Cohousing, sálvese quen poida!

Unha das peores lembranzas da pandemia é o que pasou nas residencias de maiores. Non só polas mortes, que xa sería abondo terrorífico: nos nove primeiros meses morreron 509 persoas residentes, o 41% dos falecementos en Galicia por COVID. Tamén porque se fixeron visibles as eivas de funcionamento destas infraestruturas que son o fogar de tantas persoas máis ou menos dependentes nos derradeiros anos das súas vidas. Eivas nos modelos de coidado proporcionados, sobre todo nos centros xestionados polo mercado: privados e concertados. Engádese a todo este desastre a falta de transparencia na información do que alí estaba a pasar. Hai que lembrar que só tivemos datos concretos do que sucedeu no país logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitara recursos de empresas xestoras das residencias que pretendían mantelos ocultos, e obrigara á Xunta a publicalos. Para non esquecer o que pasou podemos recuperar os traballos xornalísticos de David Reinero en Praza Pública ou o libro de Manuel Rico ¡Vergüenza!. Non é tan áxil a investigación penal, esta non, que está lonxe de rematar, como Rico lembra cada día nas redes sociais que usa para promover que a fiscalía aclare o que sucedeu en Madrid.

Prometeuse dende os gobernos unha reflexión e un cambio de modelo post-pandemia. Os poderes públicos íanse responsabilizar de xestionar directamente, de reducir o tamaño dos centros, de controlar que as ratios se cumpren, de procurar maior participación das residentes na xestión, de revistar protocolos sanitarios… Os meses van pasando, e os anos, e pouco máis vemos que fagan que dar subvencións con fondos europeos para remodelación de centros.

Entre tanto están medrando unha serie de iniciativas cívicas, baixo a etiqueta cohousing, que agrupan en formas diversas de asociación ou cooperativa persoas que asumen e planifican a autoxestión da súa vellez e dependencia, buscando evitar as residencias.

Esta tendencia ten a ver co cambio demográfico: xa non vai haber fillas ou noras que nos coiden de maiores, ben porque xa non temos descendencia, ben porque de tela non a queremos cargar co peso do coidado dunha vellez cada vez máis longa e penosa. As novas familias, as novas tipoloxías de fogares tamén o serán para as persoas maiores. Non estarán marcados polo sangue ou pola necesidade. Serán escollidos e planeados anos antes, combinando soidade e sociedade. Grupos de amigas ou persoas descoñecidas estanse xuntando, comprometendo aforros, tempo, traballo e unha visión de como queren ser coidadas, de como non queren ser tratadas. Gobernos e Parlamentos están ao tanto das iniciativas, publícanse regulamentos e prométense axudas económicas.

Non podemos saber seguro se o medre deste tipo de proxectos é consecuencia directa da pandemia. Presumo eu que agora compartimos unha certa decepción sobre o que o mercado pode ofrecer na contorna dos coidados. Se cadra estase a instalar o convencemento de que o afán de lucro é incompatible con prestar coidados dignos a quen xa non pode protestar e non ten quen proteste por ela. Que incluso o diñeiro non chega moitas veces para ter esa mínima garantía. Mais tamén parece mostrar unha decepción sobre o que podemos agardar do Estado. Poucas prazas públicas e moitas concertadas, pouco control e moita propaganda. A cambio, irse vivir xuntas sen perder autonomía, fabricar novas infraestruturas coa base do servizo por riba da propiedade, xestionadas colectivamente, resulta unha proposta de futuro ilusionante.

Grupo de residentes nunha «cohousing» londinense.

Son iniciativas impecables dende o punto de vista da autonomía persoal. Escoller como queres que sexa a túa vellez, investir aforros, tempo e esforzos en facelo realidade. Responsabilizarte da xestión e dos servizos mentres podas, para ti e a xente que te acompaña no proxecto, e que cando xa non podas o faga alguén de confianza. Teñen tamén o valor social de autoorganización, de construción de tecido social. Incluso de recuperación de patrimonio urbanístico e repoboamento rural, e deberían servir como modelo para cambiar as alternativas tradicionais das residencias. Unha iniciativa privada sen ánimo de lucro, un espazo entre o estado e o mercado. O terceiro sector en movemento.

Todo parecen vantaxes. E, como toda iniciativa, se vai como se planifica, así será para as persoas implicadas. Mais desde o punto de vista do que debe ser a acción do Estado para garantir os dereitos que estableceu a famosa lei da dependencia de 2006, a cousa non está tan clara. Entre ampliar e mellorar a prestación de servizos universais e publicar subvencións á iniciativa privada hai moitas diferencias. Incluso se se dedican partidas semellantes nos orzamentos o resultado é ben diferente, como sucede cando se escolle entre construír/xestionar vivenda pública e subvencionar as hipotecas dos particulares que teñen medios para mercar unha vivenda. Ou cando se escolle entre mellorar a sanidade pública e subvencionar as cotas dos seguros privados…

Se o Estado, as administracións, deciden apoiar estas iniciativas como alternativa a ampliar e mellorar os centros públicos, desenténdense en certa medida da súa responsabilidade de xestionar a cobertura de dereitos fundamentais. Destinaríanse eses fondos a quen xa ten recursos, detraéndose de servizos universais que acollen a todas e, como vemos que sucede noutros servizos que deberían ser universais, rematan por deteriorar a calidade deses servizos que acabarán atendendo a quen non ten medios para outra cousa.

Un chanzo máis no camiño que transitamos entre a utopía do estado do benestar e a crúa realidade do da beneficencia, que só se vai ocupar dos que non se poden salvar a si mesmos. Sálvese quen poida!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail