Ana Pontón rexeita trasladar ás autonómicas galegas os «debates madrileños»

A Coruña.- A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, advertiu este martes contra o intento do PP e do conxunto de forzas estatais «para traer os debates madrileños á campaña galega».

Pontón compareceu no Parlamento de Galicia en Santiago para facer balance da lexislatura acompañada por membro do seu grupo e candidatas das listas nacionalistas.

«O BNG vai facer unha campaña de ideas e propostas centrada nos problemas do país», dixo a candidata.

Un dos argumentos do relato electoral do BNG é que o candidato do PP, o presidente en funcións, Alfonso Rueda, e o seu predecesor, Alberto Núñez Feijóo, van tratar de trasladar a Galicia os debates estatais que interesan ao líder do PP estatal, como os pactos do Goberno de Pedro Sánchez ou a lei de amnistía.

O PP presenta un balance «nefasto»

«O PP sabe que presenta un balance [de lexislatura] nefasto, e para ocultalo quere desviar o foco sobre a súa xestión», dixo Pontón. «Pero nós non imos permitir que desvíen o foco de Galicia, é unha falta de respecto», engadiu.

A candidata do Bloque tamén reiterou outra das ideas-forza da súa campaña: que existe a posibilidade de vencer a Rueda e a Feijóo e que a súa formación é a que está en mellor disposición para facelo.

«Estamos diante das eleccións máis abertas dos últimos anos en Galicia, e o cambio é posible se todas as persoas que queren abrir un tempo novo concentran o voto no BNG», concluíu.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail