«Xabarín, Xabarín,
pin do Xabarín
barullo sen fin
a vida dentro dun pin».
Nación Reixa. «A vida dentro dun pin».
Levo días sen quitar a canción de Reixa da cabeza. Xa de por si é deses temas que unha vez se che instalan no lóbulo frontal ocúpano coma un virus, pero por riba a actualidade non fai máis que traela á superficie unha e outra vez. Non tanto polo do barullo sen fin, algo ao que xa estamos afeitos, senón polo outro, o de estar vivindo dentro dun pin, que semella que é o que algúns pretenden. E non precisamente nese pin antifascista que tanto amolou á caverna cando Iglesias e Garzón o levaron na lapela á hora de tomar posesión…
Porque un pin é iso: un triángulo vermello invertido, un logotipo do Xabarín, o smiley ensanguentado de Watchmen, a lingua dos Rolling, a diana dos Who… o que sexa, deseñado en metal e prendido na roupa. Do que falamos aquí é doutra cousa. De veto ou de censura. Algo que, por riba, nin sequera nos soa a novo.
Toda esta movida non deixa de ser un novo capítulo do ataque á escola pública como suposta adoutrinadora, que é o que fai sempre que non está controlada politicamente pola dereita. Un ministro como Wert, autor da lei educativa máis contestada da democracia (que xa é mérito) podía deixar claro no Congreso a súa intención de «españolizar» o alumnado catalán, que non pasaba nada; pero implantar unha materia como Educación para a Cidadanía era o equivalente a queimar igrexas.
Feijóo gañou as eleccións autonómicas con aquela promesa de facer enquisas aos pais para que decidisen o idioma no que os seus fillos recibirían as materias. A xustiza veulle dicir que non podía, pero o dano xa estaba feito e as consecuencias vixentes unha década despois. O Consello de Europa vén de ser ben claro sobre o asunto
Cando tocaba acosar e derrubar o bipartito, as feminazis e a ideoloxía de xénero non eran aínda o inimigo a bater. Daquela, o importante, o que rompía España, era o conflito lingüístico, en concreto «la imposición del gallego». E por iso Feijóo gañou as autonómicas con aquela promesa de facer enquisas aos pais para que decidisen o idioma no que os seus fillos recibirían as materias. Logo, a Xustiza veulle dicir que non podía (quen contaba!), pero o dano –nun asunto que ata ese momento concitara un consenso absoluto– xa estaba feito, e as súas consecuencias máis que vixentes unha década despois. O Consello de Europa, por moito que lle doa a Política Lingüística, vén de ser ben claro sobre o asunto.
Por iso de que á Historia lle gusta repetirse –xa veremos se como farsa ou traxedia– este debate chega de novo ás portas dunhas eleccións autonómicas e non pode sernos alleo dende o momento no que Pablo Casado lle deu todo o seu apoio. Feijóo, tan contundente cando o inimigo é o Goberno central, tómao con calma. «Os pais temos responsabilidade na educación dos nosos fillos e os profesores e a Administración docente tamén a teñen» –curioso uso da primeira e a terceira persoa, como se el non dirixise esa administración docente–. «Por conseguinte, delimitar as competencias de cada un deles require máis que un par de minutos nunha contestación nunha rolda de prensa». Unha desas respostas que un pronuncia coa calculadora na man. E ten lóxica.
Este domingo pasamos por outra das tradicionais estacións da precampaña: a primeira enquisa de Sondaxe, que vén de deixar o campo totalmente aberto. O PP mantén polos pelos a maioría absoluta (38 escanos); a esquerda, liderada polo PSdeG pero con Ana Pontón como candidata máis valorada (tamén conta cos tíos), chega a 37 pero subindo. Máis que un inquérito semella un capítulo piloto no que se presentan os escenarios e os personaxes mentres se deixan abertas o maior número posible de tramas.
Se Vox queda fóra da Cámara, o seu temido papel limitarase a restarlles votos aos populares nun escenario no que cada escano é decisivo; se consegue acadar representación, pode ser aínda máis decisivo se del depende sumar a maioría absoluta
A enquisa non dá a máis mínima posibilidade de entrar no Hórreo a Ciudadanos nin a Vox e mesmo concede máis apoios aos de Rivera… perdón, aos de Arrimadas que aos de Abascal. Algo, a día de hoxe, difícil de crer vendo as tendencias opostas de ambos os dous partidos.
Cun 38-37 e o voto da esquerda dividido (non se sabe aínda que pasará co espazo anteriormente coñecido como En Marea), Feijóo é quen de deseñar o seu xogo, pero a ameaza dun rival pola dereita é algo inédito en Galicia. Se Vox queda fóra da Cámara, o seu temido papel limitarase a restarlles votos aos populares nun escenario no que cada escano é decisivo; pero se consegue acadar representación, aínda que sexa só cunha acta, pode ser aínda máis decisivo se del depende sumar a maioría absoluta.
Feijóo sábeo e por iso a súa estratexia será comportarse como se non existisen –o que, institucionalmente falando, por sorte, aínda é verdade– pero sen enfadalos demasiado, non vaia ser que acabe necesitando tirar deles. Unha situación que asusta porque ese voto non sería gratuíto e os ultras poderían impoñer en troco unha axenda á que o PP galego, agás excepcións, non faría demasiados ascos.
A estratexia de Feijóo será comportarse como se Vox non existisen, pero sen enfadalos demasiado, non vaia ser que acabe necesitando tirar deles
Os populares van tentar desacreditar a alternativa multipartita deixando claro que son «un barullo sen fin». Pero se gañasen e para gobernar precisasen a Vox, o que nos agarda é a vida dentro dun pin.
E non precisamente no do Xabarín. Nin, moito menos, no antifascista. Máis ben xusto no contrario.