Feijóo, o da mancha (de chapapote)

A Coruña.- A carreira política de Alberto Núñez Feijóo empezou a escribirse o 12 de xaneiro hai vinte anos, días despois de que o capitán do Prestige, un petroletro grego abanderado en Bahamas, lanzara un SOS logo de que un golpe de mar abrise unha fenda no casco do buque.

Feijóo era por entón presidente de Correos, cargo ao que lle levara o seu mentor, o exministro de Sanidade José Manuel Romay Beccaría, creador da súa lenda de bo xestor especialmente dotado para pilotar privatizacións de empresas e servizos públicos. Poucos pensaban entón que aquel disciplinado e gris militante, que nos anos 90 obtivera praza de funcionario na Administración galega tras uns anos tolos como sindicalista, acabaría sendo o líder da dereita española.

A operación que acabou con Feijóo na presidencia da Xunta de Galicia, onde apontoou catro maiorías absolutas consecutivas, iniciouse en Casa Vilas, un vetusto restaurante no número 88 da rúa Rosalía de Castro de Santiago, na zona nova da cidade e lugar habitual das enchentas de Manuel Fraga.

«Alí cearon hai dúas décadas Romay e Rajoy a noite en que decidiron abortar a decisión de Fraga de nomear a meu pai vicepresidente da Xunta e conselleiro de Medio Ambiente para que tomase as rendas da xestión da crise do Prestige», di Rafael Cuíña, fillo de Xosé Cuíña, o delfín  chamado a suceder a Fraga e o único político que se tragou a marea negra.

Cuíña, natural de Lalín (Pontevedra), onde Rafael é agora concelleiro por Compromiso por Galicia, era o líder da facción máis galeguista do PPdeG. Acumulou un enorme poder no partido, escalando primeiro desde a alcaldía da súa Vila á presidencia da Deputación de Pontevedra e logo á secretaría xeral do partido e á Consellería de Obras Públicas, a de maior poder investidor da Xunta.

Nos seus tempos de gloria, Cuíña e os seus partidarios da «boina«», como foron bautizados na linguaxe bélica-político da época, propinaron unha severa e humillante derrota ao clan do «birrete» que encabezaban Romay e Rajoy. Por esa razón, na Xénova de José María Aznar nunca viron con bos ollos o ascendente de Cuíña.

«Lembro ao meu pai na galería de casa», lembra Cuíña fillo, «vestido de monte para ir de cacería con Fraga e con Carlos del Álamo [entón conselleiro de Medio Ambiente e hoxe conselleiro da celulosa Ence]».

«Chegaban noticias de que o do Prestige era máis grave do que dicían, e que o meu pai non consideraba unha boa idea irse de Galicia esa fin de semana. Pero Fraga dixo que ían, e cando Fraga dicía algo, ninguén podía dicirlle que non», engade.

Aquela fin de semana unha enorme mancha de fuel pesado chegou ás praias e ás rías galegas, pintando de negro de norte a sur o litoral atlántico da comunidade. Mentres tanto, o Goberno decidía non refuxiar o barco nun porto de abrigo e mentía sobre a gravidade do impacto ambiental, social e económico que os galegos podían advertir desde as súas xanelas.

Nos días seguintes a contestación social foi crecendo e estruturándose en torno ao movemento Nunca Máis, ata arrinconar a Fraga e a Aznar contra as cordas. E tamén foi engordando ao redor da facción de Cuíña a contestación interna no PP e no propio Goberno da Xunta. «O meu pai chegou a propoñer nun Consello de la Xunta que o PP encabezase a manifestación de Nunca Máis, aínda que iso supuxese enfrontarse directamente a Aznar por deixar a Galicia abandonada», explica Cuíña fillo. «Outro conselleiro respondeulle que iso era como dar un golpe de estado», engade.

A manifestación de Nunca Máis converteuse nun acto de repulsa nacional aos malos tratos físicos -pola inacción diante da marea negra- e psíquico -polas mentiras- que o Executivo de Aznar exerceu contra a poboación de Galicia. O aznarismo desatouse en toda a súa intensidade cunha campaña de descrédito contra os líderes do movemento, que incluíu a apertura dunha investigación da Fiscalía, portadas da prensa conservadora coas súas fotos en formato de expediente policial e cargos populares equiparándoos con terroristas.

«Aquela campaña tamén acusou o meu pai de ser el quen filtrara á prensa que Fraga se tiña ido de de caza», recorda Rafael Cuíña, quen explica que foi neses días cando Fraga chamou ao seu delfín para anunciarlle que quería facelo vicepresidente e conselleiro de Medio Ambiente para que encabezase desde Galicia a xestión da catástrofe que o PP negaba desde Madrid. A cea de Romay e Rajoy en casa Vilas deseñou a estratexia para evitalo e para colocar no seu lugar a Alberto Núñez Feijóo.

Rafael Cuíña e Alberto Núñez Feijóo

Poucos días despois, o PP estatal filtrou aos medios que unha empresa da familia Cuíña, Galega Subministracións Industriais, vendera á Xunta a través doutra empresa 8.520 traxes de auga e 3.000 pas para a limpeza de chapapote. O delfín de Fraga dimitiu ese mesmo día, defendendo que a súa familia non fixera negocio ningún coa operación porque doara á Xunta contedores para a recollida de fuel por un valor similar ao da venda do material de limpeza.

«Fraga díxolle que tiña que dimitir porque esa era a pinga que colmaba o vaso. O meu pai preguntoulle que a que vaso sevreferí e Fraga non soubo que contestar», asegura Rafael Cuíña.

O 18 de xaneiro de 2003, Feijóo tomou posesión do despacho sinalado para o previsible sucesor de Fraga, quen ano e medio despois o nomeou vicepresidente. Dous anos máis tarde, tras a derrota do PP nas autonómicas de 2005, o disciplinado funcionario converteuse en presidente do PP en Galicia.

Para entón, a caída de Cuíña xa arrastrara a todo o clan da «boina», moitos de cuxos membros se apresuraron a tomar posicións en torno ao novo líder. «El dicía que Fraga era como o seu segundo pai. Despois duns meses Fraga veu un día a comer á casa e recoñeceu que aquilo foi unha guerra de poder no PP que acabou inclinando a balanza na súa contra. Dalgún modo recompuxeron a relación, pero o meu pai sufriu tanto que creo que ata acabou somatizándoo todo», explica o fillo do exconselleiro.

Cuíña morreu o 28 de decembro de 2007, con só 57 anos, por mor dunha infección respiratoria que derivou nunha pneumonía. Pouco antes sufrira un infarto de miocardio. Fraga, Rajoy e Feijóo estiveron no seu enterro.

Alberto Núñez Feijóo, no enterro de Fraga en Perbes en 2010

O seu fillo seguiu militando no partido ata que o abandonou en 2012 en desacordo coa política lingüística de Feijóo, que acababa de suprimir o galego como lingua vehicular do 50% das materias na educación non universitaria. En 2012, xunto a outras persoas de ideoloxía galeguista de centro dereita, fundou Compromiso por Galicia, formación coa que gañou as eleccións en 2015 en Lalín para ser, como o seu pai, alcalde do pobo, ata 2019. Cando se lle pregunta que foi daquel sector do PP que un día puxo contra as cordas a Aznar, responde rápido: «O único representante que queda da boina son eu».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail