A Coruña.- Patricia Villarino aínda lembra o día en que, sendo moi nena, a súa avoa, sentada con ela á entrada da súa casa, fitou cara a alguén que pasaba fronte á vivenda. A muller quedou mirando aquel home, e díxolle:
– Mira, nena, ves ese señor de alí? Foi o que fusilou a meus irmáns.
Patricia é xornalista, e hai uns meses descubriu que a súa bisavoa, Rosa Franco Vázquez, foi unha das presas políticas do cárcere de Celanova, en Ourense. O seu delito: ser nai de dous mozos recrutados á forza polos golpistas do 36 e asasinados por desertar. «A avoa contábame cousas que entón non entendía e que agora si comprendo», relata.
Ao seu bisavó, Antonio González Rodríguez, tamén o encarceraron. En xullo de 1936, ao pouco do golpe de estado, había tantos detidos na comarca que os fascistas tiveron que converter o antigo cárcere do partido xudicial en penal para mulleres.
Moitas eran republicanas declaradas, pero a maioría foron recluídas por ser nais, esposas, parellas, fillas ou irmás de homes aos que os golpistas consideraba inimigos. Algunhas foron encarceradas cos seus fillos e fillas pequenas.

A avoa de Patricia percorría a pé os 30 quilómetros de pistas e camiños forestais que separan Ourense de Celanova para levarlles comida aos seus pais. Tiña 15 anos cando os detiveron. «No cárcere cobrábanlles por alimentalos», rememora. Non lembra os nomes dos seus tíos avós, pero si que os coñecían polos alcumes de «O Pote» e «O Canela» e que foron fusilados en Talavera de la Reina (Toledo) despois de que os capturaran tras desertar das filas franquistas para unirse ao exército republicano.
Morrer de pena
«Meu bisavó morreu pouco despois, de pena, como se dicía daquela, pola morte dos seus fillos. Agora miña nai quere que investiguemos para saber onde enterraron os seus corpos e recuperalos», narra.
Patricia decatouse da historia dos seus bisavós cando o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova empezou a indagar nos escasos rexistros documentais sobre a prisión de mulleres, que estivo aberta entre o verán do 36 e abril do 38. «Foi un período moi curto e queda moi pouca información», explica Hixinio Araúxo, portavoz do colectivo. O pasado 23 de novembro, celebraron un acto de homenaxe e descubriron unha placa que lembra aquelas mulleres no lugar onde estiveron presas, un edificio de pedra que hoxe alberga os xulgados da comarca.
Só entre o verán do 36 e o 31 de decembro de 1937, o Comité de Celanova documentou polo menos 99 prisioneiras e cinco menores que pasaron por alí. Aínda que seguramente foron moitas máis, pois non existen rexistros dos nove primeiros meses tras a guerra nin de setembro e outubro do 37. Estaban amontoadas, segundo se desprende da misiva que o xefe do penal enviou ao director da prisión provincial de Ourense en agosto do 36, aos poucos meses de que o cárcere entrara en funcionamento como penal feminino:
«Teño a honra de participarlle a vostede que nesta prisión non collen máis recluídas porque existen 33 e a cabida é para 12».
Una das presas das que non hai documentos, pero cuxa familia si lembra que estivo prisioneira, foi María del Valle Lozano, nai de Manuel Gómez del Valle, que fora detido por colaborar na organización da resistencia ao golpe de estado. María foi ao Goberno Civil para interesarse polo seu fillo e detivérona alí mesmo. Tras pasar por Celanova, trasladárona ao cárcere de Bande en febreiro do 37, e matárona a tiros uns meses despois xunto a Salud Torres Díaz.
Salud era militante das mocidades socialistas, e fora procesada tres anos antes por facer «propaganda incitando á sedición militar». Foi capturada xunto ao seu irmán e traslada a Celanova, e asasinada sen xuízo en agosto dese ano. Tiña 25 anos. A el tamén o mataron.
«Ideas disolventes, blasfemias e bailoteos inmorais»
Tamén paso polo cárcere de Celanova Remedios Frías Carballo por ser nai de Alfonso Gayoso Frías, organizador do PCE en Ourense, e quen seguiu sinalada por iso segundo conta a historiadora María Concepción Álvarez Gómez, que afirma que en 1941 o párroco do seu pobo, A Valenzá, reclamou que a cantina que rexentaba Remedios fose clausurada «por continuar sendo centro de propaganda de ideas disolventes, de blasfemia pública e de bailoteos procaces e inmorais».
Outra historiadora, Rosa Cid Galante, lembra o caso de Florinda Ortega Pérez, nai do alcalde republicano da Gudiña, Felicísimo Pérez Ortega, fuxido a Portugal ao comezo da guerra. A súa nai foi detida, ingresada en Celanova e xulgada pouco despois acusada de auxilio á rebelión. Absolvérona, pero pasou no cárcere ata xuño do 37. Exiliouse en Chile en 1940, onde morreu seis anos despois

Cid lembra tamén a Estrela Alberte, encarcerada á semana do golpe polo simple feito de contar con antecedentes penais; a Ernestina Grande, que foi a prisión porque o seu marido foi acusado de inflitrar ideas marxistas na comarca e fusilado por iso; a Rosa Blanco, que foi detida e condenada a 12 anos por ocultar a un fugitivo; idéntico delito polo que foi procesada Divina Valle, a quen se lle impuxo 15 anos por auxilio á rebelión… E así ata polo menos un centenar de mulleres.
A comarca de Terra de Celanova, formada por dez municipios cuns 17.000 habitantes, foi unha das zonas moi afectadas pola represión fascista. Despois da guerra, as tropas da Bandeira de Falanxe de Marrocos, das primeiras en entrar en Madrid e ao mando de Joaquín Ríos Capapé, elixiron Celanova como lugar de descanso para celebrar a súa vitoria na guerra.
Mataron decenas de persoas, e levantaron unha gran cruz de pedra nun monte próximo para deixar testemuño do seu paso pola zona. As organizacións memorialistas trataron de que sexa eliminada, pero de momento non o lograron.
Un dos que se opuxeron a esa iniciativa é o exalcalde José Luis Ferro Iglesias, do PP, agora deputado autonómico e quen foi noticia hai uns días por negar no Parlamento de Galicia que se produciran mortes no campo de exterminio de San Simón, en Redondela, onde os historiadores documentaron centenares de asasinatos de presos republicanos.
«Somos lilas, terra de choiva, marcadas en negro»
A placa que desde hai uns meses lembra as mulleres represaliadas no cárcere de Celanova contén un texto en galego que di así:
En recoñecemento das mulleres que perderon a súa liberdade neste lugar, vítimas dun fascismo que se levantou militarmente en contra do goberno lexítimo da II República.
Polas esquecidas, que batallaron en prol da xustiza social, polas silenciadas que soñaron con alcanzar os dereitos do Pobo Gallego.
Ás nenas e nenos que aquí sufriron prisión xunto ás súas nais.
Ás que morreron e ás que lles roubaron o futuro.
Este lugar, invisible como elas, foi prisión de mulleres entre xullo de 1936 e abril de 1938.
«… somos lilas, terra de choiva marcadas en negro
xa choramos moito sangue polos poros, sobra
a media luz terminou o silencio…» (Rochi Nóvoa)