Ana G. Fernández (ALAS): «O veredicto de Samuel non elimina a LGTBIfobia, pero é un precedente para unha sociedade mellor»

A Coruña.- O día que mataron a Samuel, Ana G. Fernández espertou porque o móbil non paraba de vibrar. «Mataron un rapaz gai na Coruña”», dicían as redes e as mensaxes. «Ao principio pensei: ‘Que esaxeración!’. Pero logo fun advertindo que era verdade, que pasara. A partir de aí os recordos amontóanse e todo aparece confuso, porque entramos nunha rolda tremenda».

Ana é a presidenta da Asociación pola Liberdade Afectiva e Social (ALAS) da Coruña, que exerceu a acusación popular no xuízo contra os asasinos de Samuel Luiz no que quedou probada a motivación homófoba do seu linchamento. ALAS, unha organización sen ánimo de lucro, mantén desde hai anos un observatorio da violencia homófoba e un servizo de atención ás vítimas de agresións. Reciben un caso novo cada dous días. A Xunta de Alfonso Rueda acaba de denegarlles, en pleno xuízo de Samuel, a declaración de organización de interese público.

Que lle parece o veredicto do xurado? Ségueme custando falar en termos festivos, pero conseguimos que se recoñece en sede xudicial o que a rúa e o colectivo LGTB dicían: que isto era homofobia. A sensación é de alivio, de satisfacción, pero no medio dun totum revolutum de emocións, e a verdade é que é difícil saber cal é a correcta.

Nalgún momento pensaron que os cinco acusados podían quedar absoltos, e que o crime podía quedar sen castigo? Non. Non por parte de todo o mundo. Sempre confiamos moito no traballo da Policía e do xuíz de Instrución. Sabiamos que a investigación estaba a ser complicada, pero moi minuciosa. E aínda que non viramos ningunha proba nin ningunha imaxe ata que chegamos ao xuízo, si que desde o primeiro momento sabiamos que había probas documentais potentes, gravacións… E os testemuños das testemuñas directas, non só de Lina e de Vanessa [amigas de Samuel] senón tamén de Ibrahima e de Magatte, que deixaban moi claro o que ocorrera. Iso deunos tranquilidade, aínda que había medo a que o xurado puidese apreciar esa dúbida razoable que obriga a decidir en favor da persoa acusada. Pero iso pasa en todos os casos, non só neste.

Unha das acusadas foi absolta. Cre que se debe por esa dúbida razoable, ou pensa que de verdade é inocente? Non o sei. Tería que estar nesas cento e pico horas de deliberación do xurado. O que sei é que non era unha cuestión sinxela, non era un proceso fácil: tres acusacións, cinco acusados, xurado popular… O obxecto do veredicto era moi complexo. Creo que o veredicto non é perfecto, entendo que poida haber frustración e malestar, pero tamén respecto esa decisión tomada de maneira unánime. Unha vez que a xuíza dite sentenza, veremos se hai opcións xurídicas que tomar. Pero o noso traballo como acusación popular era o recoñecemento da agravante de homofobia, e niso conseguimos este fito, non sei se histórico pero que vai cambiar moitas cousas non só a nivel xurídico, tamén na sociedade. Para ben.

O veredicto parece pechar ese debate sobre se chamarlle maricón a alguén é desmerecelo pola condición sexual que intuímos nel, ou se se trata dun insulto tan habitual que non pode tomarse como homófobo. Este xuízo non elimina a LGTBIfobia da nosa sociedade. Todos o temos claro, ou deberiamos telo claro. Pero senta un precedente e é un paso máis nesa dirección. Levamos anos no colectivo LGTBI e no feminista, e en moitos outros que sofren violencia, discriminación e prexuicios, facendo fincapé na importancia da linguaxe, das palabras. Chamarlle maricón a alguén é algo pexorativo. De feito, foi obxecto de debate desde o primeiro momento. Nas teles, nas redes sociais, na rúa… Que non era homofobia porque «maricón» é unha palabra de uso case cotián. Non. O veredicto é unha pata máis sobre a que asentar unha sociedade mellor, máis igualitaria, un Estado de Dereito no que todas as persoas poidamos desenvolvernos libremente con independencia do que queiramos ser ou de como nos identifiquemos. Aí residía a responsabilidade que sentiamos neste proceso en ALAS A Coruña. Sabiamos que o feito de que se recoñecese por primeira vez a homofobia ligada a esas palabras podía cambiar vidas. Oxalá non volva pasar nunca, pero se pasa, que dentro dun tempo, nun xulgado doutra localidade do Estado español, este veredicto sirva para que outra persoa que sufra LGTBifobia poida obter xustiza.

Ana G. Fernández, presidenta de ALAS Coruña, o pasado luns na Audiencia Provincial / J. O.

O do xurado do caso de Samuel parécelle entón un veredicto xusto? En canto á agravante, si. Quedaron moitas cousas demostradas que se pelexaron moito dentro da sala de vistas. Hai outra agravante que non saíu, a da saña, e custa pensar que non a houbese. Pero hai que respectar o traballo do xurado. Cando haxa sentenza, se hai que tomar algunha acción, tomarémola. Pero agora hai que respectar a decisión do xurado, que non o tivo fácil. E diranme: «E se a decisión fose outra, tamén a respectaría?». Si, faríao.

Algúns dos avogados das defensas trataron de combater a agravante de homofobia restándolle importancia. Restarlle importancia ata me parece optimista se lembro o que dixeron.

Refírome a que había unha instrución policial e xudicial traballada e comprometida que motivou esa acusación con probas e testemuños. É o manual do discurso perfecto de branqueamento da homofobia e a LGTBIfobia. É perpetuar os discursos de odio. Di moito do que pensan de nós: que somos unha cousa folclórica, exótica…

Un avogado da defensa mesmo falou de «folclore homosexual». Creo que se retratou a si mesmo. Que cada un saque as súas conclusións. Foi duro escoitar iso xusto onde estabamos, no xuízo por un asasinato homófobo. Pero foi a mellor defensa que souberon facer, e coincide con ese manual de defensa dos discursos de odio e branqueamento da LGTBIfobia.

«Dá igual que Samuel fose ou non fose o que fose. Que che griten ‘maricón de merda!’ é homofobia»

Tamén quedou claro que existiu homofobia con independencia de cal fose a condición sexual de Samuel, que el nunca expresou. Que iso se tivese que debater en sede xudicial é terrible. Sempre o dixemos. Dá igual que Samuel fose ou non o que fose. Que che griten «maricón de merda!» é homofobia. Houbo unha lectura da masculinidade, da xestualidade, da expresión de xénero… É horroroso, porque estamos a falar de estereotipos que tentamos romper fóra, porque son os estereotipos polos que nos agriden e nos insultan, pero que na sala de vistas era o único ao que nos podiamos agarrar. Obviamente non foi só o primeiro insulto, porque as testemuñas deixaron claro e quedou probado que as expresións de «maricón de merda!» e «puto maricón!» seguiron saíndo [nas conversacións dos acusados] ao longo de toda a noite [na que Samuel foi asasinado]. Eu non coñecía a Samuel, pero cremos que o que houbo foi unha lectura da pluma, da súa pluma. Non sei por que custou tanto dicilo no xuízo: pluma era a palabra. Cando te chaman «maricón de merda» é porque te len de determinada maneira e queren atacar a túa masculinidade, situarte por baixo… «Non estás á miña altura como home, es unha nenaza, un calzonazos…‘.

Non lle aterra que haxa xente á que ese clic na cabeza lles segue facendo estalar de odio? Claro que nos aterra. Algunhas persoas vivímolo. En ALAS temos un servizo de atención á LGTBIfobia e aí están os datos. E iso que non chegamos a saber todo o que ocorre. Segundo a Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea só se denuncian entre un 9% e un 10% das agresións homófobas. A mellor mostra é que nas semanas seguintes ao asasinato de Samuel, como se reflicte no noso informe de 2021, recibimos moitos máis casos que en anos anteriores nesa mesma época. Houbo visibilidade mediática, debate sobre a importancia das denuncias de violencia homófoba… O clamor social fixo que moita xente dixese: «Isto estame pasando a min». E que fose consciente da importancia de denuncialo. Hai moita violencia oculta e moitas mortes silenciosas. Cando unha persoa decide acabar coa súa propia vida porque a LGTBIfobia a machacou ata ese punto, iso tamén é violencia.

Se puidese, que lle diría a Samuel? Que lle diría? Uf. Cando ves esa película de terror nos vídeos… Diríalle que oxalá nunca saíse dese bar, que oxalá nunca lle pasase o que lle pasou, que nunca máis sexa a última copa de ninguén nun bar, que non volva pasar algo así… Que difícil! Non sei que lle diría. Faleille moito ultimamente, non son crente, pero ultimamente mirei moito cara arriba. Fánseme auga os ollos. Que lle diría? Que se esta sentenza serve… Que lle diría? Grazas, Samuel? É imposible, non sei que dicir.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail