As supostas doazóns ingresábanse na conta corrente de Democracia Orensana que o alcalde de Ourense baleiraba logo mediante cheques e transferencias por supostos traballos realizados para o partido pola súa propia canle de televisión.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, contratou asesores ficticios con cargo aos orzamentos da Deputación Provincial e do Concello para que lle entregasen durante anos cantidades de máis do 60% dos seus soldos. Esas mordidas ingresábanse na conta corrente do grupo municipal do seu partido, Democracia Ourensana (DO), que logo el baleiraba mediante cheques bancarios e transferencias de ata 30.000 e 40.000 euros como pago ou anticipo por supostos servizos prestados ou por prestar por Auria TV, a canle de televisión local propiedade do rexedor.
Segundo os extractos da conta corrente do grupo municipal de DO en Abanca aos que tivo acceso Luzes-Público, os asesores pagaban a Jácome cantidades notablemente superiores ás doazóns que realizaban os cargos políticos de representación, como concelleiras e deputados provinciais, que abonaban entre 200 e 600 euros mensuais, e dalgúns simpatizantes da formación, que ingresaban doazóns esporádicas de 30 ou 50 euros.
O caso máis rechamante é o de Pablo Gavilán Álvarez, enxeñeiro informático e coordinador político do grupo no Concello e asesor de DO na Deputación entre 2015 e 2019, cando Jácome aínda estaba na oposición. Gavilán tiña entón un salario de 2.000 euros netos, dos que transfería todos os meses 1.247 euros, é dicir máis do 60% da súa nómina, á conta do grupo municipal, da que Jácome era o único titular e única persoa autorizada para dispoñer dos cartos. Coincidindo co abono da paga extra de decembro chegou a transferir máis de 3.700 euros nunha soa operación. Na súa declaración da renda non recoñecía máis ingresos que o seu salario.
As mordidas nos soldos de concelleiros e asesores motivaron en 2020 que cinco dos sete edís de Democracia Ourensana abandonasen o partido e pasasen ao grupo dos non adscritos, deixando a Jácome en minoría. O PP retiroulle entón os apoios cos que permitiu que se fixese coa Alcaldía tras as municipais de 2019, que gañara o PSOE, a cambio de que DO permitise que a Deputación seguise en mans de José Manuel Baltar, presidente provincial dos populares.
O pasado verán, cando Baltar viu perigar a Presidencia da Deputación e intuíu que a caída de Jácome daría a Alcaldía ao PSOE, o PP, acordou co rexedor, coa aquiescencia de Alberto Núñez Feijóo, sostelo no Concello e volver gobernar con el. Jácome só conta co apoio de dous edís do seu grupo: Armando Ojea e Telmo Ucha. Este último accedeu á corporación tras a dimisión dun dos edís de DO que se pasaron aos non adscritos.
Jácome non quixo ofrecer a Luzes-Público a súa versión sobre os feitos, e limitouse a responder as preguntas deste medio por Whatsapp con varios emoticonos da plataforma de mensaxería, entre eles o que imita o cadro O berro, de Edvard Munch, e esta frase: «Ti escribe o que consideres que eu farei o que debo despois, porque me cheira a denuncia por inxurias ou calumnia do xornal, túa ou do informante».
Á marxe da retranca e as ameazas, o alcalde ten atribuídas publicamente as denuncias polas mordidas a unha campaña contra el.
O caso chegou aos tribunais o ano pasado, pero a Audiencia Provincial decretou a principios deste mes o seu sobresemento por unha cuestión de forma. Con todo, as declaracións dos asesores do alcalde aos axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) que figuran na investigación, e a cuxo contido tivo acceso Luzes-Público, indican que a contratación de varios deles estaba suxeita a que realizasen cuantiosas achegas ao partido.
O propio Pablo Gavilán, interrogado pola policía o 27 de outubro do ano pasado, asegura que a mordida que entregaba «foi consencuencia dun acordo» co alcalde, pero negou que ninguén lle transmitira que se deixaba de realizar a doazón se daría por finiquitada a súa relación co Concello.
Da declaración de Gavilán tamén se desprende que Jácome estaba máis interesado nos ingresos que ía proporcionarlle o seu asesor que no traballo que ía realizar: «Preguntado para que diga se esa doazón do 50% do soldo [bruto] a percibir é froito dun acordo co señor Gonzalo Pérez Jácome para que cobre a totalidade da xornada aínda que só realizaría media xornada, di que non foi un acordo de xornada completa ou media xornada, que foi un acordo de cantidades, que non había volume de traballo para realizar as oito horas», reza a acta da súa declaración na UDEV.
Gavilán, con quen este medio tentou sen éxito contactar para coñecer a súa versión dos feitos, foi contratado para a «xestión infomática do Concello», que en realidade conta cun servizo propio para eses fins a cargo de funcionarios especializados nesa materia.
Outro caso a considerar é o de Manuel Gutiérrez López, quen o 13 de novembro de 2020 declarou á policía que, sendo «xornalista non titulado de prensa do motor» con titulación académica de Formación Profesional, foi contratado en 2015 por Jácome para «achegar ideas, atender queixas de cidadáns e realizar mocións» do grupo municipal, de DO, entón na oposición.
Gutiérrez, quen tampouco respondeu as preguntas deste medio, explica á UDEV que antes de ser contratado mantivo unha reunión con Jácome en Jolper, a tenda de música da familia do alcalde, «quen lle expón que vai cobrar 1.300 euros e vai doar 500 euros», algo que non se tomou como «unha esixencia», senón que foi unha cuestión «de mutuo acordo». Gutiérrez, quen durante esa etapa declara non ter máis ingresos adicionais que os que recibía por algunhas «colaboracións en La Voz de Galicia», mantivo ata 2017 as doazóns a DO que deixaban o seu salario en menos de 800 euros mensuais.
As mordidas tamén chegaban ás persoas do círculo máis íntimo do alcalde, como Félix Álvarez Bertolez, primo carnal de Jácome e contratado como auxiliar político no Concello cun salario de 22.000 euros anuais. Ingresaba na conta de DO cantidades de entre 500 e 700 euros mensuais, que ascendían a máis de 1.300 euros cando chegaban as pagas extra, como demostran os extractos da conta corrente do grupo municipal.
Os edís e asesores que deixaron Democracia Ourensá elaboraron o ano pasado un informe sobre os abusos financeiros de Jácome que enviaron a Miguel Tellado, secretario xeral do PP en Galicia e segundo de Feijóo no partido, para explicar por que rompían co alcalde. Nese informe aparecen os nomes doutros asesores da Deputación e o Concello:
– Antonio Fernández martín, asesor político no Concello cun salario de máis de 34.000 euros anuais. «Un dos asesores máis próximos ao alcalde. Segundo el mesmo informou ingresa por banco todos os meses 400 euros máis as pagas extra».
– Emilio Reboiro López, asesor político no Concello con máis de 34.000 euros ao ano. «Foi asesor contable de Pérez Jácome e as súas empresas. Ingresoulle por conta bancaria nunha ocasión 1.200 euros e noutras 600 euros, negándose a entregarlle as pagas extras».
– Zaida María Alejos García. Foi asesora política na Deputación cun salario próximo aos 40.000 euros anuais. «Amiga persoal do alcalde. Vive en Alcorcón (Madrid) aínda que se censou formalmente en Ourense, onde vive a súa nai. Non se lle coñece traballo ningún para o grupo da Deputación. Ignoramos se achega algo pero cremos que non, xa que mantén unha especial amizade co alcalde».
Non aparece no informe enviado ao PP o nome de Guadalupe Ucha Nóvoa, curmá do concelleiro afín a Jácome Telmo Ucha e esposa de Luis Doval Pérez, titular do xulgado de Instrución Número 2 de Ourense. Trátase do xulgado ao que se librou por quenda a querela da Fiscalía presentada contra Jácome por malversación de fondos. O fiscal acusáo de apropiarse de preto de 100.000 euros de fondos de Democracia Ourensana entre 2015 e 2019, e, curiosamente, Guadalupe Ucha foi cesada como asesora de Jácome a principios deste mesmo mes, poucos días despois de que a querela da Fiscalía contra o alcalde recaese, precisamente, no xulgado do seu marido.
Non é a primeira vez que Doval xulga a Jácome. En setembro de 2019 absolveuno dun delito de coaccións a un axente da Policía Local, a quen, á súa vez, Jácome e o seu concelleiro Telmo Ucha denunciaran por un suposto intento de atropelo do que o funcionario tamén resultou absolto.
Doval explicou a Luzes–Público que non ve que a súa relación conxugal coa exasesora de Jácome e curmá dun dos seus concelleiros constitúa motivo para que se inhiba no caso aberto pola querela da Fiscalía contra o rexedor, e traslade a instrución a un compañeiro. O xuíz afirma que a súa muller «non tiña contacto directo» co alcalde.
O persoal eventual contratado por Jácome no Concello ascende hoxe a dezanove persoas entre asesores e auxiliares políticos adscritos ao seu grupo. E a lista podería incrementarse, porque hai dúas semanas o alcalde retirou todos os asesores dos que dispoñían os grupos municipais, salvo ao PP e a Ciudadanos, e pretende agora cubrir eses postos vacantes –tres asesores do PSOE e un do BNG– con persoal da súa confianza ao servizo de Democracia Ourensana.
A compentencia para nomear e cesar asesores recae legalmente no alcalde, pero a práctica habitual nos concellos que contan con eles é que a súa dispoñibilidade –como máximo un asesor por concelleiro– se distribúa entre os grupos de xeito proporcional ao seu tamaño. Jácome, con todo, cre que todo o persoal eventual do Concello de Ourense «debe estar ao servizo do grupo de Goberno» e que resulta «unha excentricidade regalarllos á oposición».
Así o asegurou durante o pleno extraordinario o pasado 13 de novembro, no que tamén xustificou as mordidas nos salarios dos eventuais ao seu servizo: «Todo o que vive do partido ten que apoquinar ao partido, só faltaría!», chegou a dicir no pleno.
O portavoz municipal do PSOE e secretario provincial dese partido, Rafael Rodríguez Villarino, considera que Jácome tenta «cernar» o labor político da oposición e que se trata dunha manobra destinada a dispoñer de máis fontes de ingresos con cargo aos salarios do persoal eventual. «Sempre utilizou os asesores como unha figura para ingresar diñeiro nas súas contas. Porque o único que lle importa é o diñeiro», afirma.
Villarino, que foi o cabeza de lista máis votado nas municipais de 2019, tamén critica que o PP sosteña a Jácome na Alcaldía, e acusa a Feijóo de facelo para tentar manter custe o que custe a Baltar na Deputación co apoio de DO. «Se Baltar desaparece e con el a súa rede clientelar, desaparece o poder do PP na provincia, o que ameazaría seriamente a Feijóo». Por esa razón, asegura, o presidente da Xunta tería imposto ao PSOE unha condición inasumible para derrocar a Jácome, que o presidente da Xunta fixo pública a primavera pasada: que Rodríguez Villarino deixe a política.
«O que se está coñecendo sobre Jácome debería ser suficiente para que o PP lle retire o seu apoio. Debería estar inhabilitado para ser alcalde», conclúe o voceiro socialista.