Na beira das sete da tarde, no alto de Laza respírase unha calma inqueda. Hai centenares de persoas de todos os tramos de idade e de todos os puntos de Galicia congregadas no máis profundo do rural ourensán coa copa na man, os disfraces con visibles lamparóns térreos –froito da guerra de farrapos da mañá– e co riso nervioso da rapazada que agarda algo con ansia. Está a piques de baixar a Morena e, con ela, unha choiva de formigas piconas que caerá a plomo sobre unha batalla de fariña.
En Ourense, capital entroideira por excelencia, a celebración do Entroido enche de ilusión e de punta a punta todos os recunchos. A provincia ourensá é un Entroido de Entroidos que deixa aos que o descobren por primeira vez coa expresión resignada do que non comprende por que non o viviu antes. Son felos, peliqueiros, boteiros, pantallas, cigarróns… pero sobre todo é un xute de ilusión e motivación natural, igualitaria e interxeracional que transluce un xeito único e indescritiblemente fermoso de recuperar o rural. Non é un desfile nin unha exhibición para espectadores porque o Entroido, se é de alguén, é de todas. Dende a nena que idea, o tío que pinta, a avoa que cose, o avó que canta, a nai que fai soar as chocas ou o pai que prende a pólvora.
Laza é o luns de Entroido o epicentro único e indiscutible dunha das festas tradicionais máis importantes do país. Aquí non hai orquestra Panorama, pero ninguén a bota en falta. Tampouco hai botellódromo, pero sí unha praza da Picota onde a diversión con pouco é protagonista. Máis que botar en falta, as entroideiras están a vivir algo difícil de contar, pero apaixonante de vivir: é o privilexio de sentir que aínda non é unha festa masificada. Pero isto vai moito máis alá de Laza e do triángulo máxico que forma xunto con Verín e Xinzo.
A veciñanza de Bande recuperou no ano 2000 os seus tradicionais troteiros, un grupo de persoas de todas as idades que percorren unha decena de parroquias levando o Entroido por todas as casas co seu traxe tradicional, do que destaca un caxato asinado por toda a familia troteira, un tapete cubrindo o rostro e un chapeu adornado con espellos e postais antigas para botar os males fóra. A poboación, a cambio, agárdaos coas portas das súas casas abertas e un banquete de bica, empanada ou tortilla no que non falta o licor café, e xuntos cantan, bailan e celebran a golpe de chocas a súa festa máis esperada do ano. Os troteiros están orgullosos de ter recuperado esta tradición abandonada durante anos e involucrar nela ás novas xeracións, nunha carreira polo marabilloso rural esquecido, aínda que quizais menos do que pensamos. Lonxe do pesimismo, é frecuente escoitar nas conversas troteiras mensaxes repletas de esperanza: “Os políticos esquecen o rural, pero a xente non. Por iso estamos aquí”.
Na capital do Entroido as agarradoiras dos caxatos levantan as saias das mulleres. Mulleres de peito ou de pelo no peito, tanto ten, porque aquí as saias son propias de quen as pon. Tras as saias van os felos da Serra de San Mamede, en Maceda, mulleres e homes tras máscaras que contan historias de tempos pasados que o presente se nega a abandonar. Historias que tamén narran os antigos chubasqueiros de palla ou xunco que ata as máis cativas son quen de recoñecer como corozas –e con que orgullo as vestiría Greta Thumberg–; ou a farela das antigas conquistas amorosas que hoxe é protagonista dunha batalla campal no domingo fareleiro de Xinzo de Limia, nunha mostra de que en Galicia hai unha fariña máis pura e máis auténtica que a de Atresmedia.
De Barcia a Vilaverde, en Melón, o percorrido de tractores temáticos é un dos segredos máis especiais e mellor gardados do Entroido no rural, un entorno case baleiro que se reivindica a sí mesmo polo que ten de ilusión, iniciativa e poder de convocatoria. Unha ambulancia de coma virus ou cona virus, segundo se mire, velando polas constantes vitais dunha cachucha de porco, un grupo de discípulos rockeiros de Heredeiros da Crus ou un séquito nupcial de punta en branco con noivos e tarta de tres pisos incluídos conformaron algunhas das carruaxes motorizadas que saíron este ano en procesión polo medio de hórreos, muíños e alpendres.
Neste mundo hiperconectado que, paradoxicamente, non permite a conexión con un mesmo, os folións de Manzaneda marcan o ritmo e as mázcaras entran en trance. Non é un ritual de tribo africana, é a Galicia profunda conectando en comunidade coas súas raíces. A danza dos coloridos boteiros que non ten noción do tempo marca a ruta dos folións en Viana do Bolo, onde os bombos resoan durante tantas horas que o sangue dos músicos tingue o coiro, cada ano un pouco máis.
De ilusión, comunidade, orixe e transmisión de valores o Entroido está cheo, e preséntase anualmente ante nós como unha lección de vida que representa a Galicia máis auténtica, esa que non morre aínda que esté ameazada de morte. O Entroido hai que descubrilo, exploralo e reflexionar sobre todo o que fomos e o que aínda queremos ser. Aprendamos do Entroido, porque nel está a nosa raíz. E non hai futuro que esqueza o pasado.