A Coruña.- Cando entraron no campo de exterminio de Austchwitz e empezaron a advertir as evidencias do horror, os soldados do exército soviético apenas puideron conter o seu espanto. «Había tal fedor que era imposible permanecer alí máis de cinco minutos. Os meus soldados non o podían soportar e rogábanme que os deixase marchar», conta Anatoly Shapiro, o primeiro oficial do Exército Vermello que entrou no campo na mañá do 27 de xaneiro de 1945, nunha entrevista que concedeu 60 anos despois ao New York Daily News. «Vimos algunhas persoas vestidas con farrapos, non parecían humanos. Eran puro óso. Non se como puideron sobrevivir», lembraba.
Os nazis mataron en Austchwitz, a uns sesenta quilómetros ao oeste de Cracovia, a máis dun millón de persoas. En todo o arquipélago de máis de 40.000 campos de exterminio e de concentración que instalaron en Europa durante a guerra calcúlase que morreron ao redor de 11 millóns. En 2005, o mesmo ano en que Shapiro concedeu a súa entrevista ao New York Daily News, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) declarou o 27 de xaneiro Día Internacional das Vítimas do Holocausto.
Miles delas eran españolas, e resulta horrible que oitenta anos despois de que un oficial soviético descubrise o horror que padeceron, aínda sexa posible que queden familias que non saben que un dos seus foi suxeito dese atroz xenocidio, ideado polo nazis pero que contou coa aquiescencia e a colaboración da ditadura de Francisco Franco. «Hai moitas investigacións soltas, pero non unha completa, desde logo non en Galicia», explica Carmen García Rodeja, profesora e investigadora da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).
200 galegos deportados
Ata o de agora, e en boa parte grazas aos traballos de Benito Bermejo e Sandra Checa, documentáronse miles de casos de españois que foron deportados aos campos nazis, entre eles ao redor de 200 galegos, dos cales 109 morreron asasinados. A ARMH organizou unha serie de actos durante toda esta semana para homenaxealos a eles e ás súas familias, así como a presentación do libro Elexía. Julio Martínez Arias, da porta de Aires ao aire de Mauthausen, de Francisco X. Fernández Naval. Martínez Arias combateu contra o exército de Hitler nos corpos de voluntarios estranxeiros da resistencia. Capturado polos nazis, pasou por varios campos de prisioneiros e de concentración, como Mauthausen, en Austria, ata que o trasladaron a Hartheim, a seiscentos quilómetros de alí, onde foi asasinado nunha cámara de gas.
Este mesmo luns, a ARMH tiña previsto colocar en diversos lugares da cidade da Coruña varias stolpelsteine –eses pequenos cubos de pedra cunha placa de latón dourada co nome e os datos de cada represaliado– en recordo doutras vítimas, como Víctor San Miguel Prado, un ferroviario morto en 1942 no campo de Gusen, tamén en Austria, e de Martín Ferreiro Álvarez, cenetista asasinado en Mauthausen. O temporal obrigou a suspender os actos, que tamén homenaxean a Víctor Manuel Conde Núñez, que sobreviviu aos campos de Trier, en Alemaña, e de Mauthausen, e de Adolfo Bregua Mouriño, que saíu vivo deste último en 1945.
Carmen García Rodeja: «A memoria non é pasado, senón presente e futuro»
García Rodeja explica o duro do traballo que fixo a ARMH, que leva anos buscando ás familias dos prisioneiros galegos. «Nos arquivos de Mauthausen atopamos nomes de presos e os seus lugares de orixe, por exemplo ‘José López Fernández, de Castro’. Tivemos que ir pobo por pobo, aldea por aldea, para localizar aos seus parentes», conta. «Nós estamos para iso, para amparar ás vítimas e ás súas familias e facilitarlles toda a información que podamos», lembra.
O convoi dos 927
Este mércores, a asociación colocará a stolpestein de Clemente Juan da Cruz García, morto en Hartheim en 1941 e quen formou parte do convoi dos 927, o tren con 927 refuxiados españois en Francia que o Goberno de Vichy enviou a Mauthausen co beneplácito do Goberno de Franco. «Cando Alemaña informaba a España de que tiña no seu poder a republicanos, a ditadura desentendíase, dicía que non se faría cargo deles ou simplemente, nin respondía. A responsabilidade da súa morte é de Alemaña, pero tamén de España», lembra García Rodeja.
Esta mesma semana, a ARMH homenaxeará a Juan González del Valle, intelectual e membro da Real Academia Galega gaseado en Hartheim en 1941, e a José Albedro Villaverde, morto en Mauthausen en 1943. Como eles, moitas outras vítimas galegas do xenocidio nazi xa teñen ou terán a súa placa e o seu recoñecemento: Adrián del Castillo Soutelo, Arturo García Lagares, Leopoldo López Criado, Julio Martínez Arias, José Martinez Cacheiro, Eduardo Sánchez García, Luis Rafales Lamarca, Enrique Tallón Charlón, Francisco Tallón Charlón, Manuel Fernández Tárrago…
Así ata máis de 200 vítimas galegas dos campos nazis, máis de 4.000 en España, once millóns de mortos en toda Europa. «Temos que desvelar todo ese horror, cada ano, para impedir que se perda a súa memoria», conclúe García Rodeja. «Porque a memoria non é pasado, senón presente e futuro».