Amianto, o veleno da cobiza

Fotografías de Kiko Delgado.

O patrón dos feitos non varía. unha empresa vende un produto que prexudica traballadores e/ou consumidores. Cando os primeiros signos do problema aparecen, quen denuncian o feito son desacreditados. Se o tempo e as consecuencias pasan e se comproba que a denuncia estaba sustentada nunha realidade, os responsables esquivan a xustiza, aínda que acaben negociando, case sempre cartos e os menos posibles, cando xa os resultados son devastadores. Quen vira a excelente serie de televisión Dopesick sobre un analxésico opioide que provoca unha forte adicción saberá que está baseada na historia real da avariciosa familia Sackler, da súa empresa Purdue Pharma e do seu letal produto OxyContin, que fixo drogadicta a unha xeración de estadounidenses. Un acordo por 6.000 millóns de dólares evitoulle á familia pisar a cadea. Entre nós o opioide chamaríase amianto (ou asbesto) e, como no caso norteamericano, ninguén foi á cadea e incluso a súa responsabilidade está moi diluída. Iso si, é pertinente lembrar que dos pasados anos 70 aos 90, os de maior produción, a propietaria da empresa Uralita (popular fibrocemento que acabou dando nome ao material) era a familia March.

O asbesto é un grupo de minerais fibrosos presentes na natureza e resistentes á calor e á corrupción. Durante anos foi empregado na construción de edificios e, sobre todo, no sector naval. O problema deste material é que a súa descomposición en fibras e aspiración provoca cancro logo de anos ou décadas latente. A exposición ao asbesto relaciónase cun maior risco de cancro de pulmón e mesotelioma, que é un cancro nas membranas delgadas que recobren o interior do tórax e o abdome. Da relación de asbesto e cancro de pulmón xa falou Plinio o Vello en data tan antiga como o século I d.C, pero en España prohibiuse en data tan recente como o 2002.

O exemplo de Rafael Pillado
O pasado 20 de setembro, Rafael Pillado, historia viva do sindicalismo galego e referente do 10 de marzo de 1972, iniciaba nos xulgados de Ferrol unha reclamación contra Navantia (antigas Bazán e Astano) polo mesioteloma que padecía a causa da inhalación de amianto na factoría naval durante décadas. É unha das múltiples demandas presentadas contra esta e outras empresas debido ao uso deste material. Pillado, falecido o pasado 20 de febreiro a causa da enfermidade, era vicepresidente da asociación Agavida (Asociación Galega de Vítimas do Amianto), unha entidade que conta cuns 600 asociados e que foi creada en 2004 en Ferrol, área urbana que concentra a metade dos casos de Galicia, para informar os afectados e enfrontarse a unha empresa que variou o nome pero non as súas técnicas dilatorias e opacidade.

Varios momentos da xornada informativa da Asociación Galega de Vítimas do Amianto (Agavida) do pasado 14 de setembro en Ferrol. Na mesa, Carlos Piñeiro, Rafael Pillado e Antón Losada.

As demandas son claras: unha mellora nas indemnizacións, que varían segundo os casos pero que, inferiores e superiores, oscilan entre os 70.000 e os 200.000 euros, unha maior información e a eliminación de todos os restos de amianto observables en estaleiros e todo tipo de construcións. Apoiado por diversas entidades (Asociación Fuco Buxán, Memoria Histórica Democrática, etc.), partidos e algúns sindicatos, a repercusión do nome de Pillado quere usarse de ariete mediático para reclamar máis atención ás peticións citadas duns afectados con frecuencia maltratados.

«Na factoría non sabiamos nada do amianto –lembraba Pillado hai uns meses–. Pasaban os anos e aquilo era como un rumor, sen ter nin idea da dimensión real do asunto. Logo vaste enterando de que tamén tivo moita importancia no mundo da construción, co tema da uralita. As canalizacións de auga, os talleres de reparación, os freos dos guindastres… En Bazán estaba en todas partes, pero tamén noutras factorías como Megasa e as siderúrxicas, por exemplo. A dirección da empresa sabía das posibles consecuencias para a nosa saúde, pero foi un tema agochado, cando nos Estados Unidos sabíase xa desde había décadas». Os médicos danlle a Rafael menos dun ano de vida a causa do seu mesioteloma. E así foi.

Acompañou a Rafael nos xulgados Cristina Almeida, amiga desde os sucesos de marzo de 1972 en Ferrol. A avogada comenta que «os que non morreron daquela acabaron facéndoo polo cancro derivado do amianto, incluídos moitos dos seus líderes, como Amor Deus ou Rioboo. Dicíanme os compañeiros que había tanta xente da empresa na consulta do oncólogo que aquilo semellaba as quendas da Bazán». Para Almeida, a actitude dos afectados debe pasar pola mobilización: «A batalla de Rafael é a batalla de moita xente menos coñecida e que non ten voz. O seu éxito será o doutra moita xente ou, polo menos, das súas familias, para acadar unha indemnización xusta. Hai xubilados e xente solitaria que non é consciente dos seus dereitos. É necesaria a mobilización, sexa cal sexa o nome da empresa».

Verbo da actitude de xuíces neste tipo de sentenzas, comenta Almeida que «é unha mágoa que os motiven máis criterios comerciais que morais, sen unha valoración da humanidade que hai detrás. Toman as demandas polo civil e non polo penal cando vemos con impotencia casos como os do Metro de Madrid, cando xa houbo sentenzas desde os anos 70 en Estados Unidos e Europa polas consecuencias do amianto!».

Pola súa banda, destacaba Pillado varios protagonistas da desfeita por acción ou omisión: «O papel de empresas como a Banca March, financeira de Franco, que durante anos controlou Uralita, que importou o material e inzou de amianto toda España. Esta xente foise de rositas. Resulta indignante que xa en democracia non se tomaran medidas e que as institucións miraran e sigan mirando para outro lado coa cantidade de amianto que está instalado por todas partes, tellados das casas, canalizacións de auga, etc. Sumáronse esforzos da xente afectada, que apenas tiña quen os defendera, con excepcións como Ángel Cárcoba, do gabinete de saúde laboral de CC.OO. Déronse casos como que nós estabamos organizando protestas e, ao mesmo tempo, algún sindicato chegou a facer en 2002 un acto en contra no CIS da Cabana (Ferrol) co patrocinio de Uralita! A toma de conciencia levouse a cabo dun xeito moi lento. Nós pedimos un proceso de desamiantado, pero ninguén move un dedo, cando o problema de infección segue a estar aí».

Detalle do astaleiro de Navantia.

Días despois do xuízo, a sentenza ofrecíalle a Pillado unha compensación de 128.000 euros, un terzo da reclamación inicial, e ante a que o ex sindicalista pensa recorrer. O seu avogado, Jesús Porta, destaca sobre a causa que buscaron «facela pública, non individual. Visibilizar o problema cara ao colectivo de traballadores afectados e que reclamen, porque desde que se diagnostica un cancro por amianto non pode pasar máis dun ano para solicitar unha indemnización. Isto debe saberse. Do mesmo xeito que se o traballador morre por esta causa a familia ten un ano para reclamar, se tarda máis perde os seus dereitos».

Porta recorda que desde comezos dos 90 o seu despacho leva casos sobre o amianto: «Daquela os xuíces desestimaban o 99% das demandas, pero desde este século e co recoñecemento do Tribunal Supremo da relación do amianto e o cancro as cousas cambiaron, aínda que con cautelas, sobre todo no caso dos fumadores».

Agavida e a loita pola saúde
O despacho de Porto é un dos que máis traballa coa asociación Agavida, que pon en valor o médico Carlos Piñeiro: «É unha asociación da que os propios membros da xunta directiva xestionaron todo. Non contaron con medios económicos e desde o punto de vista humano, emocional, de ansiedade, tremendos. Con cada persoa que falecía estaban alí para preparar todo, convencían as familias para poder facer as autopsias, loitaban para conseguir as indemnizacións para as familias. Todo era co fin de ter datos para ir ao xulgado. Nun principio non se logrou definila como enfermidade profesional, todo era para lograr que os dereitos dos traballadores fosen respectados. E cantos quedaron polo camiño nesa loita… O tema da asociación foi realmente dramático. E segue a ser, coa típica difamación, incluso por parte e compañeiros meus, de ‘estes o que queren é cartos’, cando non se puxo o foco na responsabilidade que tiña que ter a empresa».

Miramos cara a unha comarca castigada especialmente, cuns 16.000 casos, segundo cálculos de Agavida. Da incidencia na zona do asbesto abonda dicir que o pasado ano 2021 Navantia aprobou un lote de case 2 millóns de euros para facer fronte ás demandas deste tipo en toda España: o 70% era só para os casos desde Ferrolterra. Que as cousas están a mudar é proba o feito de que no mes de xullo o goberno español aprobou un fondo de compensación das vítimas do amianto que conta cuns 25 millóns de euros e unhas contías aínda por establecer dependendo de cada caso. Son pasos que se van dando de xeito lento e de todos eles foi testemuña directa o médico Carlos Piñeiro, agora xubilado. «Estamos a falar dun tema de cobiza empresarial. Púxose a produción económica e industrial por riba dos dereitos laborais das persoas», sintetiza.

Lembra o médico que desde os anos 40 nos EUA sabíase da relación do mineral co cancro, pero a necesidade de construír barcos para a II Guerra Mundial tapou as investigación. Como curiosidade, pouco despois de rematada a guerra un adolescente que logo sería actor famoso estivo limpando barcos con amianto. Era Steve McQueen e morreu con 50 anos de mesioteloma de pleura, a mesma enfermidade que matou ao periodista José María Íñigo, envelenado co amianto dos platós de televisión.

Pillado e a avogada Cristina Almeida entrando nos xulgados de Ferrol.

«Xa nos 60 destacan nos Estados Unidos –informa Piñeiro– as investigacións de Irvin Selikoff, que demostrou a relación entre a industria naval e o cancro polo amianto. Un home cunha capacidade enorme de traballo e que posiblemente fose un dos investigadores máis difamados na historia da ciencia. Púxenme en contacto con el a través Ángel Cárcoba, que traballou aquí de xeito exemplar neste tema desde os anos 70».

Denuncia Piñeiro que a industria levaba incluso a sindicalistas e a responsables de empresas a viaxes ao Canadá. «O lobby do amianto (Rusia, Canadá, EUA, Brasil) creou un instituto de investigación moi potente para neutralizar este tipo de accións de denuncia e estaban en todos os sitios atentos ás protestas. O punto de inflexión foron os primeiros informes da OMS verbo do tema do crisotilo, que é o tipo de amianto máis usado, e a súa inequívoca relación co cancro, e se comezan a adoptar medidas nos anos 60 e 70 con países como Dinamarca, que xa o prohibiron daquela. Comeza así unha loita entre a industria e a medicina. Aquí vivimos algo semellante», recorda.

Desde que se diagnostica un cancro por amianto non pode pasar máis dun ano para solicitar unha indemnización. Do mesmo xeito que se o traballador morre por esta causa a familia só ten un ano para reclamar

Nos anos 90, Carlos Piñeiro era médico de familia no centro de saúde ferrolán de Serantes cando comeza a descubrir casos de asbestose «cando oficialmente nin en Galicia nin en España se recoñecían». A partir de aí, o número de casos foise multiplicando: «A primeira peregrinación dos afectados e as súas familias foi a nivel xudicial. Tardaron anos en obter o recoñecemento da enfermidade profesional, ata que chegou o decreto de 2006. Este tema foi un silencio perfectamente estruturado. Non son conspiranoico, pero está claro que estaban todos en conivencia, en defensa dun posible dano económico a aquelas grandes empresas estatais».

O papel da ciencia
Das presións padecidas, só un exemplo: en 2000, nun xuízo pola causa do amianto, Piñeiro padeceu o seu primeiro infarto «despois de escoitar o que alí se estaba a dicir». Para beizón dos seus pacientes, un médico de familia como Piñeiro tomouse ao pé da letra o xuramento hipocrático. «De xeito voluntario, defendendo os intereses dos traballadores, que eran os meus pacientes, e como defensor do sistema de saúde público, aí estaba a nosa responsabilidade, na defensa dos nosos usuarios, e ese foi o compromiso social que asumín. Claro, cando chegaba a un xulgado e vían que era médico xeral preguntaban que pretendía, e cousas así. A presión era esa, e incluso dos propios colegas pneumólogos que levaba a empresa como peritos e que estaban no sistema público. Tenme ameazado xente incluso da Dirección Xeral de Sanidade, que como falaba, que tiña que ter moito coidado… Incluso buscaron a maneira de poder sancionarme, pero eu tiña unha defensa fácil: dicíalles que me mandasen por escrito a orde de que non podía manifestarme libremente no meu tempo libre. Aínda estou esperando a que me chegue esa orde».

O médico de atención primaria Carlos Piñeiro.

Piñeiro cita o libro do xornalista Roberto Amado Peregrinos del amianto (Libros.com, 2015) para nomear os enfermos. «É que era iso –lembra amargamente–, unha peregrinación a ver quen lles facía caso». A solución do médico ferrolán foi a de formarse: «No fondo, obrigáronme a estudar medicina laboral. Nun principio rexeitábanme informes porque dicían que non tiña a suficiente formación, así que, como son teimudo, acadei o título. Logo observabamos que a xente morría, pero non se podía cuantificar o número de febras de material que tiñan cando falecían. Así, sabiamos que noutros países se facía. Coa axuda do xefe de servizo de anatomía patolóxica do Hospital Arquitecto Marcide conseguiamos as vísceras a nivel pulmonar e mandabámolas a distintos hospitais sen autorización, co risco que iso supuña. Recordo unha presión e ansiedade enormes».

«Os afectados polo amianto tardaron anos en obter o recoñecemento da enfermidade profesional. Había unha conivencia en defensa dun posible dano económico ás empresas», conta o médico Carlos Piñeiro

Traballando no hospital, o facultativo recibe a petición de localizar as persoas das que non se sabía o que pasara logo de ter mandado os informes ao Instituto de Silicose. Lembra: «Fun visitar as familias aos seus domicilios e o 60% morreran, dun listado total de 140 persoas. Durante anos a xente desaparecía e íaste enterando a través de amigos e coñecidos. Os problemas de tipo pulmonar atribuíanse a outras causas. Como non podiamos demostrar isto, por iso enviamos vísceras a hospitais de Cataluña, Valladolid ou Madrid, con médicos que nos apoiaban e enviaban informes. Así, contactamos co Instituto de Silicose e fixémoslles ver a necesidade de contar en Ferrol cunha unidade local de asbestose pola incidencia xa evidente do tema do amianto. De feito, eu manifestara daquela que habería uns 5.000 casos recibindo as críticas dalgúns sindicatos, cando eles sabían da magnitude do problema, como logo se comprobou».

No instituto de Silicose, en Asturias, traballaba a doutora Carme Diego, que estaba a facer a súa tese de doutoramento. «Así –narra Piñeiro–, intentamos que ela se trasladase a Ferrol para dedicarse á investigación de forma directa, creando a unidade de asbestose no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) en 2002. A partir de aí cambiaron as cousas, comezando a usar técnicas máis sofisticadas e protocolos internacionais. De feito, Carmen Diego acabou demostrando a partir de 2005 a relación entre o sector naval e os efectos graves como a asbestose, o cancro de pulmón e o mesioteloma, fundamentalmente».

A doutora Carmen Diego, que demostrou a relación entre o sector naval e a asbestose, o cancro de pulmón ou o mesioteloma.

A unidade de asbestose do CHUAC, desde febreiro de 2019 a autonómica de referencia, atende anualmente uns 1.300 pacientes, o 90% procedentes do naval. Os cálculos de Carme Diego son que o 80% dos traballadores están afectados dalgunha maneira. «Non sabemos con certeza cantos poderían ser», asegura a pneumóloga, «porque no seu momento Navantia enviounos un listado duns 6.000 traballadores, pero é insuficiente, xa que non inclúe os das auxiliares». En canto ao número de afectados que pode aparecer, Diego dubida: «É que mentres haxa exposición… é dicir, aquí o naval é o sector máis importante. O amianto prohibiuse na construción naval na segunda metade dos 80, aínda que non sei se puido haber exposición máis alá desa data. Os traballadores previos que si estiveron expostos poden manifestar síntomas en calquera momento. Estamos en 2022, así que, como mínimo, ata o ano 2030. Pero que pasa con outros traballadores da construción de edificios, por exemplo, dos que nada sabemos? E ollo cos que acometen reformas en casas que conteñen amianto. De aí a necesidade xeral dun censo de edificios».

Diego incide nas consecuencias médicas da exposición ao amianto: «Sobre todo enfermidades pleurais por amianto, engrosamento de placas pleurais. Tamén asbestose, cancro de pulmón, cancro de larinxe e mesioteloma de calquera localización. Así mesmo, tense demostrado a relación con tumores dixestivos e cancro de ovario».

Isto último sitúanos no papel feminino que, sen traballar nos estaleiros antano, desenvolveron a enfermidade: demostrouse o tema da exposición das mulleres a través de traballos de investigación, como incide Carlos Piñeiro. «Cando se coñeceu a relación, contactando con estudos que se facían en universidades de todo o mundo. Fixemos unha sesión clínica aberta no hospital Arquitecto Marcide e foi impactante porque era o recoñecemento do que levabamos defendendo durante anos: non só eran os afectados pola exposición no traballo, senón tamén as súas familias, porque daquela a roupa de traballo lavábase nas casas ou ben a través de lavandeiras. E así se infectaron».

A «pandemia silenciosa» do amianto, como a definen os afectados, que por desgraza continuará espallando o seu mal nos próximos anos. Unha sociedade moralmente sá pode non ser inmune aos erros, pero debe ser dilixente á hora de corrixilos. Logo de décadas, o tema do amianto non semella ser o caso.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail