En 2006, e con 120 mil € de inversión pública, a pianista María Keilin foi a persoa encargada de viaxar desde A Coruña a Hamburgo a comprar un piano Steinway&Sons de gran cola para o Teatro Colón trala súa reforma: «Cuenta Keilin que, cuando fue a la fábrica de Steinway, pensaba que cualquiera de los seis pianos que le pusiesen delante valdría para ser el instrumento del renacido teatro, pero, al final, estuvo tres horas tocando diferentes piezas hasta que dio con el sonido que buscaba». (*)
Un piano elegante, un grande instrumento, un novo ben público co que a Administración adquire un dobre compromiso: o seu coidado, e promover o seu acceso. Polo tanto, o traballo de mediador do seu uso, para o que se establece un procedemento administrativo que estuda e analiza en cada caso –asegúrase– a pertinencia do seu préstamo.
preludio_
O Teatro Colón, de titularidade pública e propiedade da Deputación Provincial da Coruña, pasa por distintas direccións desde a nova apertura, mediante a cesión da súa xestión por convenio; en orde cronolóxica: Caixa Galicia, «Una hora menos»/Eulen, unha pequena etapa que programa a propia Deputación e, xa en 2018, o Concello coruñés gobernado por Marea Atlántica asume a xestión do escenario baixo a dirección de Bettina Kohlhaas, que designada sen concurso público desde o interior do IMCE, o Instituto Municipal de Cultura e Espectáculos, non presenta un proxecto definido ou publicado despois de 2 anos. Ata a data nin a Deputación nin o Concello, agora en mans do PSOE abriron un proceso de ideación coa comunidade artística e cidadá, malia ser solicitado en numerosas ocasións. Tampouco se conta cun plan para o teatro co que os axentes culturais poidan relacionarse, nin existe unha vontade de abrir un concurso público para o mesmo ou de cambio de modelo que asuma unha dirección artística.
o asunto da sonata_
O procedemento de cesión ou uso do Steinway está coordinado por Patrimonio da Deputación coruñesa, que dirixe Xose Lois Penas. Jose Manuel Yáñez Rodríguez, xefe de servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación, é o responsable de escoller persoalmente os expertos funcionarios ou técnicos que estudan, analizan e transmiten a súa opinión no seu informe, que é o que leva a aprobar ou non o uso do piano. Tigran Poghosyan, afinador do piano, e María Keilin, pianista repetidora no Conservatorio de Danza da propia Deputación da Coruña, encomendada á compra do Steinway, son os encargados desta función apreciativa. Con asiduidade, parece ser, a impresión da funcionaria Maria Keilin é suficiente, e necesaria. Hai que destacar que o xefe de servicio, Yáñez, asegura ter estudos en música, polo tanto elixe consciente dos seus efectos.
Os informes levan a negar o uso do piano Steinway, propiedade da Deputación, para o concerto-performance Brumario a dez días da mostra [Brumario é un espectáculo no que colaboran Vertixe Sonora e Javier Martín que contrata o Teatro Colón para o 24 de Outubro de 2020, coa participación de tres músicos ao saxofón, percusión e piano]. Traballo contratado polo Teatro Colón, coa consciencia plena do uso do piano, referido en reunións previas, dossier da peza, correos e o coñecemento público da obra e o seu proceso; pero abstráese. Deputación e Teatro sitúan a responsabilidade no outro, práctica lamentable.
[solicitude de uso, transcrición – 8.10.2020]
O concerto performativo «Brumario», un espectáculo no que colaboran Vertixe Sonora e Javier Martín que contrata o Teatro Colón para o 24 de Outubro de 2020, inclúe a participación de tres músicos ao saxofón, percusión e piano. Porén, para dita actuación é indispensable o uso do piano do Teatro.
A parte de piano incorpora distintas técnicas estendidas que implican accións na arpa do piano e diferentes preparacións do instrumento. Para tales fins retiraríase a tapa do piano para o concerto, con todas as precaucións e seguridades (a función da tapa do piano é a de proxectar o son cara o público, polo que a súa ausencia non produce ningunha alteración no instrumento).
Todas estas técnicas son habituais nos concertos con repertorio actual, onde os músicos de Vertixe Sonora son recoñecidos especialistas estando sobradamente experimentados para levar a cabo estas intervencións sen riscos para os instrumentos, desenvolvendo este traballo sen ningún incidente nos dez anos de existencia do grupo. É por isto que solicitamos poder empregar o instrumento do teatro»
Detalle das intervencións no piano para Brumario:
- Colocación de cinta sobre cordas do rexistro agudo para modificar o son. (Esta cinta non deixa residuos, marcas nin é daniña para as cordas).
- Fricción das mans sobre o moble exterior do instrumento.
- Catro fíos longos de nylon atados a cordas do rexistro medio e grave. O que se acciona no concerto son os propios fíos de nylon, que transmiten a súa vibración á corda á que están anudados.
- Friccións (funcionais, coidadosamente realizadas polo intérprete) de obxectos sobre diferentes partes da arpa (barras metálicas –debidamente protexidas e cordas para obter sons de harmónicos).
fugas_
[informes de resposta, transcricións das consultas internas facilitadas]
1
«El piano de marca está Steinway del Teatro Colón se compró en Hamburgo (Alemania) en la fábrica Steinway donde lo elegí entre varios instrumentos ofrecidos, y le costó la Diputación casi 120.000€. El instrumento ofrece un sonido fino y delicado, con un amplio abanico de posibilidades sonoras que muy pocos pianos pueden tener. Un piano tan valioso necesita un trato adecuado. Es totalmente inviable que se someta a cualquier tipo de manipulaciones o experimentos como: quitar la tapa, colocar objetos en su interior por muy delicados que sean, atar cualquier cosa a sus cuerdas o golpear el mueble. Y tampoco es bueno que nadie le toque las cuerdas con las manos. Sólo puede hacerlo su afinador de confianza.
Este piano es una joya. Está destinado única y exclusivamente al uso de artistas de alto nivel.
Atentamente, Maria Keilin».
2
«Yo, Tigran Poghosyan, como afinador del piano del Teatro Colón quiero informar que estoy en total desacuerdo con el posible uso del piano para el concierto del día 24 de octubre por los músicos de Vertixe Sonora. Un piano de la categoría Steinway que tenemos en el Teatro Colón no puede ser atribuido a un uso de este tipo. Es totalmente desaconsejable porque podría provocar grandes desajustes y muy costosos».
Tigran Poghosyan (Servicio Técnico de Pianos), A Coruña 12.10.2020.
dos nós_
É sempre a mesma experta a quen se acude, circunstancialmente sumouse o afinador, e os seus informes levan a decidir ao xefe de servizo: de tal feito que a análise, na súa pretendida independencia, depende duns criterios concretos que por repetición se fan tácitos. Unha inercia metodolóxica pechada sobre si, que non permite variabilidade nuns criterios que resultan ser tradicionalistas no uso do instrumento, que defenden a realidade dun paradigma cultural situado nuns rigores particulares das linguaxes, formas artísticas e nas técnicas de traballo, co resultado dun nesgo de procedemento que limita o acceso da comunidade artística profesional a un ben público.
O acceso circunscríbese, pois, ao uso exclusivo da pulsación das teclas, deixando de lado todas as técnicas estendidas propias da contemporaneidade que tantos compositores usan na actualidade e que honran o piano nunha maior amplitude: na súa potencia coma caixa de resonancia. En definitiva, unha posición conservadora que resulta nunha análise que non é neutral nin xeral.
Ademais, é destacable o escaso rigor dos argumentos que levan a invalidar o uso do instrumento. Valor económico, categoría do instrumento e a súa calidade sonora son os temas referidos –por suposto a priori coñecidos na solicitude de uso– e que se retorcen e empregan para apuntar unha suposta incompetencia e impericia a nivel técnico e interpretativo: asunto inxustificable, falto de cálculo, que merece rectificación.
O que se extrae da análise validada no procedemento, é que o son de Brumario non é unha música digna, que non ten a calidade da Arte que se estima apropiada, que non ten o suposto nivel do uso do Steinway&Sons. Que se maltrata ou se pon en risco a linguaxe, os seus medios e instrumentos: unha reacción ante o que se descoñece, que non é capaz de respectar a diversidade técnica e formal, nin recoñecer a calidade noutras derivas discursivas.
interludio_
«Os paradigmas son universos de discursos». Kuhn.
A realidade é que existen e conviven distintas derivas de coñecemento e uso perfectamente lexitimadas na actualidade. Non saber apreciar a diferenza é un dos grandes problemas do noso tempo. Non é democrático que a ignorancia duns sobre certos asuntos valla o mesmo que o coñecemento que sobre tales posúen outros: é falta de perspectiva, un xogo de poder inercial e hexemonía cultural que promove tantas veces unha violencia institucional inxenua que neutraliza os distintos paradigmas da Cultura e a súa convivencia.
Os recursos públicos, preservando o patrimonio, deberan ser para a investigación, creación e produción de todos aqueles dispostos e capaces de facelo, que atendan en responsabilidade ao seu coidado. Aquí unha política cultural pode inferir para abrir o campo e limpalo destas inercias arbitrarias dos comportamentos, asegurando e afirmando a viveza das disposicións do común e a súa riqueza.
adagio cara a un proceso aberto_
Para compoñer o plural é útil, nun procedemento deste tipo, convocar metodoloxicamente e con rotación a profesionais recoñecidos do sector cultural con diferente percorrido, promovendo unha interacción e aprendizaxe compartida, para que o efecto non sexa simplemente aditivo, senón acción recíproca, relación e influencia. Así o marco resultante será complexo, tendo en conta o presente das manifestacións elaboradas en Cultura; promovendo así a diversidade de criterios; atendendo, por suposto, aos coñecementos necesarios para avaliar o uso do instrumento en cuestión; para saír do paternalismo institucional, a súa afectación e da discrecionalidade tácita ou inercia do procedemento, e activar a rexeneración en responsabilidade coas forzas vivas da sociedade cunha vontade de apertura, participación e traballo colaborativo: pluralidade nas formas, nos modos e contidos.
Sen o debido acompañamento crítico dos comportamentos culturais, tanto da cidadanía coma das súas institucións, non seremos nunca unha sociedade madura. Tal é a responsabilidade que move esta crítica, pois crear contexto é unha actividade de primeira orde.
Aquí nin a Deputación, nin a dirección do Teatro Colón se corresponsabilizan en modo algún, o que resulta nun exemplo máis de violencia institucional nos modos de facer Cultura aquí en Galicia; xerando, por omisión ou abandono de funcións, as condicións desactivadoras para os artistas e colectivos da Cultura; un modo de acción banal que cercena a «diversidade e a diferenza pechando filas sobre si, enchendo de medos reactivos e de vergoñas as distintas minorías que acaban por conformar unha maioría en fuga. Tal é o modo polo que se homoxeneiza ou zombifica unha sociedade e as súas institucións. Vítimas da desinformación, do discurso único –en aparencia urxente e necesario–, da excesiva burocratización e da paixón dunha supervivencia técnica; situando un labirinto no cotián, que se retorce sobre si mesmo para acoplarse de cada volta ao sistema: nun silencio opaco, nunha inacción estéril».
[A intención deste escrito non é a de por en dúbida a valía profesional das persoas implicadas, si o procedemento administrativo e os modos de facer que resultan].