A editorial Galaxia reedita Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, de Ramón Villares, estudo sobre a coñecida novela de Ramón Otero Pedrayo, Arredor de si, que inicialmente tomou a forma de discurso de entrada na RAG e que, en 2007, sairía do prelo como ensaio.
O taballo fai unha interesante comparativa entre as andanzas do protagonista desta «obra de nacionalización literaria» que «sobarda o modelo de Bildungsroman» (p. 17) e a propia vida de Otero Pedrayo, mostrando así o carácter autobiográfico de numerosos episodios vividos polo fidalgo Adrián Solovio no periplo —físico pero tamén interior— que o levará a «descubrir» Galicia, a tomar consciencia nacional e a fixarse unha tarefa como intelectual.
Un percorrido no que Adrián Solovio, enchoupado das ideas contrailustradas de Barrès, Chateaubriand, Stendhal ou Bergson, pasará por senllas babilonias (Madrid, París, Berlín…) para regresar finalmente á aldea ribeirá natal onde, mapa de Fontán mediante, adquirir uns novos lentes cos que observar, con ollada inocente e primeiriza, o país que se lle ocultara ata daquela.
Solovio pasa por Madrid e as cidades históricas castelás que o circundan vestido co saio de intelectual español e disposto a abrevar no legado cultural do alicaído imperio. Alí coñece os galegos da corte, rexionalistas sentimentais que consideraban que a solución ao «atraso» galego pasaba por un maior achegamento á cidade do Manzanares. Este percorrido por Madrid, obrigado para as elites de provincias, será tamén realizado por Otero Pedrayo, quen, lembrando a aldea, alertaba á súa nai, a través de carta, sobre as intrigas «raposeiras» dos labregos cos que a señora do pazo tiña que lidar.
Partindo da Corte, a viaxe por Europa será toda unha epifanía tanto para Solovio como, previamente, para Otero. O descubrimento dos centros da civilización e o refinamento centroeuropeos, que deixaban ás cidades españolas coma vilachas poeirentas e escuálidas, sérvelle ao par autor/personaxe para situar o seu país nun contexto máis amplo que o español. O catolicismo, o celtismo, o atlantismo, actuarán coma salvoconductos que permitan imaxinar unha Galicia autónoma do influxo do Estado, pero plenamente inserta no concerto das nacións do continente.

O conseguinte regreso á terra experiméntase coma o camiño a Damasco do converso. Agora, a antiga señora do pazo deixa de ser tal para converterse en labrega, e a vergoña ante o acento rústico pasa a ser aceptación plena do idioma nacional. Son estes os primeiros chanzos dun evanxeo que o intelectual renacido está disposto a predicar entre aqueles que o escoiten. É o que Villares chama a «posición Solovio».
Tras documentadas referencias ás influencias literarias e ideolóxicas que Otero Pedrayo deixou gravadas entre as liñas de Arredor de si, o libro achégase ao final cunhas reflexións, de especial interese para quen isto escribe, nas que se presenta aos integrantes da Xeración Nós coma os auténticos intelectuais galegos no sentido moderno do termo.
O acto fundante do intelectual como figura que, desde fóra da esfera estritamente política, intervén nos debates públicos, hai que procurala na Francia do XIX co caso Dreyfus. Porén, dinos Villares, a do intelectual será unha figura propia do século XX. Os intelectuais, así caracterizados, apareceron no Estado español a partir do «Desastre do 98».

A xeración do 14 —a de Ortega, Unamuno, Azaña etc.—, e o equivalente catalán que será o noucentisme —dos D´ors, Pijoan, etc.—, non terán correlato en Galicia, polo que haberá que agardar á fin da década dos 20, e de todos os cambios que se estaban a producir no país, para que emerxa unha auténtica xeración de intelectuais galegos.
Agora ben, compriría preguntarse, de que estratos sociais eran orgánicos, no sentido que lle daba Gramsci ao termo, os intelectuais da Xeración Nós? Tratándose como se trataban de antiga fidalguía afincada en núcleos urbanos, e a xulgar polos seus escritos, os intelectuais da Xeración Nós pretenderían responder, melancolicamente, aos intereses materiais da pequena fidalguía propietaria de terras e, máis idealistamente, do campesiñado. Clases en retroceso (máis a primeira que a segunda) ante a emerxencia da industrialización e da burguesía e o proletariado.
A continuación da «posición Solovio», dinos Villares, é a «posición Dumbría» (por Martiño Dumbría, o protagonista de Devalar, novela de Otero Pedrayo na que Villares se detén nas pasaxes derradeiras do ensaio). A posición Dumbría, segundo Villares, viría ser a da xeración de intelectuais que formarían o Seminario de Estudos Galegos. Xente con características diferentes ás do núcleo de Aurea. Homes oriundos da costa, con perfís profesionais liberais, viaxados e cunha vocación volcada ao traballo de campo e non ao evanxeo. Un tipo de intelectual máis parecido aos institucionalistas da Institución Libre de Enseñanza que aos cultivadores do espírito abstracto do cenáculo ourensán.
Podería pensarse que estes continuadores do legado dos Otero, Risco, Cuevillas —os Filgueira Valverde, Bouza Brey, Lois Tobío— serían orgánicos da burguesía ilustrada que agromaba nas cidades e vilas galegas. É este un tipo de intelectual de clase media que fará un longo percorrido tanto no galeguismo articulado a través de Galaxia coma no nacionalismo posterior.
Se cadra, como excepción a toda esta intelectualidade, máis dedicada ás musas que á acción política concreta, estea Castelao (personaxe, por certo, pouco nomeado no ensaio de Villares). Un home pragmático no que a conxunción de teoría e praxe, por seguir coa xerga gramsciana, estaba moito máis equilibrada e que, a través do seu populismo republicano, se vencellaría ás clases populares galegas dun xeito máis sólido que os outros integrantes da Xeración Nós. Mais este xa é outro tema…