A empresa que dirixe en Galicia a irmá de Feijóo recibiu case 40 millóns en adxudicacións da Xunta desde o 2009

Micaela Núñez Feijóo, directora para Galicia do Grupo Eulen, foi ascendida á dirección para o Noroeste o ano despois de que a multinacional obtivera o récord de contratas coa Administración galega

A Coruña.- A Xunta ten adxudicado máis de 37 millóns de euros ao Grupo Eulen a través das súas consellerías e outras institucións da Administración galega desde que Alberto Núñez Feijóo accedeu á Presidencia en maio do 2009. Así consta nas resolucións publicadas no últimos trece anos no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na plataforma Contratos Públicos de Galicia ( CPG).

A directora de Eulen para o Noroeste de España é Micaela Núñez Feijóo, irmá menor do xefe do Executivo galego, que no 2016 foi ascendida a ese cargo desde o que ocupaba como directora rexional para Galicia. Durante o exercicio inmediatamente anterior, Eulen obtivo o seu récord de adxudicacións da Xunta ata entón, con 6,2 millóns de euros.

As cantidades adxudicadas ao Grupo Eulen desde maio do 2009, cando Feijóo accedeu ao poder, supoñen unha media anual de 2,86 millóns. É dicir, máis do triplo do que, segundo a documentación á que tivo acceso Luzes-Público, facturaron á Xunta as empresas do mesmo grupo durante o mandato do Goberno bipartito PSOE-BNG, que precedeu a Feijóo entre o 2005 e o 2009 e durante o que Eulen obtivo encargos para obras e servizos por valor de 3,96 millóns, a unha media de 793.000 euros por ano de lexislatura.

Os executivos de Feijóo adxudicaron á empresa fundada por David Álvarez Díez un total de 139 contratos desde o 2009 a través de once das súas consellerías e de dezasete institucións da Administración galega, entre organismos descentralizados como o Servizo Galego de Saúde e Augas de Galicia; empresas públicas como a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), e fundacións como Semana Verde de Galicia, Deporte Galego e Cidade da Cultura.

A eses contratos súmanse outros dezaseis que, segundo o DOG e a plataforma CPG, encargáronse a través dunha decena concellos, trece deles por valor de máis de 2,4 millóns en municipios con alcaldes do PP. Iso eleva as adxudicacións a Eulen das administracións galegas gobernadas por ese partido a case corenta millóns de euros durante os mandatos de Feijóo.

Feijóo durante a visita a un hospital / Foto: Sergas

Micaela Núñez incorporouse ao Grupo Eulen en xullo do 2003, apenas seis meses despois de que o seu irmán deixase a Presidencia de Correos, tras ocupar a do Instituto Nacional de la Salud (Insalud), para facerse coa consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e, posteriormente, coa Vicepresidencia Primeira da Xunta en plena crise do Prestige.

Seis anos máis nova que o presidente galego, Micaela Núñez foi delegada provincial de Eulen en Pontevedra e Vigo, directora rexional de Galicia e, desde o 2016, delegada do grupo para a zona Noroeste, xusto despois de que a empresa rexistrase o citado récord de adxudicacións.

As contratacións coa empresa xa se dispararan desde o primeiro ano de mandato de Feijóo, que gañou as súas primeiras eleccións en Galicia o 1 de marzo do 2009 e tomou posesión como presidente da Xunta o 18 de abril dese ano. Durante o 2008, o último completo do bipartito presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, e durante o primeiros cinco meses do 2009, Eulen obtivo adxudicacións por 824.000 euros.

Fronte a iso, só entre maio e decembro, é dicir durante os oito primeiros meses do novo Goberno do PPdeG, os contratos sumaron 1,46 millóns. Ao ano seguinte eleváronse a 2,8 millóns, caeron a 760.000 euros no 2011 e desde entón non pararon de medrar: 1,3 millóns no 2012; 2,16 millóns no 2013; 3,6 millóns no 2014 e os citados 6,2 millóns do 2015.

No últimos seis anos, as contratacións de Eulen coa Xunta suman unha media anual de 3,2 millóns. A adxudicación máis cuantiosa foi no 2015, preto de 4,7 millóns de euros polos servizos de vixilancia nos centros hospitalarios da área sanitaria da Coruña.

No 2020 o grupo superou o récord do 2015 con 6,7 millóns. Foi basicamente grazas a dous contratos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a asistencia nos centros de día para maiores de varios municipios rurais de Lugo e de Ferrolterra, por un valor total de 3,56 millóns. Tamén outro de Augas de Galicia, por 1,67 millóns, para tarefas de conservación e mantemento nas concas da zona norte de Galicia baixo competencia autonómica.

O ano pasado, Eulen levou outro contrato de 1,3 millóns máis IVE (1,57 millóns en total) para xestionar os servizos de vixilancia e seguridade de edificios e instalacións do Sergas nas comarcas de Pontevedra e O Salnés, nun exercicio que pechou con 2,64 millóns en adxudicacións da Xunta.

Tanto Feijóo como a empresa negaron no pasado que exista vínculo algún entre a súa relación coa súa irmá e o incremento de contratas do seu Goberno e a compañía para a que ela traballa. Luzes-Público tratou de obter de novo a versión de Eulen, pero non recibiu resposta.

Tampouco contestou o presidente da Xunta, a quen que Luzes-Público se dirixiu para coñecer a súa valoración sobre o incremento da contratación da súa Administración co grupo, e a súa opinión sobre se a empresa gozou de trato de favor pola intermediación da súa irmá.

María José Álvarez Mezquiriz e José Ramón Pérez Sancho, presidenta e conselleiro delegado do Grupo Eulen

Eulen foi fundada hai agora sesenta anos polo empresario leonés David Álvarez Díez, quen converteu a pequena empresa de limpeza que creou en Bilbao en 1962 nunha multinacional de servizos. O grupo opera hoxe en catorce países, ten máis de 75.000 empregados e o seu volume de negocio superou os 1.400 millóns de euros no 2020.

A David Álvarez, falecido fai sete anos, relacionóuselle co grupo de empresarios que financiaron a orixe a Vox e que sosteñen a Hazte Oír, a organización ultradereitista que no 2012 o galardoou co premio HO por saber combinar «o lícito lucro co desexo sincero de crear riqueza social á altura das circunstancias». De Eulen foron directivos outros cargos do PP como o ex ministro do Interior e ex presidente do PP en Euskadi Jaime Mayor Oreja, e o ex ministro franquista Rodolfo Martín Villa.

O Grupo Eulen opera en Galicia a través de varias empresas: Eulen SA, Eulen Servizos Sociosanitarios, Eulen Seguridade, Eulen Centro Especial de Emprego e Flexiplan. Empezou sendo unha empresa especializada en limpeza, vixilancia e traballos silvícolas e forestais, pero foi ampliando o seu espectro de acción en Galicia a medida que ía obtendo novas adxudicacións do Goberno galego.

Estas inclúen materias como o alugueiro de maquinaria contra incendios, o desenvolvemento de proxectos de dinamización xuvenil e de formación de parados, a xestión de ximnasios, piscinas, almacéns e fondos bibiliográficos para bibliotecas, o mantemento de xardíns e plantas de interior, os servizos de enfermería, a xestión de puntos de encontro familiar, a recollida de residuos sólidos urbanos, o apoio técnico en iniciativas culturais, a atención telefónica e persoal ao público de organismos oficiais e a contratación de azafatas e azafatos para eventos.

Durante a emerxencia sanitaria, tamén obtivo adxudicacións para os servizos de control e seguimento dos protocolos anticovid e para a subministración e instalación de cámaras termográficas para a medición da temperatura corporal na sede da CRTVG.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail