O servizo de axuda aos fogares: un traballo feminizado e precario

Algúns concellos de Galicia optaron pola privatización do servizo de axuda aos fogares. En Chantada (Lugo) co goberno do PP, aprobaron a externalización e as súas coidadoras maniféstanse día tras día. Recoñecen que ao ser unha decisión política «non houbo forma loitar contra iso».

O 28 de outubro, o concello de Chantada (Lugo) anunciou a privatización do Servizo de Axuda aos Fogares ( SAF), ata o momento público. A proposta levouna a cabo o Partido popular (PP) que conta con maioría absoluta no municipio. O persoal, na súa maioría mulleres, opúxose e leva manifestándose desde aquela, pero ao ser tan poucas coidadoras (entre 10 e 12), o goberno local decreta uns servizos mínimos do 96%. «Non houbo forma de loitar contra iso», contan. A modificación afectará a partir 1 de xullo. Noutras zonas lucenses este sector tamén depende de mans privadas, como Monforte, Quiroga ou Saviñao. Nos últimos días o goberno municipal de Sanxenxo (Pontevedra), onde goberna o PP, propuxo tamén a externalización do servizo.

O responsable de Monforte da Conferencia Intersindical Galega (CIG), Xosé Manoel Silva, conta que a maioría dos concellos en Galicia xa privatizaron este servizo, pero que nos máis pequenos aínda se mantén público porque non compensa ao goberno local. As condicións laborais pasan a rexerse polo convenio de comunidade autónoma, explica, desta maneira «as coidadoras perderán dereitos laborais», como días por asuntos propios ou por baixas, «pasan a cobrar o mínimo». Co tempo, «só cobrarán as horas traballadas. Poden contratalas por 6 meses e se morre un usuario, automaticamente perden a xornada e recuperala é moi complicado», agrega Silva, «aínda que poidas cobrar máis, a longo prazo cobras menos».

Pola súa banda, as traballadoras de Chantada recoñecen que «é unha decisión política» pero consideran que «polo menos, respecten as condicións laborais de cada traballadora». Polo momento, ao manterse como un servizo público, as coidadoras teñen un contrato indefinido de luns a venres. Temen, que cando xa estean en mans privadas, traballen de 8 a 10 horas diarias de luns a domingo. Ademais, se á empresa non lle interesa a oferta do concello, baixará a oferta laboral, «eles non están dispostos a perder diñeiro», engade a CIGA. Estas mulleres se desprazan entre 500 e 1000 quilómetros ao mes, «poida que a empresa privada non che pague o desprazamento», segue Silva.

En Galicia, as quendas comezan ás 7 da mañá e finalizan ás 10 da noite. Calquera usuario pode pedir o tempo máis adecuado para a súa familia ou para el, e maioritariamente, as quendas abarcan horas que provocan unha «conciliación moi complicada», contan. Ademais, as traballadoras non só atenden a persoas maiores, senón tamén a persoas con enfermidades mentais ou con diversidade funcional. Agregan que as condicións laborais son «moi duras» xa que expoñen o seu corpo a «problemas muscoesqueléticos, psicosociais e biolóxicos».

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

As consecuencias da privatización

As traballadoras galegas ven o exemplo das peores consecuencias da privatización moi de preto, concretamente en Xixón (Asturias). De feito, as súas coidadoras foron as pioneiras en crear unha plataforma unitaria a nivel estatal para loitar en contra da privatización. Na cidade asturiana, esta asistencia nos fogares naceu en 1984, pero en 1989 o concello xa decidiu privatizar o servizo. Na última década, coa crise da empresa de construción, todo empeorou para as coidadoras do fogar. Unha delas, Carmen Diego, explica que, nese momento, «as empresas voitre puxeron os ollos no traballo a domicilio».

Desde 2018, as traballadoras de Xixón, preto de 300 mulleres, están contratadas pola empresa Aralia. O seu dono, o empresario José Luis Uribarri, está imputado na trama Gürtel, na trama Enredadera e trama a Púnica. Cando se estaba tramitando a subrogación e o servizo caeu en mans de Aralia, Uribarri estaba a ingresar na Cárcere Modelo de Barcelona. Carmen Diego explica que, desde entón, non teñen «máis que problemas».

Traballadoras de Asturias manifestándose.
Traballadoras de Asturias manifestándose.

«Non se cumpren nin os pregos de condicións nin o convenio», conta a Luzes. No 2016, o concello aprobou a remunicipalización do servizo. Un ano máis tarde, uns «informes económicos avultados» retrataron que sairía máis caro ao concello crear un servizo de axudas ao fogar en vez que a externalización. «Levamos anos de conflitos colectivos e demandas individuais. Ao final o barato sae caro», di Diego. Continúa explicando que teñen dous anteproxectos de lei para crear un decreto sobre a remunicipalización da axuda a domicilio e outro sobre a redución da idade de xubilación. «Non podo imaxinarme ter 77 anos e atender a unha persoa de 75» postula.

Tamén insta dende a Plataforma Unitaria de Servizos de Axuda a Domicilio a realizar un estudo sobre as enfermidades profesionais específicas do sector. Non existe ningunha publicación que reflicta a prevalencia das enfermidades neste servizo, si consta noutros ámbitos como o de limpeza ou sanidade. Con todo, insisten en que a súa profesión é «socio-sanitaria», xa que tamén deben avaliar os problemas nos fogares e lidar en ocasións cos familiares dos usuarios que atenden. «Todo queda entre catro paredes», ao ser un lugar privado, «non entra nunca un inspector de traballo».

O «99 % somos mulleres», prosegue Diego. É un sector que está a atender a máis de 500.000 persoas, onde as coidadoras de fin de semana «non cobran os pluses adicionais» que se recollen no prego de condicións, do mesmo xeito que os festivos. «Non nos pagaron decembro nin a paga de nadal», conta. Máis tarde, o concello cedeu «grazas á presenza nos medios» e ao movemento social. Deben uns «1800 euros» atrasados desde 2018, declara a coidadora.

«Os medios técnicos son o noso corpo», sinala, «non se avalía coa lei de prevención», xa que ao ser unha casa particular non pode entrar un delegado para valorar o posto de traballo. Todas estas queixas trasladáronas ao Goberno local de Xixón, onde goberna o PSOE, tanto á alcaldía como á concellería, mais «todo segue igual». «Decláranse feministas, pero non lles importa que esteamos en situación de precariedade absoluta», apostila Diego.

Traballadoras de Asturias manifestándose.

«As rotacións son contraproducentes neste traballo»

En Loivos, un municipio de Ourense, o concello tentou tamén privatizar o servizo de axuda aos fogares, pero a empresa cobraba máis e non lles compensaba contratar un servizo externo, xa que son menos de 20 traballadoras. O goberno local do PP tomou a decisión de que cada 6 meses, as traballadoras rotasen de horario e de usuarios aos que atenden. «É totalmente contraproducente neste traballo», conta unha coidadora.

Elas, que traballan preto de 40 horas de luns a venres, explicaron ao concello as consecuencias deste cambio, xa que hai determinados usuarios que saen prexudicados polas enfermidades que padecen. Por exemplo, unha traballadora conta que trata a un usuario con alzhéimer agresivo, e que chegaron a cambiar a súa coidadora ata tres veces no último ano e medio. Para ela, a rotación non é necesaria.

A corporación municipal xustificou esta medida coa «confianza» que poden tomar tanto as coidadoras como os seus usuarios, xa que consideran que elas non renden tanto nestas circunstancias e os beneficiarios, ao crear vínculos, veríanse «limitados» a poñer queixas sobre elas. Ante isto, as traballadoras preguntaron que tipo de queixas rexistrara o concello por parte dos clientes, pero non había nin unha. «A alcaldesa estaba contenta, contradinse», engade unha coidadora ourensá.

 Un 8 M reivindicador do traballo de coidados

O traballo de coidados é un traballo estigmatizado e oculto, e por iso este ano é o eixo central de reivindicación do Día da Muller. A manifestación unitaria de Galicia terá lugar en Verín (Ourense), elixida tras o desmantelamento do hospital comarcal e a violencia institucional exercida contra as mulleres. «Sen coidados non hai vida. Cambiando o sistema, derrubando o patriarcado», é o lema da asemblea Galegas8M.

Retratan que «é imprescindible que os homes entren na esfera dos coidados, que a reprodución da vida deixe de asociarse unicamente ás mulleres e que se abra un debate profundo sobre como asumilos colectivamente. Esiximos o dereito para coidar e a non facelo, e a que a sociedade constrúa a base sobre a que se poida tomar libremente calquera destas decisións».


Este artículo publicouse en orixe en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail