aínda non saíra da marxinalidade histórica do PCG/IU.

Na análise da tendencia, o 18F amosa que o bipartidismo non deixou de perder votos desde 2009. Esta perda correu por conta exclusiva do PSdeG, que non deixou de perder apoios desde 2005 no entanto as porcentaxes do PP permanecían intactas. O BNG, pola súa banda, tampouco foi quen no seu día de afrontar a perda do goberno galego, entrando nun longo período de lento declive (1997-2016).

Habería que esperar ata as eleccións de 2012, xusto despois da impugnación destituínte do 15M, para ver como se abría paso na política galega un vector constituinte. Esta área política antagonista entraría antes na Galiza que en España. Non por casualidade, Alternativa Galega de Esquerda operaba un desprazamento en clave constituínte que tamén interpelaba coma crise interna e de liderado ao BNG posterior ao bipartito.

Con todo, lonxe de manter aberto o horizonte superador do réxime do 78, a dinámica de integración institucional tivo dúas consecuencias para o área emerxente de AGE. Por unha banda, o retorno á subalternidade do 78 no marco «esquerda á esquerda do PSOE», acorde ao xiro estratéxico de Podemos en Vistalegre II (hoxe visíbel en Yolanda Díaz e Sumar). Pola outra, a reorientación do BNG e a posibilidade subseguinte de dar continuidade ao vector constituínte. Neste senso podemos ser optimistas: o 18F é de seu a nova política máis prometedora desde que Rajoy foi derrotado pola moción de censura social, democrática e plurinacional de 2018.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail