Caamaño&Ameixeiras: «Ter referentes femininos fainos máis libres»

Sabela Caamaño (acordeón) e Antía Ameixeiras (violín e voz) son xa dúas referentes da música folk no panorama galego. Cunha longa traxectoria individual, o dúo Caamaño&Ameixeiras adquiriu unha forza imparable dende os seus comezos. Premiadas co Martín Códax de música folk, o seu primeiro traballo Aire! toma como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio. Dende aí crean a súa propia linguaxe, con composicións e arranxos persoais e íntimos, que manteñen a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos.

O dúo de folk galego participa este sábado no festival online CULTURAS360, representando a Galicia dende o festival maré entre outros 14 países, cun concerto exclusivo gravado no taller de luthería de José CatoiraUnha cita para celebrar a diversidade cultural global, na que Caamaño&Ameixeiras botarán unhas pezas con esa maxia especial que nos une máis alá da nosa posición xeográfica. Canto, baile e moita alegría, a mestura que Sabela e Antía levan por bandeira. 

Coñecéstesvos en 2018 dun xeito azaroso. Como xurdiu ese encontro Caamaño&Ameixeiras? 

Antía: Eu creo que foi como un impulso que nos fixo ver que as dúas estábamos buscando un pouco o mesmo, facer un dúo de música folk. No primeiro encontro, cando quedamos para poñer música en común e para tocar, vimos que tiñamos uns gustos moi similares en canto a música e moita conexión tocando. A partir de aí, comezamos a crear en serio para facer deste proxecto algo profesional.

Sabela: As dúas tiñamos a nosa historia musical, pero dalgunha maneira nos faltaba isto. Sen buscalo atopamos a persoa correcta para facelo, e aquí estamos.

Tedes unha conexión moi forte, entre vós e co público; e é que levades dende pequenas unidas á música tradicional. 

Sabela: Tanto Antía coma min comezamos en asociacións culturais coa música tradicional, compaxinándoa coa formación máis clásica e académica. Para nós sempre foron mundos complementarios. Este proxecto é de música folk pero dalgunha maneira tamén hai influencias de toda a nosa andaina e formación musical, que é máis ampla.

Antía: Si, a min gustaríame remarcar a importancia das asociacións culturais porque fan un traballo de recuperación da nosa música tradicional moi importante, que moitas veces non se recoñece. Cada vez de xeito máis inclusivo e feminista. A min, a verdade, é que me cambiou bastante a vida estar nunha asociación cultural, ver que a xente se implicaba: no baile, na música… paréceme algo moi bonito. É unha sorte que haxa tantas e funcionen tan ben.

Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, nunha foto promocional de Caamaño&Ameixeiras. © Leticia T. Blanco.

Nese camiño, tivestes referentes femininas? 

Sabela: Os meus profesores de tradicional sempre foron homes, pero as referencias femininas estaban aí. Vías a mulleres que cantaban, que tocaban… figuras como Mercedes Peón, que é de Oza dos Ríos coma min e foi unha referencia importante nese sentido. A nivel «acordeonístico» tamén había mulleres, aínda que sexa un mundo máis masculino. Persoalmente nunca sentín que estivera no lugar equivocado, sempre sentín que podía ser o meu lugar. Pero é verdade que cantas máis referencias femininas poidan ter as nenas está claro que é mellor. E tamén é responsabilidade de cada muller ter ese arranque e dicir: «se eu estou ben facendo isto, se me gusta, por que non vou facelo?».

Antía: Como historia persoal, o ano que entrei no Conservatorio non había violín e comecei con percusión, porque tocaba a pandeireta e porque me gustaba. Entón atopeime con que tiña que tocar a batería e aí notaba que me faltaban referentes porque me parecía algo moi masculino e non me sentía cómoda, dábame vergoña. En cambio, co violín, tiña un referente clarísimo en The Corrs. É un claro exemplo de que fan falta referentes femininos en todas estas profesións que están máis ocupadas polos homes. Ter referentes fainos máis libres.

Aire!, o voso 1º disco, levouvos de xira por territorios internacionais e tamén vos trouxo recoñecementos neste 2021, coma o Folkez Blai ou o Martín Códax. Unha moi boa acollida, como vivistes ese proceso? 

Antía: Estamos moi contentas e ilusionadas con este proxecto. Xera moito interese, temos moitos concertos… e estes dous recoñecementos, como ben dis, son moi importantes porque che din que o estás facendo ben e danche moita forza para seguir.

Sabela: Nós fixemos este disco con toda a ilusión do mundo: invertimos moito tempo, esforzo, cartos, amor… de todo. Quizais non agardabamos que a acollida fora esta: está superando as nosas expectativas. O cariño que recibimos, as boas críticas, os comentarios do público.

Antía: A min emocióname máis que nos chamen para tocar por aí que que nos dean premios [risas]. O outro día chamáronnos para tocar en Portugal e foi como: «wow». Para min é o premio máis grande.

Neste primeiro traballo tamén colaborastes con moitas outras artistas, tanto na gravación do disco coma nos directos e nos vídeos. É importante para vós este feito de compartir as músicas?  

Antía: Encántanos, sempre se aprende moito doutras persoas. Divertímonos moito. Somos dúas e iso fai que cada concerto teña un toque distinto.

Sabela: Intentamos darlle a cada concerto un toque especial e único con algunha colaboración. E se pode ser de xente local, mellor. Tamén é algo que nos permite coñecer a outros músicos e entablar relacións, das que ás veces xorden cousas inesperadas e moi bonitas.

O que sentimos é que todas as tradicións teñen unha esencia común: todas falan dese carácter íntimo de cada pobo, que é o que fai que nos emocionen e nos caractericen, que as sintamos nosas

O voso Aire! ten unha sonoridade que viaxa dende os confíns de Europa ata o outro lado do Atlántico. É a música de raíz universal, en certo modo?  

Sabela: Para nós é unha viaxe a nivel emocional, xa que cada tema ten unha emoción distinta. Como ferramenta para expresar todo iso empregamos músicas de raíz de distintas tradicións, sempre tendo como centro permanente de referencia a música galega. O que sentimos é que todas as tradicións teñen unha esencia común: todas falan deese carácter íntimo de cada pobo, que é o que fai que nos emocionen e nos caractericen, que as sintamos nosas. Tampouco pretendemos facer un exercicio estilístico: son distintas linguaxes e ferramentas que empregamos, centrando o noso interese na emoción.

Antía: Para min o importante é que moita xente decidiu que certas pezas, xeración tras xeración, seguiran sendo escollidas para ser cantadas. É algo moi bonito é importante.

Sabela: Pasan o filtro do tempo, da xente, e ao final é o material que queda e perdura, que ten alma e calidade.

Ambas as dúas tendes viaxado por moitos países diferentes, que é o que máis vos presta de coñecer outros contextos musicais? 

Antía: Este verán fixemos unha xira por Bélxica e quedamos fascinadas polo respecto e implicación do público. Compartiron o concerto totalmente con nós e foi unha sensación moi fermosa.

Sabela: Sempre é de agradecer cando o público ten interese e sensibilidade musical. Cando saes por aí, notas que o interese pola cultura é moi grande. Tamén está o feito de coñecer xentes e músicas distintas, que te enriquecen coma persoa e profesional. Xerar pontes e lazos que frutifican en colaboracións e intercambios futuros son as cousas que ao final te enchen. Ás veces estamos un pouco pechados no noso e cando saes tes conta de que hai moito máis mundo, cousas que aprender e xente que coñecer. Abres a mente a cousas novas.

 

Culturas360 é unha oportunidade de visibilización máis alá do noso país, ademais dunha iniciativa moi fermosa de unión entre festivais de todo o mundo

Representades a Galicia no festival online Culturas360, dende o festival maré, no que participan outros 18 artistas e 13 festivais de todo o mundo. Que significa para vós?

Antía: É unha oportunidade de visibilización máis alá do noso país. Ademais de que nos parece unha iniciativa moi fermosa de unión entre festivais de todo o mundo. Cando se unen forzas e se traballa en equipo todo funciona mellor.

Sabela: Estas iniciativas son súper importantes para que as músicas poidamos abrir horizontes así que estamos moi contentas de que o festival maré nos escollera a nós para participar nesta ocasión.

Co 2021 a piques de rematar, que será o seguinte? 

Antía: Por agora seguimos presentando Aire! e farémolo todo a comezos de ano. Pero tamén estamos preparando novos temas. A verdade é que a actividade «concertística» non deixa moito tempo para o resto [risas], pero temos plans no Nadal de facer un pouco de investigación no arquivo do Museo do Pobo Galego. Interésanos moito o de Gustav Henningsen e temos ese plan de seguir buscando repertorio, cancións e ir pensando no seguinte proxecto.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail