S02E17 – Exercicio físico ?

As Womansplainers seguimos (máis ou menos) a máxima latina de mens sana in corpore sano. O exercicio físico e os deportes axudan a manter o corpo en boa forma e a mente despexada, pero non sempre é doado facelo.
O primeiro contacto que adoitamos ter coa práctica deportiva acontece na materia de Educación Física ou nas actividades extraescolares, onde as profesoras acaban definindo a nosa relación co exercicio ou cos nosos propios corpos, como saben os centos de estudantes que pasaron anos atrás polas aulas dalgunha vella profesora da Sección Femenina.
Chegadas á idade adulta, moitas mulleres vemos boicoteados os nosos intentos de facermos exercicio físico porque os lugares onde o facemos non son espazos seguros. Quen non recibiu comentarios ou achegamentos indesexados por ir correr pola rúa ou polo parque? Quen non coñece o mansplainers de ximnasio, ese espécime que sempre sabe mellor ca ti como usares esa máquina e canto peso debes levantar? Que outros obstáculos e traumas se interpoñen entre os nosos corpos e o deporte?
Felizmente, as novas xeracións de mozas teñen máis referentes mediáticos, como Vero Boquete, Alexia Putelles ou Lidia Valentín, que abren os horizontes en disciplinas antes menos populares entre as nenas.
Comezade a quecer eses músculos, que arrinca o womansplaining desta semana, coa colaboración de PuntoGal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail