A «limpeza étnica» de Trump

Máscaras fóra. A segunda Era Trump aumenta a aposta ideolóxica por desenterrar os peores horrores da «Era dos Extremos» (Hobsbawm). As imaxes de Elon Musk facendo o saúdo nazi deixaron fóra de xogo a opinión neoliberal. As posteriores tentativas por minimizar un xesto obsceno alegando o autismo do CEO carecen da menor credibilidade. No mellor dos casos, logo da experiencia previa da primeira Era Trump, este relativizar só afonda no escepticismo duns e desencadea unha fonda inquietude pola democracia no resto.
E se o xesto nazi do home máis rico do mundo é indisimulábel, non foi máis que un principio. A boutade desta semana é do propio Trump, quen, levando un paso máis aló o xesto de Musk, chamou abertamente «limpeza» ao seu proxecto de (non) futuro para Gaza. Non hai que ser un xenio para dar coa resonancia discursiva desta consigna. Remóntanos aos anos noventa, no contexto das guerras balcánicas, cando a OTAN procurou unha xustificación nas limpezas étnicas para intervir en Iugoslavia.

A expresión era rotunda e non deixaba marxe para dúbidas: «ethnic cleansing» (traducido, «limpeza étnica») viña a ser a expulsión e exterminio sistemático de poboacións enteiras dun territorio co gallo de acadar unha homoxenización étnica, racial e/ou relixiosa. Xusto despois da caída do Muro de Berlín, a Europa neoliberal horrorizábase perante a emerxencia dunha barbarie que se daba por superada.

A Fin da Guerra Fría, porén, tiña pouco de nova orde internacional e moito de nova desorde quente. Desde entón os exemplos abondaron: a masacre de Srebrenica na Guerra de Bosnia, a persecución serbia dos albano-kosovares, o desprazamento e xenocidio dos rohinyás musulmáns da Birmania budista, outro tanto das xentes de Arstaj polos azeríes… Son todos antecedentes que non deixan espazo á ambivalencia. Co tempo, a orde neoliberal foi mudando en necroliberal.

Máscaras fóra, pois. Falar como o fixo Trump de «clean out the whole thing» en relación a Gaza imprime un xiro discursivo ambivalente e perverso á noción de limpeza étnica. Os neoliberais indignábanse onte nunha suposta sensibilidade democrática onde os necroliberais falan hoxe sen pudor. A mensaxe de Trump, que en galego perde unha certa precisión semántica («clean out» é unha limpeza que expulsa, «whole thing» é cousificar o que se limpa), podería ser traducida por un autocrático «limpar todo iso», coma se a cousa non fose máis que dar a orde de retirar uns cascallos.

A demagoxia de Trump, porén, consiste en que a súa consigna encobre o xenocidio de milleiros e o desprazamento real de máis dun millón de gazatíes aos países colindantes. Afeitos coma estamos a ver reducirse o mapa de Palestina a prol da expansión israelí, non semella que o conto vaia mudar o que levamos vivido desde a Nakba (1946-48). Ao cabo, o alto ao fogo é unha normalización de facto da barbarie sionista previa.

Trump quere fechar a fase do xenocidio lanzado ao abeiro dos ataques do 7 de Outubro, outorgando a Netanyahu o premio de consolidar un paso máis no exterminio, lento mais inexorábel, do pobo palestino. Ideolóxicamente, porén, tamén muda e se despraza o uso lingüístico de «limpeza étnica». Agora, lonxe de empregarse para xerar un horror que lexitima, semella que sexa unha tarefa a rematar sobre a que xa non cómpre informar, falar ou denunciar.

Isto é, esta consigna tamén ten unha lectura en clave interna para os EE.UU. Non esquezamos que na derrota de Biden tivo moito que ver a incapacidade dos demócratas para dar resposta á mobilización das universidades. A coalición emerxente na segunda Era Trump sabe e teme o poder da multitude. Co seu estilo habitual forza os grandes medios a facer equilibrios no seu discurso cos eufemismos, mentres as redes sociais habilitan unha desaforada xenreira algorítmica.

Velaquí, pois, como avanza unha alianza entre conservadores e ultras que axiña se podería facer co goberno de Alemaña rompendo o consenso antifascista da posguerra. Por vez primeira, os EEUU presionan de xeito explícito no senso contrario. Sobre a base dunha matriz ideolóxica compartida (o miniarquismo dos Hayek, von Mises, etc.), son rehabilitados e incorporados elementos esenciais do discurso nazi á matriz liberal. E así vai chegando o tempo do necroliberalismo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail