Un xuíz investiga por prevaricación a Baltar por unha presunta vinganza contra o portavoz socialista

A Coruña.- O xuíz de Instrución número 1 de Ourense, Leonardo Álvarez Pérez, admitiu a trámite a querela por prevaricación presentada polo portavoz socialista na Deputación Provincial, Rafael Rodríguez Villarino, contra o presidente desa institución, Manuel Baltar, do Partido Popular.

A investigación esténdese ao vicepresidente, Rosendo Fernández, tamén do PP, e a José Miguel Caride, exdiputado provincial por Democracia Ourensana (DO), o partido do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, que sostiña a Baltar na Deputación a cambio do apoio do PP no Concello.

Rodríguez Villarino acúsaos de manobrar para que o pleno da Deputación lle negase, cos votos populares e de DO, a compatibilidade como deputado provincial á que tiña dereito para exercer tamén como profesor asociado na universidade.

Cre que se tratou dunha decisión política en vinganza por unha actuación xudicial do Grupo Socialista, que Baltar tería adoptado sabendo que tiña dereito legal a unha resolución positiva e de que negarlla era, por tanto, inxusto. Ademais, o portavoz alega a propia Deputación lle facultara o ano anterior para desempeñar o mesmo posto como profesor.

Manuel Baltar e Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo / Deputación de Ourense

Segundo o auto de apertura de dilixencias, ao que tivo acceso Luzes-Público, o xuíz considera que dos feitos denunciados e as probas presentadas se desprenden indicios «que fan presumir a posible existencia de delito/s (sic) de prevaricación administrativa», que se castigan con penas de nove a quince anos de inhabilitación.

En 2021, un xulgado do Contencioso-Administrativo recoñeceu o dereito á compatibilidade de Rodríguez Villarino, que en novembro pasado decidiu acudir á vía penal ao considerar que existen responsabilidades de tipo criminal á marxe das administrativas, e que solicitou que o xuíz cite como testemuñas a todos os deputados do PP e de DO que participaron no pleno.

O portavoz socialista obtivo en 2019 o visto e prace da Deputación para compatibilizar o seu escano co exercicio da docencia como profesor asociado no campus de Ourense na Universidade de Vigo. A lei de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas impide por regra xeral que se desenvolvan dous traballos para a Administración, pero entre as súas excepcións contempla as de quen desempeñe «un posto de traballo na esfera docente como profesor universitario asociado» con contrato temporal e a tempo parcial, como é o caso de Rodríguez Villarino.

Segundo o relato da querela, o 1 de xullo de 2020, e tras o falecemento dun compañeiro de departamento, o portavoz do PSOE volveu solicitar a mesma compatibilidade, que foi informada favorablemente o vicesecretario xeral da Deputación o 15 dese mesmo mes. Dous días despois, o propio Baltar elaborou unha proposta de resolución na que propoñía «autorizar (…) a compatibilidade do seu cargo» co seu posto de profesor, proposta que foi aprobada en comisión na Deputación sen ningún voto en contra. O día 31, con todo, o pleno do organismo provincial denegoulle a compatibilidade grazas aos votos do PP de Baltar e dos deputados da Democracia Ourensana de Jácome.

Jácome e Baltar, nunha xuntanza na Deputación / Foto: DO

Segundo a querela de Rodríguez Villarino, o cambio de postura se debeu a que dous días antes do pleno, o 29 de xullo, o Grupo Socialista na Deputación denunciara nos xulgados as bases reguladoras dunha liña de axudas da institución que consideraban ilegais. De feito, a súa denuncia recolle as intervencións de Caride e Fernández no pleno no que dous días despois lle denegan a compatibilidade.

Fernández explica o seu voto negativo alegando que Rodríguez Villarino puxera «en perigo as axudas da Deputación», e Caride xustifica o seu recoñecendo que está baseado «nunha cuestión persoal» contra o portavoz socialista, nunha intervención que rematou con esta despedida: «Mire, os favores hai que gañalos, señor Villarino».

O PSOE ourensán enviou onte un comunicado no que o seu viceportavoz, Nacho Gómez, acusa a Baltar e ao PP de tentar «aniquilar desde o punto de vista político, persoal e laboral a calquera persoa que lles fai fronte en política».

O propio Rodríguez Villarino asegurou nunha rolda de prensa que a súa intención coa querela é obter unha sentenza «exemplarizante». «Hai que respectar á oposición, non se pode ir nin contra a lei nin contra as persoas que simplemente fan o seu traballo» de oposición, dixo.

O portavoz socialista tamén presentou como proba unha certificación da propia Deputación que demostra que nunca antes se lle denegou unha compatibilidade para traballar como profesor a ningún outro deputado ou deputada, de ningún partido. «Foi unha decisión con tinguiduras políticas e antipersoais que, ademais, foi adoptada dun modo antinormativo», concluíu.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail