Europe, Europe, we have a problem: a violencia contra as mulleres

Foto de Nacho Alarcón

58 pares de zapatos vermellos. Un por cada muller asasinada en Bélxica pola violencia machista nos dous últimos anos. Así amenceu este luns a bruxelense Place Jourdan, onde se atopa o coñecido posto de frites Maison Antoine, no que a mesma Angela Merkel degustou unha das especialidades do país.

58 pares de zapatos vermellos espallados pola praza peonalizada para denunciar a falta de medidas legais contra os feminicidios, de escasa coordinación entre diferentes niveis da Administración, de nulos refuxios onde acoller ás mulleres que escapan do asasino na casa. Para denunciar que o Estado belga tampouco rexistra e informa de todas esas mortes.

Bélxica é unha das potencias políticas continentais, pero non é unha excepción, mais ben é un bo exemplo do que acontece na UE onde só 16 dos 28 Estados Membros clasifican, con parámetros xudiciais e policiais claros, a información sobre a violencia de xénero. Porén, traballar cos datos na procura dunha fotografía comunitaria completa é complicado.

Descoñecemos o número total de mulleres asasinadas na UE en todo 2017. Son case 2.000, segundo Eurostat, mais faltan as cifras de Austria, Bélxica, Irlanda, Luxemburgo, Portugal e Romanía. En termos absolutos, como é o normal, Francia, Alemaña e o Reino Unido ao seres os países con maior poboación son tamén onde máis mulleres foron asasinadas.

O European Institute on Gender Equality (Instituto Europeo sobre a Igualdade de Xénero) si contabiliza un total de 788 mulleres asasinadas pola súa parella, ex-parella ou por un membro da familia no 2016 en toda a UE. Segundo a oficina estatística comunitaria, con cifras incompletas, ese ano morreron 1.797 mulleres.

Compre ollar os datos relativos de Eurostat, en relación a cada 100.000 habitantes, para completar o cadro da violencia machista na UE. Lituania e Letonia, os países con maior índice de homicidios da UE, son tamén onde máis mulleres morren. E velaquí chegan as sorpresas. En termos relativos Francia salta do posto oito ao tres se comparamos a taxa de homicidios totais coa de feminicidios.

No que vai de ano xa hai 116 mulleres asasinadas por homes en Francia, un número que os movementos feministas elevan ata 137. O ano pasado morreron 121 francesas por mor desta violencia. Nos últimos 8 anos suman un milleiro. Aínda que nos medios de comunicación galos o termo feminicidio vai gañando cada vez máis presencia aínda non existe no código penal, tampouco en Bélxica, que só contempla estes asasinatos como homicidios aos que aplicar dous agravantes: se é cometido polo conxugue ou parella sentimental e se hai unha motivación sexual.

Hubertine Auclert foi unha xornalista francesa da segunda metade do século XIX que chegou a ver os primeiros días da Primeira Guerra Mundial. Mais a súa guerra era outra, a dos dereitos das mulleres como pioneira sufraxista. Hoxe existe un centro dedicado á súa memoria e ás loitas das mulleres e de toda á sociedade en prol da verdadeira igualdade. O seu leitmotiv segue vivo fronte ao machismo da sociedade gala. «Por que os homes cambiarían pola súa propia iniciativa unha situación que lles é favorable?», destacan no Centre Hubertine Auclert.

Herdeiros da súa loita pioneira, veñen de facer o primeiro estudo sobre a ciberviolencia conxugal grazas ás entrevistas a trescentas mulleres. As súas conclusións destapan «obrigas de estar localizables, confiscacións de teléfonos ou vixilancia en liña», que poderíamos resumir nunha falsa modernidade, ou o uso das novas tecnoloxías para perpetuar comportamentos arcaicos.

Segundo o xornal Le Figaro, trala separación un 40% das pensións alimenticias ás mulleres para atender as necesidades dos seus fillos non son entregadas parcial ou totalmente. Datos que o diario conservador de referencia obtén da propia seguridade social do país e que chama como «forma de violencia que segue á separación e golpea ás familias monoparentais vulnerables».

En Francia non o recoñecen pero ollan con envexa, malia todos os seus defectos, disfuncións e falta de recursos, aos tribunais especiais contra a violencia machista que existen en España, á formación dos equipos policiais e xudiciais nesa materia ou á extensión do brazalete electrónico. 136 mulleres asasinadas no que vai de ano, case tres veces máis que en España nun país cun 50% máis de poboación. A comparación arrepía.

Se saltamos á outra das grandes potencias europeas, Italia, a situación aínda é máis vergoñenta. Non contou con rexistros oficiais sobre este problema ata o ano pasado e agora o censo estase a facer cara atrás, comezando por rexistrar as 115 mulleres asasinadas en 2017. Igual que en Bélxica ou en Francia, é a sociedade civil a que vai por diante. A asociación Non Una Di Meno (Nin unha menos) leva xa contabilizadas 94 mortes dende xaneiro. Tamén denuncian que nos últimos cinco anos máis de 500.000 italianas foron vítimas dalgún tipo de abuso sexual polas súas parellas.

En Bruxelas monumentos como a Grand Place ou en Roma o Parlamento de Montecitorino ilumináronse este luns de laranxa, a cor escollida pola ONU contra a violencia machista. Menciña visual para loitar contra os acosos que cada quince minutos sofre unha muller en Italia.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail