O «éXodo», de X a Bluesky

Tralo anuncio da incorporación de Elon Musk ao goberno dos EEUU e o anuncio da enésima intervención partidista sobre o algoritmo, asistimos estes días a unha considerábel fuxida de usuarios á rede Bluesky que, no entanto, xa superou os 20 millóns. Este feito abriu un interesante debate arredor da vella cuestión leninista: «que facer?».

A día de hoxe as posicións varían e son matizadas dende as vías máis excluíntes ata as máis transaccionais. Dende o primeiro momento, porén, notouse unha diferenza substantiva: por unha banda, aqueles que levan tempo e moitos cartos investidos en participar das regras de Musk, adaptándose ás circunstancias e construíndo así grandes audiencias; e, pola contra, quen levamos ese mesmo tempo padecendo o feche, cada vez máis claustrofóbico, dos perfís que non entramos a participar da heteronomía algorítmica.

Acontece así que namentres no X de Musk caen por ducias ou centenares o número de seguidores, na rede/vaso comunicante, Bluesky, non paran de medrar a maior ritmo aínda os perfís abertos recentemente. Sabido é que X é un espacio tóxico, deseñado para as fake news, a infoxicación e o estímulo das peores paixóns tristes deses ciborgs poshumanos que devimos dende hai anos. Neste senso, Bluesky está a ofrecer unha experiencia de concienciación da verdadeira situación subxectiva que se vivía en X.

Para falarmos da mutación de consciencia que se está a experimentar acuñouse a expresión «éXodo», que apunta ao fluxo dunha rede cara á outra, mais que, para a audiencia máis instruída na xerga da teoría política contemporánea, conecta e activa tamén a reflexión posoperaísta de Negri, Virno e outros. Velaí, entón, o éxodo da multitude spinoziana camiño da rede prometida; mesmo se Moisés xa avisa: Bluesky só é terra de paso, non vos confiedes que aínda temos para moito.

De ollarmos cara atrás no tempo, na procura dese «futuro anterior» que prometeu, sen chegar a cumprir, a «Twitterrevolution» do 2011 (Primavera Árabe, 15M, Generação à Rasca, Yo soy 132, Parc Gezi, etc.) é posíbel trazar unha xenealoxía ata os inicios da modernidade. Daquela comezara unha longa interrelación entre os saltos tecnolóxicos da comunicación e as mutacións dos repertorios de acción da contenda política.

Un repaso rápido levaríanos ata 1440 aproximadamente, momento no que Gutenberg idea a imprenta que leva o seu nome e que contribúe á catarse das Guerras de Relixión que alumeaban a Revolta Protestante que abre paso á Modernidade. Na Galiza foi en Monterrei onde por primeira vez saíu do prelo unha obra: o Misal auriense. Séculos despois, cando a cultura galega agardaba pola fin da longa noite de pedra, Álvarez Blázquez e Viñas Cortegoso nomearon así a un dos primeiros proxectos editoriais da posguerra. É ben lembrarmos sempre de quen foi, para que puideramos ser.

Co tempo dos prelos saíron periódicos e con estes apareceu a «esfera pública»; ese espazo comunicativo (a Öffentlichkeit de Habermas) no que se asentaron as grandes revolucións que iniciaron o camiño da recuperación da democracia. A prensa fíxose prensa obreira e coa incorporación da fotografía deu a coñecer aos desposuídos do mundo as imaxes das barricadas da Comuna de 1871. Pronto se faría a fotografía imaxe-movemento e nas pantallas aparecería o Acorazado Potenkim de Einsenstein.

O cinema adquiriu voz e a voz fíxose radio para as frontes populares e as resistencias antifascistas máis clandestinas, pois entraran nos fogares. Nesa ampliación constante, na que cada tecnoloxía ía aumentando e fornecendo a democratización ata a intimidade dos lares, aconteceu que a radio e o cinema fusionaron na televisión. Coa TV puido saberse da Guerra do Vietnam e das denuncias da mocidade pacifista. Imposíbel non lembrar os yippies liándoa nos estudios televisivos.

As radios fixéronse radios libres, pois con cada achado tecnolóxico e apropiación cultural para a contenda viña a contrarrevolución e a recuperación para o mando capitalista. As radios libres estendéronse no tempo ata que chegou Internet e o altermundialismo e despois a web 2.0 e a Twitterrevolution.  Tampouco mudou a lóxica da relación entre comunicación, tecnoloxía e contenda antagonista. Onde un día estoupara a onda de democratización do 2011, operouse a reestruturación dun capitalismo agora baseado na sociedade do espectáculo cibernético do semiocapital que formatea a cultura reaccionaria da xeración postalfa, no dicir de Berardi.

Hai tempo que os máis vellos do non-lugar agardamos pola chegada da mutación tecnolóxica que nos devolva a iniciativa perdida a mans das fascistizantes paixóns tristes que medran ao abeiro da derrota do 15M. É por isto que o «éXodo» que se está a dar nestes momentos é tan prometedor. Non por nos liberar dunha dependencia tecnolóxica aínda por solventar, senón por abrir un punto de fuxida que está a tensionar unha fractura cada vez maior no semiocapital. Entendermos este feito resulta esencial para respostar ao «que facer» destes días. Desfrutemos, non entanto, do momento. Chega a hora de surfear, simbiontes!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail