Isto é América

Nunha entrevista para Vanity Fair en 1990, a xornalista Marie Brenner escribiu que Ivana Trump (nai de Ivanka, Eric e Trump Jr) lle dixera ao seu avogado que o seu marido daquela, Donald, tiña unha copia dos discursos de Hitler gardada xunto á cama. My New Order (Mi nuevo orden) é o título da recompilación de discursos do Führer dende que entrou na escena política alá polos anos vinte do século pasado. Nos seus discursos pódense ler frases cuspidiñas ás que emprega Trump cando fala da emigración: «Estas persoas envelenan o sangue do noso país», «veñen de todas as partes do mundo», «veñen de institucións mentais», etc.

Vendo actuar a administración trumpista, poderíase dicir que a súa organización non ten nin pés nin cabeza. Poderíase pensar que fan as cousas segundo lles peta, co punto de mira na migración e no control de países cheos de recursos naturais, pero os sucesos dos últimos dias en Minneapolis proban unha trama diferente. O máis recente asasinato de Alex Pretti, un cidadán desarmado que protexía unha muller a mans do ICE, pon de manifesto que a nova orde ten un plan pensado con antelación e aleivosía. Isto non vai só da migración ilegal ou do expansionismo dos Estados Unidos (Lebensraum, que dicía o Führer).

Nese país non se sabe cantos millóns de armas ten o pobo, pero sábese que hai máis millóns de armas que xente. É imposíbel calcular o número, pois hai estados nos que para mercar unha semiautomática (un arma letal que pode disparar 30 balas no tempo que levantas un brazo) abonda con mostrar unha identificación. E listo. Podes ter tantas armas como queiras. O límite pono o teu peto.

Dende que na década dos 90 puxen un pé nesa terra, un dos meus peores pesadelos foi imaxinar o que podería pasar un día se os cidadáns decidiran loitar contra o goberno. Nestes momentos, co ICE campando polas rúas coma se fosen foraxidos nos territorios do salvaxe oeste, alea iacta est. A sorte está botada, disque dixo Julius Caesar cando cruzou o Rubicón desafiando o Senado romano e comezando unha guerra civil.

Co ICE, o goberno trumpista creou unha milicia de axentes federais con licencia para matar. A proba son as declaracións da infame Secretaria de Seguridade Doméstica, Kristi Noem, e mais o enlodamento por parte das autoridades da reputación e bo nome do enfermeiro Pretti ou da poeta Renee Good, tamén asasinada.  A milicia do ICE está formada por hardcore trumpistas. Para facerse axente do ICE non hai outro requisito que ser partidario insubornable de Donald Trump. Non se esixe educación, experiencia, nin sequera o que chaman un background check. É dicir, unha proba de que non se teñen antecedentes criminais e penais, ou de que non se estea nunha lista de depredadores sexuais. Calquera xoia con pasaporte estadounidense pode ser parte desta organizacion.

O plan trumpista é dunha simpleza de parvulario, máis é perfecto. Desmantelar o goberno federal ou starve the beast. Deixar que a besta morra de fame. Crear departamentos novos deseñados segundo as expectativas destes criminais  (o ministerio da guerra ou o departamento de eficencia gubernamental). Criminalizar e deshumanizar os emigrantes («os emigrantes de Somalia comen cans e gatos»). En definitiva, ter un exército de seguidores con impunidade federal e licencia para matar.

Na serie The Wire, un camelo que vende drogas nunha esquina, explícalle ao inspector McNullty que cando xogan aos dados, hai un tipo que sempre colle todos os cartos e marcha correndo. É un ladrón compulsivo, explica o camelo, e irremediabelmente ten que roubarnos. O poli McNullty pregúntalle por que o seguen convidando a xogar se saben que lles vai roubar. O camelo nin pestanexa cando responde: «E logo que queres? Isto é América».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail