As negras, negras

Despois do fenómeno empowering women protagonizado por Oprah Winfrey na gala dos Globos de Ouro, chegou o momento de sinalar unha das caras menos amables do mundo do feminismo. Esa que demostra que, cando se trata da cor da pel, neste lado do planeta hai feminismos de primeira e de segunda.

Díxoo moi claro a actriz estadounidense Viola Davis, facendo referencia á fenda salarial de xénero, pero tamén de etnia, en Hollywood. «A xente di: ‘Querémoste. Non hai ninguén coma ti. Es a Meryl Streep negra’. Vale. Pois se non hai ninguén coma min, se pensas iso, págame o que vallo. Dáme o que merezo».

Por se a desigualdade de xénero por sí soa non fose suficiente, as mulleres negras (e tamén árabes, chinesas, latinas…) enfróntanse a unha barreira engadida por teren nacido con determinados rasgos ou cor de pel: o racismo. É o mesmo racismo co que teñen que loitar os homes, coa diferenza de que eles non son considerados máquinas cuxa finalidade única e fundamental é parir.

Non é Davis a primeira nin a única en protagonizar esta dobre discriminación dentro e, por suposto, fóra do movemento feminista occidental. Hai uns días cumpríronse 85 anos do nacemento de Nina Simone. A diva do jazz e «Sacerdotisa do Soul» -ou dese estilo único de Simone que non se pode (nin ela quería) catalogar- dicíao tamén de xeito preciso:

«Tería que estar feliz por ser a primeira pianista clásica negra, pero non o estou». Namentres, as mulleres negras seguían morrendo ou esmorecendo nas rúas a mans dos supremacistas brancos, e nos fogares a mans de pais, maridos, irmáns e mesmo de fillos.

Simone non se desviou do discurso polos dereitos civís nin denunciou directamente a problemática de xénero, pero sí tivo unha vida convulsa desde a súa infancia, cando exerceu de coidadora do seu pai, pasando por unha carreira de abusos que afectaron gravemente a súa saúde mental, ata rematar os seus días co estigma da muller soa, vítima da vida e desencantada do personaxe na que a converteran.

Uns anos antes, Billie Holiday vivía marcada polos abusos e o estigma social de ser unha muller negra. Ela mesma explicou nas súas memorias como foi violada cando só tiña 10 anos e os sacrificios que tivo que facer para sacar adiante a súa vida, entre eles, exercer a prostitución.

Como reza o famoso -e racista- dito popular, as negras, coas reivindicacións, póñense negras. E teñen todo dereito. Porque todo o que se oculta ou se obvia, invisibilízase.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail