Os fillos da festa rachada dos oitenta («se lembras aquela época é que non a viviches») son os chamados millennials, eses milleiros de persoas miúdas que creceron nos anos noventa e que en Galicia se recoñecen a si mesmos como a xeración Xabarín ¶ As Nacións Unidas publicaron a Convención dos Dereitos da Infancia en 1989. As nenas e os nenos pasaban de ser obxecto de protección a suxeitos de dereitos. Cinco anos despois, disfrazada de pura diversión, esa filosofía estaba no corazón do Xabarín, na súa actitude.¶ Cristina, Lucía, David, Patricia, Brais… A xeración de xabaríns e xabarinas sente unha enorme fachenda de comprobar que foron obxecto dunha atención televisiva exclusiva e de respecto á súa condición de rapazada. Participación, socialización, modernidade, orgullo do propio, interese polo idioma do país…, foron algúns dos valores que agora se lle recoñecen ao club catódico da TVG. Por unha vez daba igual vivir nunha vila ou nunha cidade, só había que saber o santo e sinal e poñer a pintura de guerra para facer parte dun club que tiña que chegar aos cen mil. Mais a xeración Xabarín tamén sente a saudade de que as cousas boas, por contalas, non se van repetir, aínda que poderían volver, axeitadas as estéticas, as linguaxes e os formatos dos tempos de fragmentación tecnolóxica que vivimos. Ante este sentido de perda, a xeración Xabarín séntese co dereito e a forza de reclamar para a súa descendencia espazos televisivos de contemporaneidade semellantes aos que eles gozaron. Apostar unha vez máis polo futuro, pola infancia como suxeito. A xeración Xabarín non quere sentirse privilexiada. Só reclama o rescate das cousas que pagan a pena. Por fuciños, por cacheiras.