A capitulación europea

A Vladimir Putin gustaríalle participar de igual a igual nun Congreso de Viena, comentábame hai ben pouco en Bruxelas un empresario do sector militar e tecnolóxico. A súa reflexión afondaba en que nesa reunión sobre a arquitectura de seguridade do continente e a reorganización fronteiriza logo da vitoria rusa en Ucraína só estarían os Estados Unidos e algunhas escollidas potencias europeas a título individual, non como Unión Europea.

O comentario deste experto facía referencia ao Congreso de Viena entre 1814 e 1815, onde Gran Bretaña, Prusia, Rusia e Austria decidiron entre elas a volta ás fronteiras nacionais ou imperiais previas á Revolución Francesa e mais a Napoleón. Afastaran desa negociación á Francia derrotada e a potencias menores como Suecia ou España.

Un Congreso de Viena contemporáneo, coa capital austríaca como sede simbólica, recuperaría para a diplomacia internacional a Rusia putiniana, de modo que lle outorgaría o papel de vencedora lexítima e o peso de seu en Europa logo de invadir ilegalmente Ucraína. Ao tempo, racharía co papel da UE como gran potencia e a súa vocación de ser voz hexemónica no continente. A orde internacional que se vén construíndo dende a caída da Unión Soviética e a progresiva ampliación do proxecto comunitario cara ao leste estouparía en anacos.

É a ambición non agochada de Vladimir Putin. Así o manifestou en 2007 na súa polémica e moi popular intervención na Conferencia de Seguridade de Múnic, onde criticou a expansión da OTAN e insistiu na historia milenaria de Rusia e da súa política exterior para ter un lugar «na construción dunha orde mundial democrática e xusta que garantiría a seguridade». Moscova estaba de novo preparada para asumir un rol activo nas relacións internacionais e facelo dun xeito asertivo, sen subordinación ao mundo unipolar hexemónico dos Estados Unidos logo da Guerra Fría.

Donald Trump móvese neste contexto. Considera a Rusia como a potencia coa que discutir e repartírense as esferas de poder do hemisferio occidental, fronte ao Pacífico, onde rivaliza coa China. Se Europa depende do paraugas de seguridade estadounidense e se a UE se ve ameazada pola defensa que, segundo a Casa Branca, Moscova faría dos seus intereses en Ucraína, entón non hai que negociar con Bruxelas. E velaí o plan de ‘paz’ presentado para rematar con esa guerra, atendendo os intereses e demandas rusas ao tempo que Washington obtería os recursos minerais ou enerxéticos dese país e a xestión dos millonarios activos que a UE ten conxelados a Rusia, como pago por exercer do policía que controla a Putin.

A capitulación de Bruxelas o pasado verán diante dos Estados Unidos, cando aceptou o acordo comercial que lle impoñía tarifas por miles de millóns aos seus produtos sen aplicar as represalias prometidas durante meses, baixo a premisa de que se evitaban aranceis aínda maiores, foi vergoñenta para a UE. Amosou a debilidade da Comisión unha Von der Leyen fachendosa de se presentar internacionalmente como xeopolítica e defensora da soberanía europea.

O golpe co plan para Ucraína pactado entre Washington e Moscova pode ser definitivo. Por agora, os 27 conseguiron que os Estados Unidos rebaixasen algo as súas ambicións de reducir o exército ucraíno, xestionar os activos rusos confiscados e impor a Kíiv a data límite do 27 de novembro para aceptar os termos. Porén, cuestiónase a ambición de Ucraína de entrar na UE. E a porta da OTAN semella pechada.

Se os 27 e Bruxelas non son quen sequera de impor a súa voz nos seus propios asuntos, isto é, na pertenza futura dese país ao club comunitario, quedaranos unha UE sometida aos Estados Unidos. Subordinación atlantista á que viñan poñer fin o mercado único deseñado por Delors, Maastricht e o euro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail